sábado, 18 de agosto de 2018

“Mar e terra”, a última exposición de Xulio Fontes, en Celanova



Manuel Veiga

Notas da presentación na Casa dos Poetas

Hai artistas académicos que pintan moi ben, pero son imitadores. Os seus cadros déixannos fríos. Todo está ben feito pero non nos di nada. Dominan todos os estilos, pero cal é o seu estilo? Non teñen personalidade. Parécense moito uns a outros.

Serea


Xulio Fontes é un artista doutra clase. Aprendeu en museos e libros, pero sobre todo é autodidacta, fíxose a si mesmo. Non copia, investiga, déixase levar polo que lle vai saíndo. Xulio ten unha pintura inxenua e sensíbel. Inxenuidade, sensibilidade e curiosidade teñen a mesma raíz: a infancia, o momento no que nos deixamos sorprender por todo. O momento no que todo nos impresiona: os olores fortes, as cores do ceo, o trono…



O que desexaría todo creador é que esa inxenuidade, esa sensibilidade da infancia, se prolongasen. Picasso era un gran pintor, podía pintar unha paisaxe de modo que parecese unha fotografía, igual de real. Pero el sabía que a arte non era iso, senón que a arte era, ante todo, unha visión propia e persoal, por iso trataba de que os seus trazos parecesen directos, inxenuos, ás veces confusos, como a visión dun neno, sen imitar a ninguén.



Paleta de pintor de  material de reciclaxe


Xulio, entón, é o pintor que quixo ser, co seu estilo propio.
E tendo en conta iso, que hai na obra de Xulio? Sensibilidade. Pode ser calquera cousa menos fría, sempre nos di algo. E Xulio, como ese neno creador, gusta das cores. Abundan nos seus cadros as cores vivas, a natureza, a vida. Vese que a Xulio lle gusta vivir. Non é un pintor abstracto ou xeométrico, que sempre se remite ás formas, senón que, como ben se percibe nos seus cadros, é unha persoa vitalista.

Xulio na casa de Vigo co cadro "Forxan da miña vida"
Entre os dous mundos.



Pero despois está o que o move a pintar. Nesta exposición de boa parte da súa última obra distinguimos os materiais que usa, moi orixinais, por exemplo as cunchas de mexillón ou de vieira, pero tamén envases de ovos, tubos de medicamentos, etc. Unha orixinalidade que se pode ver, por exemplo, nese vestido de muller feito de cunchas de mexillón pintadas de dourado.


Boa parte desa inspiración, desas ideas, proceden do lugar no que vive, a costa, Vigo. Pero o curioso é que o que pinta, os motivos, o que leva dentro, son os temas, as imaxes do interior de Galicia, de Ourense, de Quintela de Leirado. O exemplo máis claro pode ser esa figura que chama “Zamburiñeira”. É unha figura realizada con cunchas de zamburiña, pero o que representa é unha vella das nosas aldeas.




Por iso esta exposición se titula “Mar e terra”, o mar onde vive e a terra que o inspira. Xulio é como un emigrante, vive en Vigo, pero o que ve cando pecha os ollos é Forxán, o Penegache ou as flores da horta da súa nai.
Hai quen dixo tamén que a pintura moderna se inspira no feo. Xulio Fontes inspírase na vida. Hai nesta exposición cinco cadros de mulleres, que son as que tran a vida. Mexillóns facendo unha bolboreta, cabalos bravos e pedras nas que Xulio encontrou unha cara. Xulio sempre busca o humano, o vivo, incluso nas pedras.







Iso cadra moi ben co que din dos galegos e de Galicia, un territorio moi humanizado. A cada leira, a cada poucos metros de terra, poñémoslle un nome. As pinturas de Xulio nacen desta terra, son como os froitos dunha horta.