sábado, 10 de agosto de 2019

DE XACEBÁNS Á RESISTENCIA FRANCESA E AOS 186 ESCALÓNS DE MATHAUSSEN



Ana Mosquera

Julio Domínguez Rodríguez e a súa esposa Silvine na súa voda en Francia en 1942.

No mes de xaneiro chegoume un whatsapp da miña prima Gladys. Unha asociación de deportados estaba buscando familiares de Julio Domínguez Rodríguez, liberado de Mathaussen e natural de Quintela de Leirado, só tiñan o nome e a data de nacemento.

Con eses datos ocorréuseme pedir unha Certificación de nacemento. De seguida tivemos os vimbios para o cesto. O noso home era de Xacebáns, fillo de Manuel e Felicia, nacido en 1916. O resto foi máis sinxelo aínda. Puxemos o facebook da Sombra a funcionar e en dous días estaban localizadas as súas sobriñas, Julia e Manuela, coas que xa tiña relación virtual.




Foi Julia Rodríguez Domínguez, da Fonte de Xacebáns, quen, por estar emigrada en Suiza, tivo máis trato co seu tío. E ela a que nos relata a historia.


Julio Domínguez Rodríguez aos 16 anos era un rapaz inquieto que marchou traballar fóra. Como moitos mozos da súa xeración non vía posibilidades no seu Xacebáns natal. En Galicia había pouco que conseguiramos a propiedade da terra, coa redención dos Foros. Pero o minifundio, as pésimas comunicacións e a falta de diñeiro en efectivo para realizar transaccións expulsou a moita xente do campo.
Tomando notas das intensas historias de Julia.

O 18 de xullo de 1936, cando só tiña 20 anos, Julio encontrábase en zona leal á República e, segundo nos consta, estaba afiliado á Sociedad Obrera de Tejeros y Cerámicos de Madrid. Tocáronlle tres anos de guerra.


Arquivo do Centro Documental de Salamanca.



O seu irmán Antonio, pola contra, vivía en Galicia e foi recrutado polo bando franquista.
A frase tan repetida de que era unha guerra de irmáns contra irmáns neste caso chegou a concretarse, segundo contaba Antonio, na fronte de Toledo.
Mentres a República resistía nunha pequena localidade próxima a esta cidade, Julio Rodríguez, que se encontraba nunha casa abandonada, atopou unha máquina de escribir e, aproveitando un momento libre, colocou nela un papel e puxo o seu nome: JULIO DOMINGUEZ RODRIGUEZ – QUINTELA DE LEIRADO. 
Ao chegar o bando franquista, o exército ocupou as mesmas casas. Antonio Domínguez, explorando a vila, entrou e atopou o papel. O seu irmán estivera alí. Estábanse disparando na mesma fronte. Ao rematar a guerra, esta sería unha anécdota que Antonio contaría a Julio para a súa sorpresa e desde ese momento convertiuse nunha das historias máis repetidas na familia.

O sogro de Julio, Silvine e Antonio, o irmán de Julio, contra o que pelexou na fronte.
A nena é Solange.


Cando a guerra Civil remata, Julio escapa a Francia. En 1942, casa cunha fermosa francesa Silvine.
O nazismo estendíase por Europa e o pai de  Silvine era o encargado dunha famosa tenda de antigüidades de París, propiedade dunha familia xudía escondida ou fuxida e aos que el lles administraba lealmente a tenda. A situación económica da familia era boa. 

Julio colaboraba coa Resistencia e foi detido por participar en sabotaxes contra o Exército Nazi, cando menos así consta no seu expediente, ao que recentemente tivo acceso a Asociación pola Recuperacion da Memoria Histórica.




O FTPF que se cita é o nome da resistencia armada creada a fins de 1941 en Francia, durante a 2ª Guerra Miundial.
En maio de 1944, despois de ser infiltrados pola Gestapo, caeron os responsables da organización.



A Julio non o detiveron até case o fin da Segunda Guerra Mundial. Xa nacera a sua filla Solange en 1943. Consta detido en Compiègne, o 22 de marzo de 1944, segundo a documentación feita pública polo Ministerio de Cultura Español, pero como  a maior parte dos republicanos españois acabou no campo de Mathaussen. A data de ingreso, como se ve na ficha, foi o 14 de abril de 1944.





A súa sobriña de Xacebáns ensíname un libro que lle regalou o seu tío. Chamase "Deportación", editado en 1969. É unha tradución ao castelán dun libro francés realizado pola Federación Nacional (francesa) de Deportados Resistentes e Patriotas dos campos de Concentración e pagada por 17 mil subscritores que colaboraron tamén na recollida de testemuñas e fotografías.



Julia ensíname as 186 escaleiras de Mathaussen. Estes chanzos salvaban un profundo abismo.
“Cada mañán mandábanos á canteira e cada noite tiñan que subir cunha pedra. Para poñérllelo máis díficil, os chanzos eran de diferentes alturas e anchuras, de modo que non podían subir de forma mecánica, tiñan que subir atentos, se caian éralles moi dificil levantarse polo peso da pedra e a desnutrición. O que caia por agotamento era matado alí mesmo polas SS. O resto dos reclusos, como Julio, tiñan que o recoller e levar a queimar aos fornos".


Os 186 escalóns de Matahaussen.
A subida por estas escaleiras, cunha pedra, era un test que lle permitía a cada un medir as forzas que lle quedaban. 



Houbo un día no que Julio se rendiu e ía deixarse ir, para que o rematasen. O compañeiro que camiñaba ao lado colleuno e dixolle: "Aguanta Julio, que xa veñen a por nós, son poucos días".

Canteira de Mathaussen. A familia Poschacher, dedicada á construción e beneficiaria do traballo dos presos, pagáballe ao Goberno alemán por cada preso o 50% dun salario normal a través dunha empresa pública.

Tres días despois liberaron o campo as tropas norteamericanas.
A razón de que os presos estivesen ao tanto da chegada dos aliados era a de que algúns deles conseguiran facerse cunha radio. Cada un gardaba unha peza e montábana todas as noites para escoitar a BBC.
O regreso de Julio á súa casa familiar de París foi case tráxico. Desnutrido, cun traxe de raias, o pelo rapado, sen barbear, nin asear e co corpo cuberto de lá, ese pelo corporal que colle volume ao non haber carne. Timbrou. Silvine abriu a porta e de pronto saiu despavorida pedindo axuda ao piso de abaixo. Un veciño calmouna, escoitou a aquel tipo desaliñado e dixo: "Silvine é o teu home!".
Francia deulle un recoñecemento aos supervivintes e a vida de Julio foi acomodada. Mantiveron o seu piso nunha zona privilexiada de París.

Vestido con atuendos árabes na voda da súa filla.


A súa filla Solange estudou dereito, foi avogada e casou cun médico tunecino no país do seu home. Julia hai varios anos que non ten novas dela, ten medo de que falecera, pero como Solange está agora viúva e non ten familia é difícil de saber.

Solange


Julio só voltou unha vez a Xacebáns, en 1985.

A súa sobriña puido encontrarse con el varias veces en Francia e tiveron bastante trato. Ela estaba na emigración en Suíza e el tiña unha casa de veraneo preto da fronteira. "A pena que me quedou é que nin a súa nai nin as súas irmáns o puideron chegar a ver nunca máis", comenta Julia.



Xacebáns á saida da visita á casa de Julia.





NOTA:

Este traballo foi posible grazas a Asociación pola Recuperación da Memoria Historica e as Asociacións de Deportados que nos facilitaron todo o material que tiñan no seu arquivo.
As fotografias dos documentos franceses e alemans pertencen aos Expedientes da Resistencia.
As fotografías do Campo de Mathaussen están extraidas do libro citado neste texto. 

4 comentarios:

  1. Magnífico artigo, e fascinante vida a de Julio. Coma todos os republicanos que perderon a vida ou sufriron a tortura dos campos por loitar contra o franquismo e o nazismo. Todos eles merecen a nosa homenaxe, aínda que sexa tan tarde. Niso estamos desde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Agardamos que as autoridades estean a altura do seu deber cívico e democrático.

    ResponderEliminar
  2. Excelente documental, Ana. Moi bo. Grazas.

    ResponderEliminar