martes, 15 de enero de 2019

Loito na diáspora Ángela Alonso Rodríguez, Geli: “Non deixedes morrer esta terra”




Ana Mosquera

Ángela Alonso "Geli", Na nosa memoria



Foi o 17 abril de 2015 cando Felipe Castro e máis eu, impresionados polos datos que estabamos acumulando da nosa descoñecida terra, decidimos poñelos en común neste blog.
Pero non foi até uns días despois, nunha data sinalada, un 25 de abril de 2015, cando comprendemos que o proxecto sería unha comunidade “na sombra”. Un fío condutor con aqueles que tiveran que marchar e que mantiñan o orgullo pola súa terra.

O valado do patio da casa familiar de Geli chamounos a atención no seu momento.
A forma de colocación das pedras coincidía bastante co atopado na montaña.


Unha mensaxe de Geli na entrada “As pedras que pariron a nosa estirpe” case nos fai chorar de emoción. Conectáramos! Ángela dicía que era a filla de Odilo Alonso das Chedas e pedíanos que non deixásemos morrer estas terras.
Eu a Ángela non teño conciencia de tela visto en Caracas. Era moi amiga dos meus curmáns e até a teño en fotos xuvenís.  Mais, o que nos uniu, foi este blog.
O seu pai deixou Galicia un 12 de xaneiro, desde o porto de Vigo, no ano 1953. Curiosamente, é o mesmo día que no que Ángela nos deixou.

Foto do pasaporte de Odilo Alonso, pai de Ángela, na súa primeira viaxe. Ángela sentiase moi orgullosa das súas orixes e compartia nas redes esta fotografía no aniversario da
chegada ao porto da Guaira.

Ángela foi unha nena da emigración. Viviu nas Chedas, marchou coa súa nai nun barco para Caracas. Sempre mantivo arraigo e cariño pola terra natal.
Prometinlle unha entrada sobre as Chedas no blog, que adiantamos sobre outras por gratitude. Pero Geli era unha persoa culta e lembraba anécdotas da súa infancia moi importantes. Deunos pistas a seguir. Pensamos que existe un xacemento da Idade de Ferro nas proximidades de Campo Real, porque varias persoas identificaron, por fotografías, pezas como machados ou ela mesma un torque, que atopou sachando. Pezas seguramente tiradas e perdidas para sempre. Ela sempre se preocupaba de que a nosa historia non quedase enterrada.



Cabalos corren en liberdade polo Planalto, inmensa necrópole onde repousan as almas dos nosos ancestros




























Por iso lle quero dedicar esta entrada, para que ela non quede esquecida. A historia das persoas que marcharon, ás que nos arrasou a mareira da emigración é tan importante como son o Castelo de Arance ou o Castro de Redemuiños
Geli viviu até os últimos días con amor a terra.
O seu último comentario foi na entrada “O verán que aprendemos inglés na aldea”.

Ela dicíanos: “Reúnanse los que puedan, allí mismo”.






Geli, a tribo acóllete, aínda que esteas lonxe.

A vida de Odilo Rodríguez Codias.O Penegache fíxoo “máis forte que a fame”


Ana Mosquera






Odilo R. Codias foi presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Desde hai máis de vinte anos é o administrador de Conxelados Alaska. Ten tamén participación nos órganos de administración de máis de media ducia de empresas. Coñeceu e incluso tivo relación próxima con algunhas personaxes destacadas, como o que foi presidente do Real Madrid, Ramón Mendoza Fontenla. Pero no seu camiño cara adiante nunca esqueceu que era o “rapaz da Celsa”, natural de Xacebáns, no pé do Penegache. Viviu, en poucos anos, impresionantes cambios na súa vida. Unha historia que quixo compartir con nós a través do libro que vén de publicar, “Más fuerte que el hambre”, editorial Teófilo.





Permitídeme empezar cunha pequena frivolidade, pero a min, de Odilo, sempre me chamou a atención o porte elegante e o ben que viste. Nin demasiado serio, nin demasiado moderno, nin demasiado informal. Sempre no punto adecuado, axudado polo seu físico.
A foto da portada do libro é o retrato dun Odilo de primeira comuñón, pero non é un traxe como os que todos levaban ese día, el non ten para un traxe así. Probabelmente está desgustado e pode que comece a comprender a precariedade económica da súa nai. Con todo, mantén a cabeza alta e con orgullo, como dicindo: Vou saír adiante.
Ese día da comuñón, naceu o seu espírito emprendedor? Pode, en todo caso era un día importante, porque foi consciente de que non tiña a ninguén. Os outros nenos contaban con pais emigrados que mandaban cartos. Odilo non tiña pai e comprendeu que debía valerse por si mesmo.
Criado en Xacebáns, no pé de Penegache, no libro relata a historia dun rapaz enxeñoso e con decisión para poñer en práctica as súas ocorrencias. Valentía  e decisión que teñen algo que ver coas particularidades do lugar onde se criou.


Casas vellas de Xacebáns


Nalgún momento das súas vidas, todos os veciños de Quintela de Leirado, cando menos os daquela época, participaron, dunha forma ou doutra, no contrabando. Vivindo en Xacebáns ao pé da fronteira era moito máis doado. O contrabando foi, entre outras cousas, unha escola de vida para aprender até onde se podía chegar, canto arriscar, canto perder. Calcular os riscos e tratar de evitalos. Unha autentica escola de negocios da época e, aínda que non todos tiveron igual sorte, posto que mp asunto xogaban moitos factores, si sabemos que algúns dos máis importantes empresarios da provincia pasaron contrabando por esas montañas, como eles mesmos contaron: Odilo Rodríguez, Antonio Piña (Anpian), Ramón Vázquez…

Desde Penegache ao mundo

Persoalmente, eu penso que na vida do Odilo a falta da autoridade do pai non lle veu mal. As súas ideas moi posiblemente non terían pasado o filtro dunha autoridade familiar, naquel ambiente tan conservador e amedoñado.

O libro trata catro etapas diferentes.
A infancia en Xacebáns dun neno de aldea e a primeira mocidade aprendendo un oficio polo día e gañando uns pesos polas noites na fronteira.

Unha da parte máis interesantes é a dedicada a Fernando Poo. Está moi ben explicada a anguria da primeira viaxe e o funcionamento das explotacións, contado dunha forma bastante sincera. Por primeira vez, alguén desta terra fala con coherencia dese tabú que foron as colonias de Guinea.


Selo postal emitido en Fernando Poo

A terceira parte describe a emigración nun sitio moi especial e descoñecido: Holanda.
En Holanda non son os negros os que viven en barracóns,son os galegos e o resto dos emigrantes. Até oito metidos xuntos. Compénsalles polo salario. 
Despois mellora a vivenda e casa con Preciosa. Voda á que a min con tres anos non me deixaron asistir porque lembro que había unha tremenda nevada. Aínda que para contentarme estreei o peto e fixéronme unha foto na casa da noiva que é de Fondóns e da miña familia. Logo viñeron os seus fillos Johny e Marga, aos que algo lles tocou andar para adiante e atrás.
Durante eses anos, como bo galego, aforra para instalarse de volta, pero centrase en mellorar a casa materna. Volver á montaña nai.
Igrexa parroquial de Xacebáns


Levou á súa nai a coidar os fillos a Holanda e esta anécdota permitídeme contala porque me identifico moito con ela. Celsa, acostumada ás nosas casas de aldea, chega a unha casa de Holanda con calefacción, moqueta cuarto de baño e TV a cor e escandalízase porque pensa que vivían como ricos e que malgastaban o diñeiro.  A min pasárame algo parecido de nena cando cheguei a Caracas.
En Holanda, Odilo e Preciosa traballaron moito. Gañaron diñeiro e sobre todo souberon investilo. Hai que saber comprar e saber vender. Adiviñar onde estarán as necesidades.
Preciosa e Odilo decidiron retornar polos fillos. Querían que os seus fillos fosen galegos. De feito Johny xa tiña un marcado acento neerlandés cando volveron.



  1. Odilo, Preciosa e os seus fillos.


Co retorno en Ourense, veu unha época de éxito nos negocios, cos Conxelados Alaska e como promotor de solos. Sempre tivo o acerto de manter un pé no seguro e coñecido e máis ou menos estable mundo dos conxelados e outro con certo grado de aventura nos negocios inmobiliarios.
O  libro ten interese para calquera, non se trata só da biografía e os logros dunha persoa. E a evolución dunha sociedade en só dúas xeracións. Vivencias das que oímos falar moito pero sabemos moi pouco como Guinea. A desaparición das aldeas que non está presente de forma consciente pero si no subconsciente do autor.

Xacebáns

El quere marchar, non quere mirar para atrás pero ao mesmo tempo só pensa en mellorar a casa natal. E neste libro refírese a si mesmo como “eu, un rapaz de Xacebáns”.
Está moi presente o amor á terra na que foi un neno feliz, cos veciños aos que nunca esqueceu, e coa consciencia fría e pragmática da morte desa forma de vida, tan frecuente na xeración dos nosos pais e que nós vemos con algo de melancolía.


Presentación do libro en Ourense co Presidente da Deputación
e o editor Teofilo Edicións.

E, como non, a biografía tamén está moi centrada na familia. Nas presenzas, a nai, o tío, a muller e os fillos e a felicidade de ter unha familia propia. E nas ausencias. Esa ausencia paterna, nalgúns momentos dolorosa, e que sen dúbida o fixo máis forte e máis sensible.


Entre o público algúns veciños


Para mercar o libro por internet aqueles que estedes lonxe