lunes, 4 de mayo de 2015

A pedra de Antonio


        

Felipe Castro



Antonio Seoane é moito máis que unha biografía interesante: é unha desas persoas coas que merece a pena falar, que agasalla ideas en cada palabra. Todo ten substancia, desde as orixes familiares ata as súas innumerables lembranzas dos seus sesenta e catro anos de matrimonio coa súa inesquecible Rosa. De natureza fidalga, con raíces en San Pedro da Torre, e profundamente marcado pola pegada do catolicismo, por influencia familiar e máis polo seu paso polo Seminario Conciliar de Mondoñedo, hai algo na súa presencia que remite á vella sabedoría dun Otero Pedrayo. Non é o momento de lembrar as súas historias dos Montenegro nas terras da Mariña, nin de mergullarse na súa interesante biblioteca, tampouco de lembrar as súas memorias do tardo- franquismo e a transición, como un dos fundadores galegos de AP, mais si de deixar claro que, en calquera deses temas, dá gusto escoitalo, xa que enseguida un se decata de que, por riba de todo, pertence a esa casta dos homes bos que, desgraciadamente, cada día semella máis reducida.


Hoxe o realmente importante é que grazas a Antonio estamos de hora boa nas terras de Penegache. Sendo novo percorreu a comarca con Xaquín Lorenzo Fernández, axudándoo nas súas tarefas arqueolóxicas e etnográficas. O Xocas durante a postguerra dedicouse a realizar numerosos estudos sobre arqueoloxía e etnografía material e cultural galega. Colaborador do Museo Arqueolóxico de Ourense, en 1951 foi nomeado membro da Real Academia Galega e na transición é fundamental na creación do Museo do Pobo Galego. Antonio, grazas a esta relación e a outras experiencias vitais, adquiriu coñecementos e  sensibilidade. Máis tarde descubriu en Xacebáns unha pedra especial, que lle chamou a atención, e que, tras anos de servizo afiando fouciñas, ía camiño do entullo. Conseguiu salvala, ocupándose dos seus coidados en Fondóns. Pasaron os anos e sempre soubo que estaba gardando algo importante, coa paciencia de quen sabe agardar. 

 A pedra de Antonio é unha ara votiva romana. Cóntannos que vai rematar na exposición permanente do Museo Arqueolóxico de Ourense, sen ningunha dubida a institución máis importante da provincia en canto a conservación e divulgación do noso patrimonio, herdeiros directos do legado da Xeración Nós e do Xocas. Estará acompañada dunha placa en lembranza e agradecemento a Antonio. 

Vai ser conservada e analizada polas persoas axeitadas, que a estudarán en profundidade. Iremos informando de todo o que nos vaia dicindo do noso pasado. Estamos de festa por todos eses motivos e, especialmente, porque Antonio, que dicía que ía ver piñeiros cando saia buscar restos para que non o tomasen por tolo, vai ver recoñecida a súa tarefa. Moitas grazas, Antonio, a ti e a todos os vellos sabios e homes bos, esperemos ser quen de aprender algo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario