Branda na Serra Amarela |
Hai uns tres anos, cando Felipe Castro e mais eu estabamos
enleados en descifrar o misterio do castelo de Arance, castelo situado nos
comunais de As Chedas e Gorgoa, encamiñámonos unha tarde de maio cara o monte
chamado A Torriña, coa emoción de que iamos atopar novamente restos doutra
construción defensiva. Despois de pasar os Aguillóns e o alto da Basteira,
subimos á Torriña e
comenzamos a buscar. No alto, desde os penedos, vimos unha vaca cachena medio
tola que viña cara nós e que espantamos como puidemos, de xeito que continuou
soa e coa sua carreira desenfreada cara a Basteira.
O vento era fortísimo e, xusto cando iamos marchar, vimos nuns penedos, un pouco más abaixo entre o cume e o Salto do Gato, un
reflexo metálico.
![]() |
Caseta adosada ao penedo invisíbel des de arriba |
Baixamos, atraídos polo destelo, e ao chegar atopamos
unha pota vermella grande chea de auga. Sorprendeunos e
achegámonos a averiguar porqué estaba alí, e xusto á dereita da pota atopamos
esta marabilla:
Trátase dun chouzo de apoio ao pastoreo. Este tipo de construcións foron habituais na serra do Leboreiro, na serra da Peneda, na
serra Amarela, sobre o río Limia, na fronteira de Lindoso e no Suído. A que atopamos entre As Chedas e Xacebáns encóntrase a menos dun Km do marco 17 e na zona chámanlle acolledoiro. Este "acolledoiro" serviu durrante os anos de contrabando de escondite para as mercadorías, cando as cousas se torcían e tamen de refuxio de contrabandistas.
![]() |
Ventilacion desde o interior |
No Suído, lugar de montaña de características equiparábeis, estas construcións chámanse chozos e son de planta cadrada, pero o lugar onde acadan máis
desenvolmento é en Castro Leboreiro, onde reciben o nome de brandas.
Xaquín Lourenzo,
Xocas, que tanto se preocupou por documentar esta zona, realizou algúns estudos
referidos a este tipo de construcións. Un artigo seu, titulado “las antiguas habitacións de pastores en la Sierra del
Leboreiro", foi publicado en 1947, despois de que un incendio
forestal deixase á vista, en Porcarizas, un poboado de cabanas de pastores de uso
estacional e que debeu ser abandonado no
Século XVI.
Cabana de planta cadrada, na Serra Amarela |
Estas construcións eran utilizadas exclusivamente nos
meses de verán, cando subían o gando ao monte en busca de pastos.
As construcións teñen diferentes tipoloxias. Esta é das
máis sinxelas, de anacos de cachotería facendo unha especie de bóveda e
aproveitando outra pedra para apoio. Teñen tendencia á forma circular. O
teito cóbrese con terróns que serven de illamento.
Os terrons do teito fan que medre a vexetación. |
Ás veces, as brandas están dentro dun curral é dicir dun cercado en forma circular, con valados de cachoteria ou pedras
chantadas.
Estas construccións de verán, na maior parte dos casos, servían só de apoio ás
vivendas do val e acostumaban a ser utilizadas só por pastores, coa excepción de Castro Leboreiro (Crasto), onde a organización das brandas alcanza a súa maior dimensión, agrupadas en verdadeiras aldeas. A branda é, neste caso, a residencia máis importante, sendo ocupada desde a Pascua até o Natal. A tendencia de feito era a coidar sobre todo a casa da branda
("Castro Laboreiro, Povoamento e organizaçao de um territorio serrano", Alexandra
Cerverira Pinto S. Lima). Chegado decembro, abandonábanse as brandas e a poboación trasladábase ás inverneiras, aldeas situadas nos abrigos do val. Como anécdota persoal, a miña avoa materna, natural de
Quintela de Leirado, perto de Crasto, consideraba as inverneiras como un lugar
pouco apetecíbel e, cando alguén
era insociábel dicía que era mellor que se fose para as inverneiras.
![]() |
Branda de Mosqueiros en Castro Leboreiro |
Recentemente, fixen nunha excursión con Mira Xurés, pola serra Amarela, con Marta
Delgado como guía. Vimos as brandas, reconstruídas e arranxadas,
que están situadas sobre o lugar de
Lindoso. O parque do Geres, puxo en valor estas construcións, nas que atopamos
familias do lugar pasando o domingo.
Chamaron a nosa atención as brandas de Santo Antón, lugar no que todas as casoupas teñen este santo
na fachada. Igualmente aparece nun altarciño escavado nunha pedra. Despois, descubririamos que se trataba dun lugar sagrado prehistórico, xa que dentro dun
dos currais, atopamos unha ara de sacrificio. Deunos a sensación de estar ante construcións herdeiras directas dos
castros.
Volvendo á construción que atopamos no concello de Quintela de
Leirado, esta, xunto con outros datos referidos a toponimia, Curral das Chedas, val
das Chedas e os restos construtivos nas chairas
próximas ao penedo das Chedas, danos a idea de que existiu este tipo de vivenda,
ben de apoio a gandeira ou máis intesivo. Tamén o topónimo Chedas pode aludir ao
peche dun curral, segundo algúns estudosos da toponimia da zona, o que no noso
caso cadra ben, porque o Curral das Chedas é efectivamente un curral, que
conserva máis ou menos o peche circular característico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario