sábado, 4 de julio de 2015

Oitocentas corenta e nove razóns polas que Leirado é de Quintela




Felipe Castro



Impresionante a foto, verdade? Está sacada desde Forxán e todo iso que ven en primeiro plano é un mar de millo. Todas as herdades perfectamente traballadas e regadas, con auga e suor. Ao fondo, o Penegache, e nun plano intermedio a igrexa de San Pedro de Leirado, case flotando na luz do abrente. O autor é José Luis Fuentes Fernández, ao que estamos moi agradecidos por tela achegado. Sen ningunha dúbida, o máis positivo e interesante desta experiencia está a ser a cantidade de boa xente que se está poñendo en contacto con nós para proporcionarnos suxestións, ideas e información, aparte de darnos ánimos na idea de recuperar o noso patrimonio. O mesmo José Luis tamén nos manda esta panorámica de Quintela, desde o camiño da Lama, que baixaba da Pousa a Forxán, e outra vez co millo como protagonista indiscutible:









É perfecta para a entrada de hoxe, xa que trataremos de afondar na non sempre sinxela relación entre Leirado e Quintela, aclarando a orixe do nome do concello de Quintela de Leirado, moito máis antigo do que a maior parte de nós pensamos. E, non, non hai ningún erro no título, só quizais unha pequena falta de exactitude: é completamente certo que Leirado é de Quintela, o problema está nas oitocentas corenta e nove razóns, que igual son poucas.



Conste que, de ter que pronunciarme, vou con Leirado. Alá polos oitenta, cando o campo do Facho competía co mesmo Anfield no ranking dos templos do fútbol rexo, participei nun par de derbies entre Leirado e Quintela, nos que se puñan en cuestión honra, nocellos e algún punto… de sutura. Aqueles eran tempos de centrais “resolutivos”, así que supoño que os nosos nenos, fillos do tiqui- taca, non acabaran de entender demasiado ben a atmosfera e a tensión que estou intentando describir, nin como tal experiencia pode unirte ao teu equipo.



Final da Copa do Rei de 1984 entre o Barcelona e o Athletic de Bilbao





 


Se o que buscamos é antigüidade gaña… Redemuíños. Resultado que se repite, por goleada, se andamos á procura de xacementos arqueolóxicos senlleiros ou de importancia política na Idade Media. Pero hoxe non imos falar do castro de O Castelo nin do castelo de Santa Cruz, só mencionar que a primeira mención documental de San Salvador de Redemuíños é do 982.



Moi pouco despois, no 993, e tamén no Tombo de Celanova, aparece San Pedro de Leirado.



En terceiro lugar, Quintanella, ou sexa, Quintela, que aparece por primeira vez no 1044. O nome é un diminutivo de quinta, é dicir, dunha finca pechada, e, se volvemos á imaxe de José Luis, esa concentración de casas que vemos ao fondo, nun outeiro, entre os dous eucaliptus, é a Quintela máis antiga, a que hoxe recibe o nome do Pazo. Incluimos abaixo unha imaxe do voo americano de 1957, cunha pequena explicación. O Pazo xa aparece con ese nome en 1216, esta vez no Tombo de Ramirás. Durante toda a Idade Media conviven os nomes Paaços, Pazos, Palacios, Quinteela, Quintela… e Quintela de Leirado.



 


Por suposto, o que dixemos anteriormente non quere dicir que o val do Deva non estivese habitado antes do século X, só que os monxes empezaron a escribir nesa época. O propio lugar do Pazo é perfecto para a ubicación dun castro, idea que se ve moi reforzada se temos en conta que moi preto atópase o lugar de Cidadela; se o castro de O Castelo en Redemuíños foi romanizado, seguramente este tamén, posiblemente en relación coa dedicación a actividades mineiras na zona do Mindo e, ademais, para a primeira Idade Media pensamos defender a existencia dunha pequena ribeira sacra do Deva, con mosteiros en San Miguel e A Granxola (ao lado de Fondóns); en Santa Marta (entre Os Mociños e Padrenda) e con outros dous máis no entorno de Quintela, un en Mosteirón- Augas Santas, e outro no propio lugar, o mosteiro de San Paio. Moi posiblemente de seguir río abaixo atoparíamos máis.



Volvendo ao Pazo de Quintela, ata 1377 era do mosteiro de Celanova, xa que nese ano o aforan a Álvaro Rodríguez de Limia. No século XV foi usurpado ao mosteiro polo Conde de Benavente e polo Conde de Ribadavia, mostra da importancia que debía ter para o control da zona.




Elementos situados moi próximos á entrada ao Pazo e que, de seguro, formaban parte nalgún momento da mesma.


Muros que circundan o actual Pazo de Quintela, de estrutura circular




Detalle dun deses muros, cun pequeno vano, hoxe en día cheo de terra, situado a excesiva altura, case na parte superior do mesmo, e por debaixo do nivel do chan actual, o que denota a súa antigüidade.
















Nese mesmo século XV o abade de San Pedro de Leirado afora a Gonzalo Eanes da Grade unha viña sita trala igrexa de San Paio de Quintela, freguesía de San Pedro de Leirado. A igrexa de San Paio estaba situada xusto ao lado do Pazo, xa que o documento di literalmente que aforan unha “vinna que esta ena dita aldea de Quintela a cabo do paaço do dito sennor conde trala horta”. Na actual igrexa de San Paulo atopamos restos dunha edificación anterior, como estes dous sillares unidos en forma de ventá, que pensamos poden estar reutilizados. Se se fixan, son dúas pezas distintas, de diferente tamaño, unidas por cemento. Se quixesemos facer unha ventá nunca o faríamos así, verdade? Salvo que tivesemes as pedras no sitio con eses ocos xa feitos. Por suposto, isto non quere dicir que saisen do antigo mosteiro de San Paio, aínda que é certo que tanto San Paio como San Paulo están moi preto do Pazo.





Non obstante, Quintela era algo máis que o Pazo a finais da Idade Media, aínda máis importante era a Pousa de Quintela. Era outra casa señorial situada no lugar hoxe en día coñecido como A Pousa, é dicir, ao lado da igrexa de San Pedro de Leirado. En 1487 un alguacil dos Reis Católicos, en sentencia dada contra o Conde de Ribadavia, dá posesión ao mosteiro de Celanova de “a pousa de Quinteela con todos seus vasalos, caseyros, foreiros et pertenencias, dereitos e dereituras et sennorio con ho couto de Frojaes et Rioboo”, é dicir, posuír a Pousa de Quintela implicaba ser o Señor xurisdiccional dun espazo moi amplo que incluía os coutos de Forxán, Rioboo (Mociños, Camporreal e As Chedas) e Quintela de Leirado, ou o que é o mesmo, de todas as terras das freguesías de Santa María e San Pedro de Leirado. Os documentos tamén refiren que eses coutos estaban en “terra de Sande”, asunto ao que teremos que voltar en posteriores entradas.



A referencia máis antiga a Quintela de Leirado aparece nun documento de 1498, no que o mosteiro de Celanova concede a Tareixa de Seixadelas unhas terras en foro. Como testemuña temos a un tal Pedro Fernández, “morador en Quintela de Leirado”. Para que se fagan unha idea, por aquel entón reinaba en Castela Isabel A Católica e América só facía seis anos que fora descuberta. Dun xeito moito máis claro, no Arquivo Histórico Provincial de Ourense  temos un preito que comeza en 1525 entre o mosteiro de Celanova e o marqués de Viana (fillo e irmán pequeno de Condes de Benavente) pola propiedade do couto de Rioboo e o “palacio de Quintela de Leirado”. Xa sabemos que este palacio era o que hoxe coñecemos como o Pazo de Quintela, de tal xeito que é sinxelo demostrar o que xa todos coñecemos, é dicir, que Quintela é o mesmo que Quintela de Leirado. Por que de Leirado? O motivo é que esta era a súa parroquia, que se enterraban en San Pedro de Leirado, pero, como estamos vendo, os verdadeiros centros do poder señorial atopábanse na Pousa de Quintela e no Pazo de Quintela.



Quintela de Leirado, de tódolos xeitos, era algo máis. No Antigo Réxime existían xurisdicións privadas, territorios sobre os que un nobre ou algunha institución eclesiástica tiñan poder político e xudicial. Resumindo moito, cobraban impostos, nomeaban xuíces e tamén ás autoridades locais. En 1753 o Rei quixo averiguar a riqueza do Reino (a que adiviñaron que quería subir impostos?) e enviou funcionarios a preguntar. O resultado desas averiguacións coñécese co nome de Catastro de Ensenada. Foron xurisdición a xurisdición, indagando sobre un montón de cuestións. Tamén sobre as poboacións que compuñan a xurisdición, a quen pertencía e en que parroquia enterraban aos seus. Nós tiñamos as xurisdicións de Leirado (Leirado de Arriba, Cabanelas, Fondóns, Os Mociños, Camporreal e As Chedas); a de Forxán (Forxán, Augalevada, Costa, Lavandeira, Leirado, Pousa, Hedras, Valdeacá e Valdeaculá –curioso o nome, verdade?-); a de Redemuíños (con todos os lugares actuais desa parroquia e incluíndo Ataínde, que aínda non pasara a San Pedro de Leirado); e a de “Quintela de Leirado”, que se compuña de tres poboacións distintas: Monterredondo, Gorgua e Quintela. Os que boten en falta a Xacebáns é por que estaba na xurisdición de San Pedro de Ramirás.



Unha vez que afondamos en como aparece e que foi Quintela de Leirado, as oitocentas corenta e nove razóns que explican por que Leirado é de Quintela son os oitocentos corenta nove anos que van do 1044, primeira referencia escrita á existencia de Quintela, a 1893, ano da creación da parroquia de San Paulo de Leirado. Durante todo este tempo os nosos “rivais” de Quintela enterraron aos seus no camposanto de San Pedro, pagaron relixiosamente décimos e rendas ao abade desta igrexa e, por suposto, contribuíron como os que máis á construción tanto do templo románico, do que algún pequeno resto queda, como da impresionante igrexa barroca que podemos disfrutar hoxe en día. A finais do século XVII e principios do XVIII, cando foi construída, a comunidade parroquial incluía tódolos lugares de Quintela, e isto axuda a entender a grandeza da igrexa en relación con outros da zona. 


Interior de San Pedro de Leirado, co altar ao fondo e cúpula sobre o cruceiro sustentada por pendentes. Foto de O Bosque Máxico.



A miña avoa aínda lembra como cando era nena, nunha desas “guerras da auga” que xurdían de cando en vez, a causa da insaciabilidade dos deuses dos mares de millo, escoitou a un ancián sentencioso de Quintela que abogaba pola paz algo que xa non se lle esqueceu, aquilo de “inda temos algo en común cos de Leirado”. O bo do home intuía oito séculos e medio de ánimas xunto ás nosas, soterradas baixo as mesmas lousas ou arroxadas aos mesmos osarios. E, seguramente, serán máis, repito que traballamos con referencias documentais, pero hai moitos indicios que apuntan a que Quintela foi un castro romanizado e, polo tanto, a que houbo unha continuidade no poboamento desde eses tempos.


O concello actual apareceu máis tarde, en 1836. É certo que hai un precedente a partir de xullo de 1821, chamado concello de Redemuíños, pero non tivo continuidade. Aí estabamos no Trienio Liberal (1820- 1823) e cando en 1823 os Cen Mil Fillos de San Luis entraron en España para facer que volvese o absolutismo, Fernando VII acabou dun golpe con todo o feito polos liberais. Non se estrañen se algún día lles contamos que ese non foi o noso primeiro concello: as Cortes de Cádiz en maio de 1812 creaban os concellos constitucionais, o que era completamente lóxico tendo en conta que en xullo de 1811 aboliran as xurisdicións, incorporándoas ao Estado. De xullo de 1811 a 1814, cando Fernando VII restablece o Antigo Réxime, dalgunha forma nos tivemos que organizar desde o punto de vista da política local.


Por que en 1836 o concello recibe o nome de Quintela e non o de Leirado? Aínda temos pouca información, estamos especulando, pero debeu de ter que ver coa Primeira Guerra Carlista. Entre 1833 e 1839 España vive unha guerra civil, entre os partidarios de D. Carlos de Borbón, que quería que nada cambiara respecto ao Antigo Réxime, e os liberais, defensores da raíña Isabel e de conceder dereitos constitucionais. Os carlistas recibiron o apoio dos miguelistas, con moita presenza na zona de Castro Laboreiro, e que representaban en Portugal o mesmo do que eles aquí. As partidas carlistas tiveron moita forza na nosa zona, apoiadas polo mosteiro de Celanova, que non quería perder a súa posición de privilexio (a desamortización, ou apropiación dos bens dos mosteiros por parte do Estado, foi aprobada nese mesmo ano, 1836, por Mendizábal). Sen afirmar nada, temos que ter en conta que, nese contexto, San Pedro de Leirado era unha importante parroquia e pertencía á xurisdición do mosteiro, co que, loxicamente, debía estar moi relacionada co poder da Igrexa, mentres Quintela podía perfectamente representar o contrario, a oposición ao carlismo e a defensa do primeiro liberalismo. Posteriormente, xa en tempos de paz, Leirado faría valer o seu tradicional peso para recuperar a capitalidade. De tódolos xeitos, non sabemos cando puido pasar iso e temos que ter en conta que na Terra de Celanova o carlismo tivo moita forza, con presencia de partidas moi activas nas tres guerras carlistas (1833- 1839; 1847 e 1872- 1876). En calquera caso, estamos especulando e será algo que teñamos que aclarar con datos certos en futuras entradas.

Se alguén quere máis información sobre esa época da Historia de España, aquí teñen un enlace a un par de documentais xeitosos como introdución:  










3 comentarios:

  1. Moi bo traballo:Científico e entendible; propio, como non podía ser menos, dun Historiador e Mestre.
    ¡Qué boa fichaxe fixo Leirado contigo!, da man de Ana, claro.
    Estou convosco na medida das miñas humildes posibilidades.jlf-f.

    ResponderEliminar
  2. Viva Leirado e Quintela, e sobre eles, e sobre os nosos mortos, a sombra alongada do Penegache...

    ResponderEliminar