Ana Mosquera
A Garda Civil e Dona Rosita na Torre de Santa María de Leirado
Baixo polo camiño
de Santa María de Leirado cara a Fondóns. As herdades, ás beiras da pista, están
queimadas. Vexo mortos, cadáveres recentes de mortos antigos. Chego a Fondóns e
os veciños son alleos a tanta destrución.
Vivín este soño
de forma recorrente durante moitas noites, durante polo menos cinco anos. Unha
noite espertei do soño coa lucidez especial do dorme vela. Lembrei entón unha
visita que, aló polo 1974, os nenos e nenas da derradeira escola unitaria de
Leirado lle fixemos á torre do Castelo, da antiga Reitoral de Santa María.
A escola non casualmente estaba situada no lugar da Pousa un centro administrativo histórico. No exterior, encontrábase a fonte e mais unha das pozas da Pousa que vemos nesta fotografía, e que facían as veces de servizos hixiénicos.
Poza da Pousa co Penegache sempre ao fondo. A dereita estivo a derradeira escola unitaria de Leirado |
Descoñezo os detalles
da estraña visita dunha parella da Garda Civil á escola de dona Rosita.
Estiveron varios días pola zona. Buscaban información sobre o contrabando? Creo que pararon na antiga reitoral de Santa María, que por aquel tempo encontrábase en bo estado de conservación, aínda que non habitada. Penso que foi así, porque nos ensinaron o castelo-torre da reitoral. Teño dúbidas sobre isto, pero tamén gardo a certeza de que estiven nesa torre de moi pequena, pois cando de mociña volvín ás agachadas coas miñas primas recoñecín o lugar.
Como podemos ver nas fotos, a torre está
construída con perpiaños perfectamente traballados, mentres que o resto do
edificio é de cachotería. Podemos ver un dos muros de cachotería que están ao
lado da torre e no que hai pedriñas de todo tipo, máis polo medio, tamén
aparecen perpiaños semellantes aos empregados na torre. A persoa que levantou
ese muro carecia de recursos económicos para empregar perpiaño en todo o muro
pero resulta obvio que dispuña deles bastantes preto, probablemente
encontránbase nun edificio próximo en ruínas.
Se nos fixamos nas fotos da casa vemos como se
reempregaron os perpiaños, sobre todo nas fiestras que, por certo, son ben
pequenas. O do tamaño pode deberse a carencia de habilidades construtivas, mais
eu penso que as fixeron pequenas porque están orientadas ao norte xa que cara o
sur temos un corredor, o que denota que a persoa que construíu o edificio sabía
ben como quentar a casa. De onde puideron saír estas pedras? Hai unha posíbel razón, se nos fixamos na torre vemos dúas etapas construtivas. É dicir, polo menos as dúas últimas liñas de perpiaños son posteriores, moi posteriores, porque o canto das pedras que fan esquina está tremendamente desgastado a media altura e practicamente intacto na cima, xusto onde os axentes erosivos actúan con maior forza. Nesa media altura temos vanos minúsculos. Só se poden empregar con finalidade defensiva (poderían ser tamén respiradoiros para animais, pero tiñan sitios menos nobres e máis prácticos onde metelos). Esa primeira etapa construtiva parece por tanto moi anterior ao século XVIII.
Estiveron varios días pola zona. Buscaban información sobre o contrabando? Creo que pararon na antiga reitoral de Santa María, que por aquel tempo encontrábase en bo estado de conservación, aínda que non habitada. Penso que foi así, porque nos ensinaron o castelo-torre da reitoral. Teño dúbidas sobre isto, pero tamén gardo a certeza de que estiven nesa torre de moi pequena, pois cando de mociña volvín ás agachadas coas miñas primas recoñecín o lugar.
Fachada Oeste. |
Perpiaños mesturados con cachoteira, |
Pedras vellas e pedras novas da torre |
Finalmente, o meu
curioso soño resulta factíbel e incluso é probábel que tivesen sucedido cousas
moi parecidas, posto que nas diversas guerras irmandiñas, desputadas entre 1418 e 1467, puideron chegar
a derrubarse total ou parcialmente unhas 169 fortificacións (segundo conta Fernando
Lojo Piñeiro). A isto hai que engadir que, anos despois, en concreto o 3 de agosto de 1480, a raíña católica
Isabel de Castela crea en Toledo a Audiencia do Reino de Galicia, nomeando para
o cargo de Xustiza Maior a Fernando de Acuña e para o de Oídor ao licenciado
Lope de Chinchilla que se estrean no posto co derrubo de entre 46 e 66 castelos
(Pedro López Gomez, “La Real Audiencia y el Archivo del Reino de Galicia”). Dos
castelos derrubados polos irmandiños e dos tirados posteriormente por Acuña e
Chinchilla só está identificada unha parte. De momento, polo tanto, non sabemos
se a torre de Santa María se corresponde cun deses castelos medievais
esquecidos.
Sabemos que a
parroquia de Santa María xa existía en maio de 1479, por un foro recollido na Colección
Diplomática do Convento de Celanova na que “o abade don Álvaro de Oca e o
mosteiro de Celanova aforan a Alfonso das Pereiras, á súa muller Dominga
Fernández, Xoán de Biade, á súa muller Margarida Eanes, e a seis voces unha
leira de viña en Santa María de Leirado pola sétima parte do viño e os foros
acostumados”.
Camiño de Abellás a Santa Maria de Leirado perto do Penedo de Abellás. |
Fachada de Santa Maria de Leirado |
O penedo das Vellas non é outro que o penedo de Abellás. Á beira do
camiño houbo un milladoiro até polo menos os anos cincuenta, segundo referencia
de Adela Fernández.
Penedo de Abellás. A beira deste camiño habia un milladoiro. |
Ao
desaparecer a parroquia de Santa María de Leirado construíuse a igrexa de Santa
María de Os Mociños. Conta a historia oral que foi pagada coa venda dos destros
de Santa María. Os destros, ou campos ao redor da igrexa, teñen no caso de Santa
María unha extensión de 10.000 metros. Orixinariamente, deberían contar cunhas
dimensións de 30 dextra de distancia arredor da igrexa. A dextra era unha medida latina de lonxitude que se media coa man dereita
(destra).
Anuncio da venda do destro de Santa Maria |
Hai pouco, atopámolo á venda nunha páxina de internet por 180.000 €. O seu valor histórico é incalculábel, o valor de mercado é o máis difícil de coñecer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario