domingo, 30 de septiembre de 2018

Penn e gache: unha teoría céltica en torno ao nome de Penagache




Felipe Castro



Cómpre empezar cunha desculpa dobre. En primeiro lugar, por levar tanto tempo sen escribir neste blog. As miñas obrigas profesionais, moi intensas nos últimos anos, fixeron que non puidera dedicarlle nada de tempo. Por outra banda, son dos que pensan que non se debe complicar de xeito innecesario o que é sinxelo. Na primeira entrada da Sombra defendía que Penegache significa a Pena do Gato e, para xustificarme, empregaba documentos medievais do mosteiro de Celanova nos que esta montaña recibe o nome de“Penne Gati”, así como o feito de que moi preto da mesma existan topónimos como o Salto do Gato ou a Corga do Gato.

Lamas de Basteira. Nacemento do Salto do Gato.



Era todo moito máis fácil: bastaba con empregar o dicionario. Frei Martín Sarmiento, un dos ilustrados máis importantes do país, escribiu un Catalogo de voces y frases de la lengua gallega (1745- 55) no que recolle o significado da palabra gache, explicando que “en Galicia para espantar a un cerdo se le impera cache y para espantar a un gato se le dice gache”. E tal termo segue presente hoxe en día no dicionario da Real Academia Galega (https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/gache), para o que gache é “voz empregada para espantar os gatos”.

Totalmente convencido xa de que o “Gati” dos documentos do mosteiro e o “gache” actual fan referencia ao mesmo: a micos (máis ou menos grandes, esa é outra historia), agora do que non estou tan seguro é de que a primeira parte da palabra signifique “Pena”. Seguramente si sexa así, pero hai novas teorías.

Isto ten que ver con que lle chamemos Penagache ou Penegache, tema algo polémico e moi interesante. Desde o punto de vista da corrección escribindo, está moi claro, e o topónimo oficial é Penagache. É o que aparece en tódolos documentos públicos e é bastante máis ca iso, xa que se trata dun termo que emprega unha parte importante da poboación. Aínda que tamén é verdade que outra parte importante das persoas do contorno, sobre todo xente maior, cando se refiren á montaña sempre falan de Penegache (ese é o motivo de que empreguemos esa forma no nome do blog). Negar que no día a día os dous termos conviven sería intentar ocultar a realidade. Ademais, os que empregan a primeira forma nunca o fan en feminino (fíxense, por favor), que sería o agardable de ser unha pena (por exemplo, en galego sempre falamos de “a Pena Rubia”ou de “a Pena Redonda”), senón que falan de “o Penagache”.

Non cuestiono nin pretendo cambiar a forma oficial, xa que intentar tal cousa sería unha completa estupidez, unha perda de tempo que non levaría a nada, ao estar a forma Penagache ben asentada, ser completamente correcta desde o punto de vista do galego normativo e estar recoñecida non só a nivel local, senón moito máis alá (temos unha rúa en Ourense con ese nome, Penagache está na historia do montañismo galego...). Só estou buscando entender a orixe da palabra, saber de onde vén.

A forma oficial non é ningún invento desde o punto de vista histórico. Por exemplo, aparece xa en 1749, cando no catastro de Ensenada se lle chama á montaña “Pena Gache”. Ben é certo que aí empréganse topónimos como “Río de Molinos”, “Jocín” ou “Jacebanes”, o que demostra unha clara vontade de castelanizar os nomes dos lugares. Durante todo o século XIX, cando un escritor galego importante quere referirse a Penagache, faino sempre así, con “a” e non con “e”, e iso é algo que fan persoas como Benito Vicetto (1861), ou xa na seguinte centuria Otero Pedraio (1949).


Penegache enraíza moito máis atrás na documentación histórica. Temos que lembrar que no século XI os monxes de Celanova chamábanlle así, “Penne Gati”. O normal é que ese “Penne” sexa unha forma antiga de dicir“Pena”, pero... Nas linguas gaélicas ou célticas que aínda se falan en Europa, como o galés ou o bretón, Penn significa “cabeza”, empregándose tamén para designar montañas. De feito, dentro do panteón de tódolos pobos célticos existe un deus Penn, identificado polos romanos como o Deus das montañas. Tito Livio, un dos escritores máis importantes do Imperio Romano, explicando a orixe do nome Apeninos conta que provén da mestura da palabra celta “Penn” e a latina “locos” (lugar), dando “Penne-locus”, ou lugar das montañas. Ese “Penne” do que fala Tito Livio escríbese exactamente igual ao “Penne” que empregaban os monxes de Celanova para referirse á nosa montaña.


O  noso Penegache e o Planalto estiveron ocupados desde a prehistoria.O elevado número de monumentos prehistóricos falan sen dúbida dun lugar sagrado para as tribus que o coñeceron.

Penegache non é un topónimo especialmente orixinal (Penagache tampouco, hai un monte e unha aldea en Sarria con ese nome), xa que existen outros tres en Portugal. Todos eles comparten un forte arrecendo a nobreza e, ademais, serven para explicar a evolución da palabra, como foi pasando de “Penne Gati” (Plena Idade Media), a “Penegate” (Baixa Idade Media) e logo a Penegache (na actualidade).

O primeiro está na freguesía de São João de Pencelo, moi preto de Guimarães. Segundo papeis vellos que se gardan na Torre do Tombo de Lisboa, en 1403 foi aforado pola colexiata de Santa María de Oliveira. Por aquel entón chamábase “Penegate”. En 1437 a colexiata volve outorgar un “praço” (foro) sobre o mesmo lugar, que xa recibe o nome de “Penegache”. En 1818 unha fidalga de Guimarães daba en herdanza a un sobriño a quinta de Penegache. Na actualidade consérvase en Pencelo un lugar chamado Penegache.

O segundo non modificou o seu nome, seguramente por ser o máis senlleiro desde o punto de vista histórico. É a torre de Penegate, fortaleza mandada construír por un rico-home de D. Dinís no século XIV e que aínda se conserva na parroquia de S. Miguel de Carreiras, en Vila Verde, moi cerca de Braga.

Torre de Penegate (Vila Verde, Portugal)

Por último, o Penegache que está máis ao sur atópase no concello de Mafra, case ao lado de Sintra, daba nome a un forte que gardaba o río Safarujo e hoxe en día xa non existe como tal, só quedou o topónimo e uns pequenos restos do antigo forte moi destruídos pola acción humana.


Situación do forte de Penegache, Concello de Mafra. 

Non creo que sexa casualidade esta concentración de quintas, fortalezas e fortes compartindo un mesmo nome e atreveríame a afirmar que fan referencia a lugares especiais. Seguramente todas esas fortalezas compartan un relevo cheo de penedos, emprazamento moi axeitado para ese tipo de construcións, e iso sexa o que as una, aínda que creo que, polo momento, e ata que saibamos máis, non deberíamos desbotar a posibilidade de que a primeira parte do nome da nosa montaña queira dicir “cabeza”, “montaña” ou mesmo fose unha referencia ao Deus céltico das mesmas, algo que encaixaría bastante ben co forte simbolismo que conserva ata hoxe en día. En calquera caso, imos todos respectar, coidar e gozar moito da montaña. O importante é o que fagamos con ela nun futuro, non como se chame ou de onde veña o nome, especialmente porque, tal e como o vexo, pode perfectamente chamarse dos dous xeitos: Penagache nun rexistro culto e oficial, para o mundo; e Penegache, nun rexistro máis popular e próximo ao que sempre empregaron os nosos maiores.

Penegache do Leboreiro desde o Castelo de Arance. Nas Chedas-Gorgua


No hay comentarios:

Publicar un comentario