Felipe Castro
Impresionante
a foto, verdade? Está sacada desde Forxán e todo iso que ven en primeiro plano
é un mar de millo. Todas as herdades perfectamente traballadas e regadas, con
auga e suor. Ao fondo, o Penegache, e nun plano intermedio a igrexa de San
Pedro de Leirado, case flotando na luz do abrente. O autor é José Luis Fuentes Fernández, ao que
estamos moi agradecidos por tela achegado. Sen ningunha dúbida, o máis positivo
e interesante desta experiencia está a ser a cantidade de boa xente que se está
poñendo en contacto con nós para proporcionarnos suxestións, ideas e
información, aparte de darnos ánimos na idea de recuperar o noso patrimonio. O
mesmo José Luis tamén nos manda esta panorámica de Quintela, desde o camiño da Lama, que baixaba da Pousa a Forxán, e outra vez co millo como protagonista indiscutible:
É
perfecta para a entrada de hoxe, xa que trataremos de afondar na non sempre
sinxela relación entre Leirado e Quintela, aclarando a orixe do nome do
concello de Quintela de Leirado, moito máis antigo do que a maior parte de nós
pensamos. E, non, non hai ningún erro no título, só quizais unha pequena falta
de exactitude: é completamente certo que Leirado é de Quintela, o problema está
nas oitocentas corenta e nove razóns, que igual son poucas.
Conste
que, de ter que pronunciarme, vou con Leirado. Alá polos oitenta, cando o campo
do Facho competía co mesmo Anfield no ranking dos templos do fútbol rexo,
participei nun par de derbies entre Leirado e Quintela, nos que se puñan en
cuestión honra, nocellos e algún punto… de sutura. Aqueles eran tempos de
centrais “resolutivos”, así que supoño que os nosos nenos, fillos do tiqui- taca,
non acabaran de entender demasiado ben a atmosfera e a tensión que estou
intentando describir, nin como tal experiencia pode unirte ao teu equipo.
Final da Copa do Rei de 1984 entre o Barcelona e o Athletic de Bilbao |
Se
o que buscamos é antigüidade gaña… Redemuíños. Resultado que se repite, por
goleada, se andamos á procura de xacementos arqueolóxicos senlleiros ou de
importancia política na Idade Media. Pero hoxe non imos falar do castro de O
Castelo nin do castelo de Santa Cruz, só mencionar que a primeira mención
documental de San Salvador de Redemuíños é do 982.
Moi
pouco despois, no 993, e tamén no Tombo de Celanova, aparece San Pedro de
Leirado.
En
terceiro lugar, Quintanella, ou sexa,
Quintela, que aparece por primeira vez no 1044. O nome é un diminutivo de
quinta, é dicir, dunha finca pechada, e, se volvemos á imaxe de José Luis, esa
concentración de casas que vemos ao fondo, nun outeiro, entre os dous
eucaliptus, é a Quintela máis antiga, a que hoxe recibe o nome do Pazo. Incluimos
abaixo unha imaxe do voo americano de 1957, cunha pequena explicación. O Pazo
xa aparece con ese nome en 1216, esta vez no Tombo de Ramirás. Durante toda a
Idade Media conviven os nomes Paaços,
Pazos, Palacios, Quinteela, Quintela… e Quintela de Leirado.
Por
suposto, o que dixemos anteriormente non quere dicir que o val do Deva non
estivese habitado antes do século X, só que os monxes empezaron a escribir nesa
época. O propio lugar do Pazo é perfecto para a ubicación dun castro, idea que
se ve moi reforzada se temos en conta que moi preto atópase o lugar de Cidadela;
se o castro de O Castelo en Redemuíños foi romanizado, seguramente este tamén,
posiblemente en relación coa dedicación a actividades mineiras na zona do Mindo
e, ademais, para a primeira Idade Media pensamos defender a existencia dunha pequena
ribeira sacra do Deva, con mosteiros en San Miguel e A Granxola (ao lado de
Fondóns); en Santa Marta (entre Os Mociños e Padrenda) e con outros dous máis no
entorno de Quintela, un en Mosteirón- Augas Santas, e outro no propio lugar, o
mosteiro de San Paio. Moi posiblemente de seguir río abaixo atoparíamos máis.
Volvendo
ao Pazo de Quintela, ata 1377 era do
mosteiro de Celanova, xa que nese ano o aforan a Álvaro Rodríguez de Limia. No
século XV foi usurpado ao mosteiro polo Conde de Benavente e polo Conde de
Ribadavia, mostra da importancia que debía ter para o control da zona.
Elementos situados moi próximos á entrada ao Pazo e que, de
seguro, formaban parte nalgún momento da mesma.
|
Muros que circundan o actual Pazo de Quintela, de
estrutura circular
|
Nese mesmo século XV o abade de San Pedro de Leirado afora a Gonzalo Eanes da Grade unha viña sita trala igrexa de San Paio de Quintela, freguesía de San Pedro de Leirado. A igrexa de San Paio estaba situada xusto ao lado do Pazo, xa que o documento di literalmente que aforan unha “vinna que esta ena dita aldea de Quintela a cabo do paaço do dito sennor conde trala horta”. Na actual igrexa de San Paulo atopamos restos dunha edificación anterior, como estes dous sillares unidos en forma de ventá, que pensamos poden estar reutilizados. Se se fixan, son dúas pezas distintas, de diferente tamaño, unidas por cemento. Se quixesemos facer unha ventá nunca o faríamos así, verdade? Salvo que tivesemes as pedras no sitio con eses ocos xa feitos. Por suposto, isto non quere dicir que saisen do antigo mosteiro de San Paio, aínda que é certo que tanto San Paio como San Paulo están moi preto do Pazo.
Non
obstante, Quintela era algo máis que o Pazo a finais da Idade Media, aínda máis
importante era a Pousa de Quintela. Era
outra casa señorial situada no lugar hoxe en día coñecido como A Pousa, é
dicir, ao lado da igrexa de San Pedro de Leirado. En 1487 un alguacil dos Reis
Católicos, en sentencia dada contra o Conde de Ribadavia, dá posesión ao
mosteiro de Celanova de “a pousa de
Quinteela con todos seus vasalos, caseyros, foreiros et pertenencias, dereitos
e dereituras et sennorio con ho couto de Frojaes et Rioboo”, é dicir, posuír
a Pousa de Quintela implicaba ser o Señor xurisdiccional dun espazo moi amplo
que incluía os coutos de Forxán, Rioboo (Mociños, Camporreal e As Chedas) e
Quintela de Leirado, ou o que é o mesmo, de todas as terras das freguesías de
Santa María e San Pedro de Leirado. Os documentos tamén refiren que eses coutos
estaban en “terra de Sande”, asunto
ao que teremos que voltar en posteriores entradas.
A
referencia máis antiga a Quintela de Leirado
aparece nun documento de 1498, no que o mosteiro de Celanova concede a Tareixa
de Seixadelas unhas terras en foro. Como testemuña temos a un tal Pedro
Fernández, “morador en Quintela de
Leirado”. Para que se fagan unha idea, por aquel entón reinaba en Castela
Isabel A Católica e América só facía seis anos que fora descuberta. Dun xeito
moito máis claro, no Arquivo Histórico Provincial de Ourense temos un preito que comeza en 1525 entre o
mosteiro de Celanova e o marqués de Viana (fillo e irmán pequeno de Condes de
Benavente) pola propiedade do couto de Rioboo e o “palacio de Quintela de Leirado”. Xa sabemos que este palacio era o que hoxe coñecemos como o Pazo de
Quintela, de tal xeito que é sinxelo demostrar o que xa todos coñecemos, é
dicir, que Quintela é o mesmo que Quintela de Leirado. Por que de Leirado? O
motivo é que esta era a súa parroquia, que se enterraban en San Pedro de
Leirado, pero, como estamos vendo, os verdadeiros centros do poder señorial atopábanse
na Pousa de Quintela e no Pazo de Quintela.
Quintela de Leirado, de tódolos xeitos, era
algo máis. No Antigo Réxime existían xurisdicións
privadas, territorios sobre os que un nobre ou algunha institución
eclesiástica tiñan poder político e xudicial. Resumindo moito, cobraban
impostos, nomeaban xuíces e tamén ás autoridades locais. En 1753 o Rei quixo averiguar
a riqueza do Reino (a que adiviñaron que quería subir impostos?) e enviou
funcionarios a preguntar. O resultado desas averiguacións coñécese co nome de
Catastro de Ensenada. Foron xurisdición a xurisdición, indagando sobre un
montón de cuestións. Tamén sobre as poboacións que compuñan a xurisdición, a
quen pertencía e en que parroquia enterraban aos seus. Nós tiñamos as
xurisdicións de Leirado (Leirado de Arriba, Cabanelas, Fondóns, Os Mociños,
Camporreal e As Chedas); a de Forxán
(Forxán, Augalevada, Costa, Lavandeira, Leirado, Pousa, Hedras, Valdeacá e
Valdeaculá –curioso o nome, verdade?-); a de Redemuíños (con todos os lugares
actuais desa parroquia e incluíndo Ataínde, que aínda non pasara a San Pedro de
Leirado); e a de “Quintela de Leirado”,
que se compuña de tres poboacións distintas: Monterredondo, Gorgua e Quintela.
Os que boten en falta a Xacebáns é por que estaba na xurisdición de San Pedro
de Ramirás.
Unha
vez que afondamos en como aparece e que foi Quintela de Leirado, as oitocentas
corenta e nove razóns que explican por que Leirado é de Quintela son os
oitocentos corenta nove anos que van do 1044, primeira referencia escrita á
existencia de Quintela, a 1893, ano da creación da parroquia de San Paulo de
Leirado. Durante todo este tempo os nosos “rivais” de Quintela enterraron aos
seus no camposanto de San Pedro, pagaron relixiosamente décimos e rendas ao
abade desta igrexa e, por suposto, contribuíron como os que máis á construción
tanto do templo románico, do que algún pequeno resto queda, como da
impresionante igrexa barroca que podemos disfrutar hoxe en día. A finais do
século XVII e principios do XVIII, cando foi construída, a comunidade
parroquial incluía tódolos lugares de Quintela, e isto axuda a entender a
grandeza da igrexa en relación con outros da zona.
Interior de San Pedro de Leirado, co altar ao fondo e cúpula
sobre o cruceiro sustentada por pendentes. Foto de O
Bosque Máxico.
|
A
miña avoa aínda lembra como cando era nena, nunha desas “guerras da auga” que xurdían
de cando en vez, a causa da insaciabilidade dos deuses dos mares de millo,
escoitou a un ancián sentencioso de Quintela que abogaba pola paz algo que xa
non se lle esqueceu, aquilo de “inda
temos algo en común cos de Leirado”. O bo do home intuía oito séculos e
medio de ánimas xunto ás nosas, soterradas baixo as mesmas lousas ou arroxadas
aos mesmos osarios. E, seguramente, serán máis, repito que traballamos con
referencias documentais, pero hai moitos indicios que apuntan a que Quintela
foi un castro romanizado e, polo tanto, a que houbo unha continuidade no
poboamento desde eses tempos.
O
concello actual apareceu máis tarde, en 1836. É certo que hai un precedente a
partir de xullo de 1821, chamado concello de Redemuíños, pero non tivo
continuidade. Aí estabamos no Trienio Liberal (1820- 1823) e cando en 1823 os
Cen Mil Fillos de San Luis entraron en España para facer que volvese o
absolutismo, Fernando VII acabou dun golpe con todo o feito polos liberais. Non
se estrañen se algún día lles contamos que ese non foi o noso primeiro
concello: as Cortes de Cádiz en maio de 1812 creaban os concellos
constitucionais, o que era completamente lóxico tendo en conta que en xullo de
1811 aboliran as xurisdicións, incorporándoas ao Estado. De xullo de 1811 a
1814, cando Fernando VII restablece o Antigo Réxime, dalgunha forma nos tivemos
que organizar desde o punto de vista da política local.
Por
que en 1836 o concello recibe o nome de Quintela e non o de Leirado? Aínda temos
pouca información, estamos especulando, pero debeu de ter que ver coa Primeira
Guerra Carlista. Entre 1833 e 1839 España vive unha guerra civil, entre os
partidarios de D. Carlos de Borbón, que quería que nada cambiara respecto ao
Antigo Réxime, e os liberais, defensores da raíña Isabel e de conceder dereitos
constitucionais. Os carlistas recibiron o apoio dos miguelistas, con moita
presenza na zona de Castro Laboreiro, e que representaban en Portugal o mesmo
do que eles aquí. As partidas carlistas tiveron moita forza na nosa zona,
apoiadas polo mosteiro de Celanova, que non quería perder a súa posición de
privilexio (a desamortización, ou apropiación dos bens dos mosteiros por parte
do Estado, foi aprobada nese mesmo ano, 1836, por Mendizábal). Sen afirmar
nada, temos que ter en conta que, nese contexto, San Pedro de Leirado era unha
importante parroquia e pertencía á xurisdición do mosteiro, co que,
loxicamente, debía estar moi relacionada co poder da Igrexa, mentres Quintela
podía perfectamente representar o contrario, a oposición ao carlismo e a
defensa do primeiro liberalismo. Posteriormente, xa en tempos de paz, Leirado
faría valer o seu tradicional peso para recuperar a capitalidade. De tódolos xeitos, non sabemos cando puido pasar iso e temos que ter en conta que na Terra de Celanova o carlismo tivo moita forza, con presencia de partidas moi activas nas tres guerras carlistas (1833- 1839; 1847 e 1872- 1876). En calquera
caso, estamos especulando e será algo que teñamos que aclarar con datos certos en
futuras entradas.
Se alguén quere máis información
sobre esa época da Historia de España, aquí teñen un enlace a un par de
documentais xeitosos como introdución:
Moi bo traballo:Científico e entendible; propio, como non podía ser menos, dun Historiador e Mestre.
ResponderEliminar¡Qué boa fichaxe fixo Leirado contigo!, da man de Ana, claro.
Estou convosco na medida das miñas humildes posibilidades.jlf-f.
Moitas grazas, José Luis
ResponderEliminarViva Leirado e Quintela, e sobre eles, e sobre os nosos mortos, a sombra alongada do Penegache...
ResponderEliminar