Ana Mosquera
Odilo R. Codias foi presidente da
Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Desde hai máis
de vinte anos é o administrador de Conxelados Alaska. Ten tamén participación nos
órganos de administración de máis de media ducia de empresas. Coñeceu e incluso
tivo relación próxima con algunhas personaxes destacadas, como o que foi
presidente do Real Madrid, Ramón Mendoza Fontenla. Pero no seu camiño cara
adiante nunca esqueceu que era o “rapaz da Celsa”, natural de Xacebáns, no pé
do Penegache. Viviu, en poucos anos, impresionantes cambios na súa vida. Unha
historia que quixo compartir con nós a través do libro que vén de publicar, “Más
fuerte que el hambre”, editorial Teófilo.
Permitídeme empezar cunha pequena
frivolidade, pero a min, de Odilo, sempre me chamou a atención o porte elegante
e o ben que viste. Nin demasiado serio, nin demasiado moderno, nin demasiado informal.
Sempre no punto adecuado, axudado polo seu físico.
A foto da portada do libro é o
retrato dun Odilo de primeira comuñón, pero non é un traxe como os que todos
levaban ese día, el non ten para un traxe así. Probabelmente está desgustado e
pode que comece a comprender a precariedade económica da súa nai. Con todo, mantén
a cabeza alta e con orgullo, como dicindo: Vou saír adiante.
Ese día da comuñón, naceu o seu
espírito emprendedor? Pode, en todo caso era un día importante, porque foi
consciente de que non tiña a ninguén. Os outros nenos contaban con pais
emigrados que mandaban cartos. Odilo non tiña pai e comprendeu que debía
valerse por si mesmo.
Criado en Xacebáns, no pé de
Penegache, no libro relata a historia dun rapaz enxeñoso e con decisión para
poñer en práctica as súas ocorrencias. Valentía e decisión que teñen algo que ver coas
particularidades do lugar onde se criou.
Nalgún momento das súas vidas,
todos os veciños de Quintela de Leirado, cando menos os daquela época,
participaron, dunha forma ou doutra, no contrabando. Vivindo en Xacebáns ao pé
da fronteira era moito máis doado. O contrabando foi, entre outras cousas, unha
escola de vida para aprender até onde se podía chegar, canto arriscar, canto
perder. Calcular os riscos e tratar de evitalos. Unha autentica escola de
negocios da época e, aínda que non todos tiveron igual sorte, posto que mp
asunto xogaban moitos factores, si sabemos que algúns dos máis importantes
empresarios da provincia pasaron contrabando por esas montañas, como eles
mesmos contaron: Odilo Rodríguez, Antonio Piña (Anpian), Ramón Vázquez…
Desde Penegache ao mundo |
Persoalmente, eu penso que na
vida do Odilo a falta da autoridade do pai non lle veu mal. As súas ideas moi
posiblemente non terían pasado o filtro dunha autoridade familiar, naquel ambiente
tan conservador e amedoñado.
O libro trata catro etapas
diferentes.
A infancia en Xacebáns dun neno
de aldea e a primeira mocidade aprendendo un oficio polo día e gañando uns
pesos polas noites na fronteira.
Unha da parte máis interesantes é
a dedicada a Fernando Poo. Está moi ben explicada a anguria da primeira viaxe e
o funcionamento das explotacións, contado dunha forma bastante sincera. Por primeira
vez, alguén desta terra fala con coherencia dese tabú que foron as colonias de
Guinea.
![]() |
Selo postal emitido en Fernando Poo |
A terceira parte describe a
emigración nun sitio moi especial e descoñecido: Holanda.
En Holanda non son os negros os
que viven en barracóns,son os galegos e o resto dos emigrantes. Até oito metidos
xuntos. Compénsalles polo salario.
Despois mellora a vivenda e casa con
Preciosa. Voda á que a min con tres anos non me deixaron asistir porque lembro
que había unha tremenda nevada. Aínda que para contentarme estreei o peto e fixéronme
unha foto na casa da noiva que é de Fondóns e da miña familia. Logo viñeron os
seus fillos Johny e Marga, aos que algo lles tocou andar para adiante e atrás.
Durante eses anos, como bo
galego, aforra para instalarse de volta, pero centrase en mellorar a casa materna.
Volver á montaña nai.
Igrexa parroquial de Xacebáns |
Levou á súa nai a coidar os
fillos a Holanda e esta anécdota permitídeme contala porque me identifico moito
con ela. Celsa, acostumada ás nosas casas de aldea, chega a unha casa de
Holanda con calefacción, moqueta cuarto de baño e TV a cor e escandalízase porque
pensa que vivían como ricos e que malgastaban o diñeiro. A min pasárame algo parecido de nena cando
cheguei a Caracas.
En Holanda, Odilo e Preciosa
traballaron moito. Gañaron diñeiro e sobre todo souberon investilo. Hai que saber
comprar e saber vender. Adiviñar onde estarán as necesidades.
Preciosa e Odilo decidiron
retornar polos fillos. Querían que os seus fillos fosen galegos. De feito Johny
xa tiña un marcado acento neerlandés cando volveron.
![]() |
|
Co retorno en Ourense, veu unha
época de éxito nos negocios, cos Conxelados Alaska e como promotor de solos.
Sempre tivo o acerto de manter un pé no seguro e coñecido e máis ou menos
estable mundo dos conxelados e outro con certo grado de aventura nos negocios
inmobiliarios.
O libro ten interese para calquera, non se trata
só da biografía e os logros dunha persoa. E a evolución dunha sociedade en só dúas
xeracións. Vivencias das que oímos falar moito pero sabemos moi pouco como
Guinea. A desaparición das aldeas que non está presente de forma consciente
pero si no subconsciente do autor.
Xacebáns |
El quere marchar, non quere mirar
para atrás pero ao mesmo tempo só pensa en mellorar a casa natal. E neste libro
refírese a si mesmo como “eu, un rapaz de Xacebáns”.
Está moi presente o amor á terra
na que foi un neno feliz, cos veciños aos que nunca esqueceu, e coa consciencia
fría e pragmática da morte desa forma de vida, tan frecuente na xeración dos
nosos pais e que nós vemos con algo de melancolía.
![]() |
Presentación do libro en Ourense co Presidente da Deputación e o editor Teofilo Edicións. |
E, como non, a biografía tamén
está moi centrada na familia. Nas presenzas, a nai, o tío, a muller e os fillos
e a felicidade de ter unha familia propia. E nas ausencias. Esa ausencia
paterna, nalgúns momentos dolorosa, e que sen dúbida o fixo máis forte e máis
sensible.
![]() |
Entre o público algúns veciños |
Para mercar o libro por internet
aqueles que estedes lonxe
No hay comentarios:
Publicar un comentario