venres, 15 de maio de 2015

Subida ao Castelo. Primeira parada: As Chedas




SUBIDA AO CASTELO. PRIMEIRA PARADA: AS CHEDAS




Ana Mosquera

Despois da visita ao Coto Furado con Roxelio, decidimos subir ao monte do Castelo. O nome era, de por si, unha invitación e unha interrogante: habería alí, algunha vez, un castelo? Pedímoslle aos veciños que nolo situasen e aproveitaron para falarnos doutro monte ou lugar: a Torriña. Ademais, entre A Torriña e O Castelo encóntrase a Basteira, topónimo que pode ter a súa orixe en besteira (de bestas), pero tamén, segundo o “Consultorio dos nomes e apelidos galegos” de Mendez Ferrín, os apelidos e lugares Basteiro, Bastiagueiro, e similares  posibelmente teñan a súa orixe en bastione, construción defensiva que tamén daría lugar a bastión (fortaleza), e a Bastilla, nome da fortaleza de París cuxa conquista deu comezo á Revolución Francesa.


Se a todo isto lle sumamos o feito de que desde o google earth, parecía percibirse a existencia de restos construtivos xusto nesa zona, as nosas posibilidades de éxito  parecían aseguradas.  Non obstante, tiñamos datos en contra:  a altura, demasiado elevada 1046 metros, e a falta absoluta de memoria sobre ese suposto castelo entre os veciños.
O “noso” castelo está situado ao noroeste do Penegache, enriba das Chedas e cara Gorgua. De feito, os marcos que delimitan os concellos  de Quintela de Leirado e Padrenda atravésano polo medio, pero iso aínda non o sabiamos daquela. Atopar os restos custounos varias subidas e finalmente foi Roxelio, como non, quen nos levou, posto que a vista que nos daba o satélite era difícil de identificar en superficie.

Foi nos primeiros días do verán de 2013, cando intentamos a primeira subida. Chegamos primeiro ao lugar de As Chedas, penso que unha das aldeas máis fermosas da comarca. A primeira vez que fun ás Chedas chamou a miña atención o cariño con que estaban traballadas todas as construcións : o muíño de pedra, con  forma circular e o teito de pedra, as canles de pedra, a fonte, os canastros e en xeral toda aldea, adaptando as súas formas ás curvas do terreo. Non é casual. Unha veciña díxome unha vez que aquí había moi bos canteiros, de feito acostumaban a desprazáranse a traballar tamén a outras localidades.



Das canteiras de As Chedas baixáronse, en carros de bois, as pedras para a igrexa de San Pedro de Leirado, seguramente tamén para a de Santa María. Os veciños de Fondóns utilizaron até  hai pouco a pedra d’As Chedas, para as súas construcións. Os irmáns  Cholo e Manolo Rivera lembran traer de alí a pedra para un canastro, cando eran uns rapaciños.
Probabelmente, o último que baixou pedra desde As Chedas a Fondóns foi o meu avó Odilo,  en 1970, cando empezou a construír unha cociña para afumar. Desgraciadamente, a cociña rematouse con ladrillo de A Manchica.



Unha das mencións máis antigas das Chedas é de 1467, nun asunto relacionadoc oa guerra Irmandiña, recollido en “A vida e fala dos devanceiros” de Xesús Ferro Couselo. Neste libro recóllese a declaración de Fernán das Chedas, alcalde da Santa Irmandade da terra de Sande, quen, xunto con Loys de Garabelos, explica, ante o Procurador Xeral Juan de Torneiros, os danos, roubos, prisións e rescates, impostos por Roi Alfonso Pimentel e despois polo seu fillo Juan Alfonso Pimentel.









Esta declaración ante as autoridades,  en medio da gran guerra irmandiña (1467-1469), fainos pensar que o noso veciño, o alcalde irmandiño Fernán das Chedas, debeu participar nalgunha das accións bélicas.

Un texto do Arquivo Histórico Provincial de Ourense (caixa 9862) de 23 de febreiro de 1487 que menciona a outro veciño das Chedas, Alfonso das Chedas, acláranos que as Chedas, ou polo menos o Coto de Riobó, xunto con Quintela e Forxán formaban parte nesa época da 
denominada Terra de Sande . Este tema será tratado por Felipe Castro con máis detalle, pois é certamente interesante e podería ter relación directa co noso castelo. Digamos xa que o castelo que buscamos figura nun  deslinde do comunal das Chedas e Campo Real como Castelo de Arance. Este deslinde está recollido nunha Real Provisión da Real Audiencia da Coruña nun preito entre os veciños das Chedas e os dos Mociños e Campo Real -coñecido como Campo Falso naquela época .  
Pensamos que o nome das Chedas alude a un lugar situado na base dun monte. O topónimo As Chedas non é frecuente. Unha cheda é cada unha das pezas laterais do chedeiro do carro no que van encaixados os estadullos. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, tamén se utiliza a expresión “dar cheda”, para upar ou axudar a alguén a subir a un lugar. Eu, particularmente, penso que este último 
significado ten sentido neste topónimo, cando menos neste lugar. Sería o equivalente a un pousadoiro, de feito outro lugar chamado A Cheda, na cidade de Lugo, está na parte baixa da capital, próximo ao río e extra murallas.


Atravesamos As Chedas e collemos a pista de terra cara o castelo. Abrimos a cancela e vemos as cachenas de Alfredo que nos miran con interese, pero non tanto como as miramos nós a elas. Gústannos, son produtivas, asentan algo de poboación e facilítannos o camiño. 


Chegamos á granxa e subimos como podemos pola pista, o noso coche non é un todo terreo, pero co tempo aprendemos a conducilo dunha forma aceptábelpola terra. Non moi lonxe do deposito de auga, deixamos o coche e andamos  un pouco monte a través até un lugar que os mapas sinalan como O Penedo das Chedas. Neste punto atopamos moitas pedras cortadas, non sabemos se por proximidade dunha canteira. Varias pedras parecen ter canles polo medio, coma se fosen parte dunha condución de auga (Agradeceriamos comentarios aclarando estas cousas). 



Nunha pequena chaira pace un grupo de cabalos. Ás nenas que veñen con nós chámalles a atención unha pedra que parece unha rá. 

Seguramente, a súa forma é froito da erosión, pero deixo a foto porque me pareceu fermosa. Se camiñamos un pouco cara ao sur temos unha vista do Penegache e podemos oír caer a auga do Salto do Gato. Apetece achegarse, pero está un pouco lonxe. Desde o outeiro das Chedas sae unha calzada.

As profundas rodeiras de carros indícannos que foi un camiño moi transitado. Recentemente por canteiros e contrabandistas, pero é posíbel, tanto pola súa situación como polos marcos que o sinalan, que se trate dun dos camiños libres de impostos que parten desde Castro Leboreiro cara a Milmanda, tal e como xa se apuntou en As pedras quepariron a nosa estirpe.  Nesta primeira visita nin nos achegamos ao castelo. Manuel torceu un pé case ao pouco de empezar a andar, e as nenas  cansaron de seguida. Ademais, estivemos desorientados. Con todo, esta primeira tentativa foi moi frutífera. Aprendemos que o castelo era unha referencia e unha escusa, pero que no camiño ían aparecer moitas sorpresas, non menos interesantes.






1 comentario:

  1. PRECIOSO, ESTOY SIN PALABRAS...
    GRACIAS.
    MARIA ANGELA ALONSO R.

    ResponderEliminar