Ana Mosquera
Permitídeme roubarlle a expresión a Aser Álvarez,
pero paréceme moi afortunada. Penegache e a súa sombra non son o fin do mundo, como pensan nas cidades, senón o principio. Non se trata só dunha cuestión de perspectiva. É unha realidade. A montaña estaba habitada desde tempos prehistóricos e o máis
probábel é que moitos de nós sexamos descendentes deses primeiros poboadores.
Planalto de Penegache con néboa. Un bo lugar para vivir na prehistoria. |
Fonte do marco 21, na raia. A calidade das augas da serra ben seguro que lle facilitou a vida aos seus poboadores. |
Eu son unha pónla dunha estirpe que durante séculos estivo apegada a esta terra e sintome obrigada con esta tribo a transmitir os valores do noso patrimonio cultural e incluso emocional, para que xeracións futuras poidan gozar a súa maneira deste lugar.
Penegache, interior dunha mámoa. As raices máis fondas. |
O meu avó ía traballar as terras, o meu pai vai ver os seus montes, eu vou en busca de respostas e espero que a miña filla atope algún día as súas razóns.
A miña filla camiñando polos muros do Castelo de Arance, entre As Chedas e Gorgoa. |
Por unhas razóns ou por outras, estas son unhas datas de festa, probablemente desde os tempos dos construtores das mámoas de Penegache, coñecedores dos solsticios, como testemuña a orientación dalgunhas mámoas. O catolicismo, con moi bo criterio, decidiu simbolizar o seu propio nacemento da súa Luz, coa chegada do Mesías.
O Nadal era ir co avó a cortar un piñeiro e adornalo na casa de Fondóns e quentarme co lume na casa natal, coa gata no meu colo buscando calor.
Pero, se algo tiñan de especiais aquelas festas
para min, eran as reunións cos amigos na cociña de afumar os chourizos. O fume metíasenos
nos ollos e pasabamos as vacacións con cheiro a fumeiro, o que por outra parte
non era moi diferente de anos posteriores, cando comezamos a ir ás discotecas. Os
porcos aínda se cebaban e mataban na casa e o fumeiro colgábase dos loureiros a
secar. A fascinación ancestral polo lume, as secretas confesións e quizais a
sensación de vivir algo que remataba, empuxábanos cara a cociña de afumar. E así foi durante algúns anos.
Casas que xa non están. |
Cando non chovía saiamos, lembro incursións na escola abandonada de dona Rosita e outra ao castelo da casa de Santa María, tamén abandonada, coas miñas curmáns de Leirado. Sempre me fascinaron os lugares abandonados, pero
aínda así espero que estas terras non se
convertan en fantasmas para os arqueólogos.
Foto tirada en febreiro de 1983 no lugar que agora ocupa a casa de Begoña en Santa María. |
E parece que non vai ser así, pois aquí temos unha noviña xeración con moita personalidade.
Irea Castro Doallo de Atainde |
BOAS FESTAS A TODOS.
UN RECORDO PARA OS QUE NOS
PRECEDERON E AGARIMOS PARA OS QUE NOS SUCEDERÁN