domingo, 31 de mayo de 2015

O misterio do castelo de Arance.




ISTO, AQUÍ, SÓ PUIDO FACELO DEUS!!!

Felipe Castro







           Para os que non teñan nenos, aclarar que Tadeo Jones é un obreiro da construción de Chicago que aspira a converterse nun famoso arqueólogo. Trátase dunha parodia de Indiana Jones, aquel heroe mítico dos oitenta, reescribindo o personaxe en clave de ternura. Tadeo, máis ben torpe e nada preparado, vai de erro en accidente ata descubrir o segredo mellor gardado dos incas. 


            Historiador profesional e arqueólogo de fin de semana, de bocata de xamón e cervexiña fría á sombra, non puiden resistirme a empregar a imaxe. Conste que hai diferenzas. Tadeo resulta ser moito máis profesional. Por exemplo, sempre vai con pantalón longo. Un servidor, namentres, insiste en ignorar os consellos do noso bo amigo Manuel Veiga, e así nos vai. Tanto se se trata de atopar cidades perdidas nos Andes, como de darse unha volta pola Galiza rural, é preciso protexerse un pouco. Xa saben, adeus ríos, adeus fontes... ola silveiras. Quizais outra diferenza sexa o final da historia, descubrir algún segredo importante medio de casualidade. Ou tal vez non, iso é unha das múltiples aristas do noso misterioso castelo.



            Se adoptamos a visión dun neno, as diferenzas son moito máis grandes. Monumentais, diría. Indiana ou Tadeo serán todo o increíbles que queiran, mais ti velos entrar en templos de chanzos e en pirámides exipcias. Teu pai, sen embargo, diche que ides ver un castelo e... Lévate a brincos polos penedos como se foses unha cabra. Furga aquí, furga alí. Bota media hora mirando unhas pedras e, xa non é que non aparezan os dragóns por ningures, e que ti non atopas espazo nin para a pequena corte de Mike el Caballero.


      Así que toca explicarse, de tal xeito que todos poidamos comprender por que a Serra do Castelo se chama dese xeito e, xa de paso, por que a consideramos tan importante. A ser posible sen xerga arqueolóxica e dun modo que o entendamos todos. Se collemos un mapa, non atopamos demasiadas claves. Ao fin e ao cabo unha serra é un espazo amplo e non fai falta localizar ningún punto concreto. Por iso se fai preciso acudir aos nativos: Roxelio, veciño de Fondóns, emigrado en Venezuela e que de neno pastoreaba gando por estas montañas. Para os cinéfilos, o Sean Thornton do The Quiet Man de John Ford. Na nosa terceira saída veu connosco, situándonos xusto no punto coñecido como o castelo.

           E, efectivamente, alí estaban. As pedras e a incredulidade, xa que, como está claro que se perdeu a súa memoria hai séculos, Roxelio estaba completamente convencido de que alí arriba non había absolutamente nada. Non en van estivera infinidade de veces naquel lugar de neno. Unha vez lle explicamos o que viamos naqueles restos, xa convencido e coa súa calma no falar chea de sabiduría, sentenciou aquilo de "Isto, aquí, só puido facelo Deus", o que, por outra parte, seguramente non deixe de ser en certo senso unha observación bastante atinada.



              Eses tres grandes penedos que vemos na imaxe de arriba están unidos por muros, que se atopan debaixo de toda esa maleza. A rocha do medio é fácil de localizar, xa que ten un punto xeodésico. Entre este e o da esquerda, que posúe unhas vistas impresionantes a todo o val do Deva e ás Chedas, hai tres muros, dous exteriores e un interior que, pola súa forma e os puntos de unión, estaba claramente pensado para facilitar a tarefa de realizar unha cuberta. Os tres teñen unha anchura duns 86 cm., exactamente igual que a fase máis antiga do castelo de Castro Laboreiro, que se atopa ao outro extremo da penichán.



         
  Aí, debaixo de Sabela, temos un deses tres muros, o que se atopa orientado cara Gorgua e nun mellor estado de conservación. Non semella ter ningún vano. Hai algún indicio que nos leva a pensar que a nena está no que sería a parte superior do muro. 

Detrás dese penedo que vemos á dereita da imaxe, en primeiro plano, temos unha pedra rebaixada para encaixar a cuberta. Por outro lado, non se atopan demasiadas pedras caídas e, ademais, un burato feito ao lado do muro por algún pequeno animal permitiunos observar que se atopa enterrado e que continúa máis alá do que nós podemos observar. 




A técnica constructiva apreciase mellor na foto de arriba. Xa dicimos é igual a da fábrica vella de Castro Laboreiro. Non á da época de D. Dinís, senon á anterior, que este reconstrúe.

             
           
      Aquí o que temos é a unión do penedo grande, o que tiña moi boas vistas, co muro orientado cara a Xacebáns. Se se fixan ben, poden apreciar un pouco máis arriba da unión do muro coa rocha tres buratos excavados na mesma, consecutivos, e un pouco máis arriba outros tres en paralelo aos anteriores. Formas demasiado precisas para a acción da erosión. Trátase do enganche dalgún tipo de estrutura de madeira, o que nos volve indicar que a parte do muro que vemos hoxe en día a ras de solo realmente é a parte superior. Vamos, que estamos camiñando sobre o tellado e que, se a algunha institución lle dese por excavar, podería recuperar boa parte do castelo.



            

Como non queremos cansar os lectores, e Arance é a nosa nena bonita, á que pensamos volver en entradas posteriores, adiantar só que hai máis restos: nese mesmo muro pódese localizar unha porta; fóra do mesmo un amoreamento grande de pedras que semella unha torre caída; no penedo grande aprecianse o que ben poderían ser pequenas conduccións para almacenar auga e entre a rocha do medio, a do xeodésico, e a que viamos na primeira imaxe á dereita, mirando para Portugal, tamén hai outros dous muros que unen esas dúas afloracións graníticas. Abaixo vemos un deles. E cada vez que subimos alí Ana descubre algo máis.



                Antes de irnos, imos deixar formulado o problema. Non hai ningunha dúbida de que nese punto hai un castelo rochedo. E non dos pequenos. A parte arqueolóxica, na categoría aficionada na que nós nos podemos desenvolver, está clara. Sen embargo, no terreo da historia, dos documentos, alí onde nos móvemos con máis facilidade... desapareceu. Neste castelo a pantasma é a memoria da súa propia existencia. Como comentaba Ana na entrada anterior  (http://asombradopenegache.blogspot.com.es/2015/05/subida-ao-castelo-primeira-parada-as_15.html), a principios do século XVIII, nun pleito entre os veciños das Chedas e os de Campo Real e Mociños polo monte comunal, apareceu unha referencia ás ruinas do castelo de Arance como un marco dese comunal. Por iso decidimos adoptar ese nome. Mais, reparemos que naquela época xa falaban de ruínas. De aí para atrás, polo momento, nada. No XVII, na guerra de independencia de Portugal, os nosos veciños atacaron e queimaron numerosos núcleos da fronteira, entre os que non está  este. Se tivese algún papel nesa guerra sabermolo. Na Idade Media, a Terra de Celanova é unha das comarcas galegas mellor documentadas, grazas ao tombo de Celanova e a súa colección diplomática, ao de Fiaes ou ao de Ramirás. 


Calzada co monte do Castelo ao fondo. Poden verse os marcos que bordean a calzada.

          Na outra vertente do val do Deva, na freguesía de San Salvador de Redemuíños, atópanse os restos do Castelo de Santa Cruz, construido ao lado dun antigo castro romanizado (ocuparémonos do tema en posteriores entradas), e nel o problema que temos é xusto o contrario: temos tantas referencias e tanta documentación que case non sabemos nin por onde empezar. Arance, pola contra, quedou sepultado no esquecemento. Nin unha soa mención. Só indicios, pezas rotas dun puzzle sen resolver. A toponimia, por exemplo, xa que Arance semella vir da antiga lingua dos astures. Hai un pequeno afluente do Nalón, o Aranguín, que se xunta con el en Pravia, onde a familia de San Rosendo tiña un palacio para estar ao lado dos reis. Na subida ao castelo de Arance atopamos un lugar chamado Coto de San Rosendo, o que tampouco resulta nada determinante tendo en conta o dominio secular deses monxes bieitos sobre este territorio, e, se seguimos ascendendo, temos algún outro nome de lugar posiblemente relacionado con isto, como Estuvianas. 


Rio Deva

           O propio nome do río principal do val, o Deva, fai referencia á Deusa Nai, do indoeuropeo deiwos, e non só se repite noutro afluente do Miño situado na provincia de Pontevedra, senón tamén na zona occidental de Cantabria, así como na Illa da Deva en Soto del Barco e nunha parroquia próxima a Xixón. Lembrar que aquí o nome sempre conviviu co de Río Grande. A primeira denominación que recibiu o castelo de Castro Laboreiro seica foi a de castelo de San Rosendo, sendo construido na época do fundador, e quizais non deberíamos esquecer que esa primeira forma de construir de Castro é a nosa. O dito, nada sólido, só indicios fragmentarios que nos fan pensar que tal vez Roxelio non estivese tan equivocado ao adxudicarlle ao propio Deus a autoría do castelo de Arance.


            En fin, que haberá que seguir traballando. No AHPOU aínda quedan moitos documentos modernos e medievais da nosa zona sen ler, así que, mentres o facemos e chegamos a conclusións máis definitivas. Mentres tanto quizais o mellor sexa esquecernos por un momento do ceo e quedarnos en pantalóns curtos preto do inferno, que a nosa banda sonora ten que empezar a superar o shock causado polos Niños Mutantes, que nos inspiraron a conducir coches de turismo por pistas case inaccesibles para todo terreos.



3 comentarios:

  1. Excelente, historias olvidadas o que fueron pasando de boca en boca al ir perdiendo oradores se estan olvidando en el tiempo...
    Sigan investigando... hay muchas más historias que pueden salir a la luz, monumentos funerarios por ejemplo.
    Maria Angela Alonso R.

    ResponderEliminar
  2. Marabillas do noso Principio do Mundo!!

    ResponderEliminar