miércoles, 23 de diciembre de 2015

O NADAL NO PRINCIPIO DO MUNDO

Ana Mosquera



Fondóns-Reis de 1983- A fascinación do lume.





Permitídeme roubarlle a expresión a Aser Álvarez, pero paréceme moi afortunada. Penegache e a súa sombra non son o fin do mundo, como pensan nas cidades, senón o principio. Non se trata só dunha cuestión de perspectiva. É unha realidade. A montaña estaba habitada desde tempos prehistóricos e o máis probábel é que moitos de nós sexamos descendentes deses primeiros poboadores.


Planalto de Penegache con néboa. Un bo lugar para vivir na prehistoria.



Fonte do marco 21, na raia. A calidade das augas da serra ben seguro que lle facilitou a vida aos seus poboadores.




Eu son unha pónla dunha estirpe que durante séculos estivo apegada a esta terra e sintome obrigada con esta tribo a transmitir os valores do noso patrimonio cultural e incluso emocional, para que xeracións futuras poidan gozar a súa maneira deste lugar. 


Penegache, interior dunha mámoa.
As raices máis fondas.






Os meus avós, a señora Pura de Fondóns, Leonor de Fondóns e Dario de Redemuiños.
Foto tirada na Feira de Gomesende, a principios dos anos cuarenta do século pasado.
A maioria non están. Gardámolos na memoria.



O meu avó ía traballar as terras, o meu pai vai ver os seus montes, eu vou en busca de respostas e espero que a miña filla atope algún día as súas razóns.


A miña filla camiñando polos muros do Castelo de Arance, entre As Chedas e Gorgoa.


Por unhas razóns ou por outras, estas son unhas datas de festa, probablemente desde os tempos dos construtores das mámoas de Penegache, coñecedores dos solsticios, como testemuña a orientación dalgunhas mámoas. O catolicismo, con moi bo criterio, decidiu simbolizar o seu propio nacemento da súa Luz, coa chegada do Mesías.



Virxe embarazada na igrexa de San Salvador de Redemuiños.
Unha rareza no norte da península.


























O Nadal era ir co avó a cortar un piñeiro e adornalo na casa de Fondóns e quentarme co lume na casa natal, coa gata no meu colo buscando calor.

Pero, se algo tiñan de especiais aquelas festas para min, eran as reunións cos amigos na cociña de afumar os chourizos. O fume metíasenos nos ollos e pasabamos as vacacións con cheiro a fumeiro, o que por outra parte non era moi diferente de anos posteriores, cando comezamos a ir ás discotecas. Os porcos aínda se cebaban e mataban na casa e o fumeiro colgábase dos loureiros a secar. A fascinación ancestral polo lume, as secretas confesións e quizais a sensación de vivir algo que remataba, empuxábanos cara a cociña de afumar. E así foi durante algúns anos.





Casas que xa non están.




Cando non chovía saiamos, lembro incursións na escola abandonada de dona Rosita e outra ao castelo da casa de Santa María, tamén abandonada, coas miñas curmáns de Leirado. Sempre me fascinaron os lugares abandonados, pero aínda así espero que estas terras  non se convertan en fantasmas para os arqueólogos.



Foto tirada en febreiro de 1983 no lugar que agora ocupa a casa de Begoña en Santa María.







E parece que non vai ser así, pois aquí temos unha noviña xeración con moita personalidade.




Irea Castro Doallo de Atainde




BOAS FESTAS A TODOS.
UN RECORDO PARA OS QUE NOS PRECEDERON E AGARIMOS PARA OS QUE NOS SUCEDERÁN






  

sábado, 5 de diciembre de 2015

O mosteiro liberado das silvas e das hedras

Ana Mosquera


Visita a San Paio de Abeleda- Ribeira Sacra.




“Os balados xa non están… Pro o espiritu dos vivos e mortos albiscan a esperanza que redima para sempre a Fame e a Sede doutrora.”- IRIA FERNÁNDEZ CRESPO








A Fame e a Sede son dous dos chapiteis da igrexa de San Paio de Abeleda. Son monstros que simbolizan os males que poden caerlle ao ser humano de non cumprir con Deus, e o saber popular deulle os nomes dos dous males máis grandes que coñecían: A fame e a sede.






San Paio de Abeleda é un mosteiro medieval, románico, perdido e abandonado na ribeira Sacra, á beira do Sil, no Concello de Castro Caldelas. Segundo parece foi fundado pola familia de San Rosendo.  De certo no tombo de Celanova constan propiedades  do mosteiro de Celanova en Avellaneta (Abeleda), xa no século X. 



O 8 de marzo de 995 Aragunta doa ao abade Manilán e ao mosteiro de Celanova a sua vila en Abeleda, terras de Caldelas.

O 15 de xuño de 1095 Gutina Ordóñez doará a Celanova e ao seu abade Pedro unha viña en Abeleda, terra de Caldelas.

Pero tamén constan propiedades da familia de San Rosendo. Así, nun texto do 3 de novembro de 934, recollido no Tombo de Celanova, faise partición dos bens de Gutier e Ilduara, pais do santo, correspondéndolle a Munio, irmán de San Rosendo, as terras de "Avellaneta", en Caldelas. E posible que fose está rama á que fundou San Paio de Abeleda.

Patio de entrada, con instalacions agrícolas como un pombal cadrado, a entrada ao claustro e outros edificios.


Interior do Pombal



Detalle porta de acceso ao claustro



Pantocrátor- Deus en Maxestade






Despois da sua fundación no medievo e dos tempos de fartura, o mosteiro foi abandonado e expoliado. Os seus bens pasaron á casa dos duques de Alba. 








A capela do mosteiro funcionou como parroquia ate 1972.  Hai algún tempo os veciños, coa Asociación "O Sorriso de Daniel" fixeron unha convocatoria para limpar o mosteiro de maleza e poder acceder.





Non obstante, a súa actuación foi máis aló e os derradeiros parroquianos bautizados na capela participaron nun impactante proxecto: unha exposicion de fotografías de veciños bautizados na parroquia ao lado da súa querida Pía Bautismal, do S. XII, que conseguiron arrebatar a uns expoliadores que xa a tiñan cargada nunha furgoneta. 




Campanario



A exposición está acompañada duns fermosos textos de Iria Fernández Crespo cuxa lectura recomendamos. Advertimos que, sobre todo, estes textos emocionan no seu contexto, xa que representan a intención dos veciños de non deixar que o seu patrimonio se perda. As fotos das exposición ante a pía son de Soledad Felloza.
Exposición coas fotos dos veciños ao lado da pía.


Como din os textos desta exposición: ¡Arriba San Paio de Abeleda!!! 

Amigos de Caldelas: non a deixedes caer sodes o noso exemplo.