xoves, 8 de setembro de 2016

TODO SER HUMANO É UN RÍO.



O interior tamén existe


Manuel Veiga Taboada no río Salas, ao fondo o Xurés

"Estou sentado nun banco de madeira, ao pé da casa, e miro a montaña. Os vales son estreitos pero o Penagache é grande, non moi elevado, recorda a figura coas suas curvas suaves dun animal durmido. Agora hai mais árbores en fronte, na parte baixa da montaña, e menos campos de labor, ningún campo de labor, en realidade. Herdades como se di por aquí, abandonadas.

Odilo, o da luz, limpaba os camiños coa fouce. Aos montes máis próximos entraba co machete. Agora descansa ao pe dunha igrexa grande cun tellado novo"

Manuel Veiga Taboada





Ana Mosquera
Hoxe imos falar dun libro moi especial que sae agora á venda.
Trátase dun libro de Manuel Veiga Taboada, quen foi protagonista das primeiras vivencias, incursións ou excursións que vivimos os autores deste blog, nas nosas visitas á serra de Penegache, e que el reflexa na primeira parte deste libro.

O libro é unha novela, enmarcada na narrativa de non ficción. Como no Danubio de Magris, o autor lévanos a unha viaxe á memoria, só que Veiga en lugar de levarnos por un río concreto conducenos por algúns dos lugares importantes da súa vida. De aquí quizá o título, o río polo que viaxamos na sua lectura é a vida dun ser humano, do autor, das persoas e dos lugares que cruzan o seu camiño.




Nos primeiros capítulos, o autor explora a vida e os montes da raia. Castelos que xa non están, aldeas que desapareceron e outras que desaparecerán. Unha forma de vida ancestral, que toca o seu fin.

No libro aparecemos Felipe Castro e mais eu de forma bastante destacada, pero tamén outros veciños, que compartiron o seu coñecemento e a súa montaña con nós.

A  montaña vai revelando os seus segredos e vai xerando novas preguntas. 


Ao fondo o Porto de Arance

  

Quizá por iso o autor, como un río que vai recollendo auga de distintos afluentes, vai profundizando na busqueda no interior de Galicia. O que non é casual, pois o carácter labrego do interior impregna a novela.

Na viaxe ao interior, a través da novela-río, baixamos das montañas e entramos nás terras de Lemos, onde Manuel nos presenta as orixes da súa familia. Neste caso, os castelos si son visibles, pero aínda así atopamos vidas de persoas e lugares, pescadores de río, pintores de acuarelas, unha libraría onde Manuel María compartía cos máis novos os seu coñecementos de literatura.



Torre da muralla no alto da Calexa


A beleza da vila natal sorprende o autor cando a ve a través da vista de persoas alleas. A primeira vez que eu cheguei a rúa natal de Manuel Veiga, A Calexa, chamou a miña atención, empinada e coroada por unha torre da muralla. Tiña unha decadencia poética.

Manuel Veiga confesa neste libro que foi nun certame de pintura rápida ao aire libre cando comprendeu claramente a impresión que a súa rúa natal causaba nos visitantes. 



Calexa de noite con neboa


Neste val de Lemos o  libro- río chega a unha casa vixiada. Unha casa onde só o fundador podía ter intimidade. Numerosas mirillas, agachadas servían a Manuel Antero Yáñez Rivadeneira  para evitar roubos e conspiracións. O que non lle impediu levar algún susto.


Pazo Muíños de Antero



A casa transcende con vida propia como obra de varias xeracións, ten enrrugas. A familia propietaria descende do fundador. 

Indagar na familia do fundador,  resulta unha experiencia excitante. Rosenda, como personaxe nesta parte, vainos conducindo polas intimidades do pazo, polos seus segredos, os seus arquivos. Rosenda, artista vocacional, vai guiando a visita ás interioridades do edificio e da familia, co seu pai Matías Yáñez.


Rosenda Yáñez

A familia vai pasando de ter influintes cargos en Madrid, de ser os apoderados do duque de Alba, nas terras de Lemos, a adoptar un perfil humanístico. Manuel Yáñez, un neto de Antero e avó de Matías, foi poeta galeguista e republicano da Primeira República. O seu fillo Xavier, será republicano na Segunda República, e sufrirá persecucións, que aínda hoxe lembra Matías Yañez. 

A vida de Rosenda ten moito que ver co seu avó Xavier Yáñez, quen espertou nela unha paixón polo pazo e pola conservación do mesmo, con engurras como ela mesma di. Unha restauración completa é unha mentira. Non podemos evitar o paso do tempo e as cicatrices. 

As persoas como ríos bebemos de varias fontes. Algunhas véñennos dadas pola orixe e a familia, outras podémolas escoller. Pero en todo caso o que nos enriquece e mirar ao interior e facernos preguntas. Contestalas non sempre será posible.




Detalle do pazo Muíños de Antero. Parte do fresco desapareceu, pola humedade.



                                                                         

1 comentario:

  1. Hola a mi,me gustaria tenerlolo, pero firmado ,como puedo hacer Rosenda
    Muchas gracias
    Mayte Bol

    ResponderEliminar