ISTO, AQUÍ, SÓ PUIDO FACELO DEUS!!!
Felipe Castro
Para os que non teñan nenos, aclarar que Tadeo Jones é un
obreiro da construción de Chicago que aspira a converterse nun famoso arqueólogo. Trátase dunha
parodia de Indiana Jones, aquel heroe mítico dos oitenta, reescribindo o
personaxe en clave de ternura. Tadeo, máis ben torpe e nada preparado, vai de
erro en accidente ata descubrir o segredo mellor gardado dos incas.
Historiador
profesional e arqueólogo de fin de semana, de bocata de xamón e cervexiña fría
á sombra, non puiden resistirme a empregar a imaxe. Conste que hai diferenzas.
Tadeo resulta ser moito máis profesional. Por exemplo, sempre vai con pantalón
longo. Un servidor,
namentres, insiste en ignorar os consellos do
noso bo amigo Manuel Veiga, e así nos vai. Tanto se se trata de atopar cidades perdidas nos
Andes, como de darse unha volta pola Galiza rural, é preciso protexerse un
pouco. Xa saben, adeus ríos, adeus fontes... ola silveiras. Quizais outra
diferenza sexa o final da historia, descubrir algún segredo importante medio de
casualidade. Ou tal vez non, iso é unha das múltiples aristas do noso
misterioso castelo.
Se adoptamos a visión dun neno, as diferenzas son moito máis
grandes. Monumentais, diría. Indiana ou Tadeo serán todo o increíbles que
queiran, mais ti velos entrar en templos de chanzos e en pirámides exipcias.
Teu pai, sen embargo, diche que ides ver un castelo e... Lévate a brincos polos
penedos como se foses unha cabra. Furga aquí, furga alí. Bota media hora
mirando unhas pedras e, xa
non é que non aparezan os dragóns por ningures, e que ti non atopas espazo nin
para a pequena corte de Mike el Caballero.
Así que
toca explicarse, de tal xeito que todos poidamos comprender por que a Serra do
Castelo se chama dese xeito e, xa de paso, por que a consideramos tan
importante. A ser posible sen xerga arqueolóxica e dun modo que o entendamos
todos. Se collemos un mapa, non atopamos demasiadas claves. Ao fin e ao cabo
unha serra é un espazo amplo e non fai falta localizar ningún punto concreto.
Por iso se fai preciso acudir
aos nativos: Roxelio, veciño de Fondóns, emigrado en Venezuela e que de neno
pastoreaba gando por estas montañas. Para os cinéfilos, o Sean Thornton do The
Quiet Man de John Ford. Na nosa terceira saída veu connosco, situándonos
xusto no punto coñecido como o castelo.
E, efectivamente, alí
estaban. As pedras e a incredulidade, xa que, como está claro que se perdeu a
súa memoria hai séculos, Roxelio estaba completamente
convencido de que alí arriba non había absolutamente nada. Non en van estivera
infinidade de veces naquel lugar de neno. Unha vez lle explicamos o que viamos naqueles restos, xa convencido e coa súa calma no falar
chea de sabiduría, sentenciou aquilo de "Isto, aquí, só puido facelo
Deus", o que, por outra parte, seguramente non deixe de ser en certo
senso unha observación bastante atinada.
Eses tres grandes penedos que vemos na imaxe de arriba están
unidos por muros, que se atopan debaixo de toda esa maleza. A rocha do medio é
fácil de localizar, xa que ten un punto xeodésico. Entre este e o da esquerda,
que posúe unhas vistas impresionantes a todo o val do Deva e ás Chedas, hai
tres muros, dous exteriores e un interior que, pola súa forma e os puntos de
unión, estaba claramente pensado para facilitar a tarefa de realizar unha
cuberta. Os tres teñen unha anchura duns 86 cm., exactamente igual que a fase
máis antiga do castelo de Castro Laboreiro, que se atopa ao outro extremo da
penichán.
Aí, debaixo de Sabela, temos un deses tres muros, o que se atopa orientado cara Gorgua e nun mellor estado de conservación. Non semella ter ningún vano. Hai algún indicio que nos leva a pensar que a nena está no que sería a parte superior do muro.
Detrás dese penedo que vemos á dereita da imaxe, en primeiro plano, temos unha pedra rebaixada para encaixar a cuberta. Por outro lado, non se atopan demasiadas pedras caídas e, ademais, un burato feito ao lado do muro por algún pequeno animal permitiunos observar que se atopa enterrado e que continúa máis alá do que nós podemos observar.

A técnica constructiva apreciase mellor na foto de arriba. Xa dicimos é igual a da fábrica vella de Castro Laboreiro. Non á da época de D. Dinís, senon á anterior, que este reconstrúe.
Aquí o que temos é a unión do penedo grande, o que tiña moi
boas vistas, co muro orientado cara a Xacebáns. Se se fixan ben, poden apreciar un pouco máis arriba da
unión do muro coa rocha tres buratos excavados na mesma, consecutivos, e un
pouco máis arriba outros tres en paralelo aos anteriores. Formas demasiado
precisas para a acción da erosión. Trátase do enganche dalgún tipo de estrutura
de madeira, o que nos volve indicar que a parte do muro que vemos hoxe en día a
ras de solo realmente é a parte superior. Vamos, que estamos camiñando sobre o
tellado e que, se a algunha institución
lle dese por excavar, podería recuperar boa parte do castelo.

Como non
queremos cansar os lectores, e Arance é a nosa nena bonita, á que pensamos
volver en entradas posteriores, adiantar só que hai máis restos: nese mesmo
muro pódese localizar unha porta; fóra do mesmo un amoreamento grande de pedras
que semella unha torre caída; no penedo grande aprecianse o que ben poderían
ser pequenas conduccións para almacenar auga e entre a rocha do medio, a do
xeodésico, e a que viamos na primeira imaxe á dereita, mirando para Portugal,
tamén hai outros dous muros que unen esas dúas afloracións graníticas. Abaixo
vemos un deles. E cada vez que subimos alí Ana descubre algo máis.

Antes de irnos, imos deixar
formulado o problema. Non hai
ningunha dúbida de que nese punto hai un castelo rochedo. E non dos pequenos. A
parte arqueolóxica, na categoría aficionada na que nós nos podemos desenvolver,
está clara. Sen embargo, no terreo da historia, dos documentos, alí onde nos
móvemos con máis facilidade... desapareceu. Neste castelo a pantasma é a
memoria da súa propia existencia. Como comentaba Ana na entrada anterior (http://asombradopenegache.blogspot.com.es/2015/05/subida-ao-castelo-primeira-parada-as_15.html), a
principios do século XVIII, nun pleito entre os veciños das Chedas e os de
Campo Real e Mociños polo monte comunal, apareceu unha referencia ás ruinas do
castelo de Arance como un marco dese comunal. Por iso decidimos adoptar ese
nome. Mais, reparemos que
naquela época xa falaban de ruínas.
De aí para atrás, polo momento, nada. No XVII, na guerra de independencia de
Portugal, os nosos veciños atacaron e queimaron numerosos núcleos da fronteira,
entre os que non está este. Se tivese algún papel nesa
guerra saberiámolo. Na Idade Media,
a Terra de Celanova é unha das
comarcas galegas mellor documentadas, grazas ao tombo de Celanova e a súa
colección diplomática, ao de Fiaes ou ao de Ramirás.
Calzada co monte do Castelo ao fondo. Poden verse os marcos que bordean a calzada. |
Na outra vertente do val
do Deva, na freguesía de San Salvador de Redemuíños, atópanse os restos do Castelo
de Santa Cruz, construido ao lado dun antigo castro romanizado (ocuparémonos do
tema en posteriores entradas), e nel o problema que temos é xusto o contrario:
temos tantas referencias e tanta documentación que case non sabemos nin por
onde empezar. Arance, pola contra, quedou sepultado no esquecemento. Nin unha
soa mención. Só indicios, pezas rotas dun puzzle sen resolver. A toponimia, por
exemplo, xa que Arance semella vir da antiga lingua dos astures. Hai un pequeno
afluente do Nalón, o Aranguín, que se xunta con el en Pravia, onde a familia de
San Rosendo tiña un palacio para estar ao lado dos reis. Na subida ao castelo
de Arance atopamos un lugar chamado Coto de San Rosendo, o que tampouco resulta
nada determinante tendo en conta o dominio secular deses monxes bieitos sobre
este territorio, e, se seguimos ascendendo, temos algún outro nome de lugar
posiblemente relacionado con isto, como Estuvianas.
Rio Deva |
O propio nome do río
principal do val, o Deva, fai referencia á Deusa Nai, do indoeuropeo deiwos,
e non só se repite noutro afluente do Miño situado na provincia de
Pontevedra, senón tamén na zona occidental de Cantabria, así como na Illa da
Deva en Soto del Barco e nunha parroquia próxima a Xixón. Lembrar que aquí o
nome sempre conviviu co de Río Grande. A primeira denominación que recibiu o
castelo de Castro Laboreiro seica foi a de castelo de San Rosendo, sendo
construido na época do fundador, e quizais non deberíamos esquecer que esa
primeira forma de construir de Castro é a nosa. O dito, nada sólido, só indicios
fragmentarios que nos fan pensar que tal vez Roxelio non estivese tan
equivocado ao adxudicarlle ao propio Deus a autoría do castelo de Arance.
En fin, que
haberá que seguir traballando. No AHPOU aínda quedan moitos documentos modernos
e medievais da nosa zona sen ler, así que, mentres o facemos e chegamos a
conclusións máis definitivas. Mentres tanto quizais o mellor sexa esquecernos por un momento
do ceo e quedarnos en pantalóns curtos preto do inferno, que a nosa banda
sonora ten que empezar a superar o shock causado polos Niños Mutantes, que nos inspiraron a conducir coches de turismo por pistas case inaccesibles para todo terreos.
Excelente, historias olvidadas o que fueron pasando de boca en boca al ir perdiendo oradores se estan olvidando en el tiempo...
ResponderEliminarSigan investigando... hay muchas más historias que pueden salir a la luz, monumentos funerarios por ejemplo.
Maria Angela Alonso R.
Marabillas do noso Principio do Mundo!!
ResponderEliminarMoitas grazas aos dous.
ResponderEliminar