Ana Mosquera
Portada romanica da Igrexa do Mosteiro de Ramirás. |
O crítico literario, profesor e
desde agora tamén escritor Ramón Nicolás, acaba de publicar unha novela na que
profundiza nas intimidades da vida no mosteiro de San Pedro de Ramirás "O Espello do Mundo".
Celanova, Igrexa de San Salvador |
A terra de Celanova é coñecida
como terra de poetas e escritores. De Curros Enriquez a Méndez Ferrín, pasando polos Velo, Xose e Carlos; Castor Elices e outros. A novidade é que este autor adoptou a terra de Celanova
como propia. Ramón Nicolás e a súa muller Viqui, non son orixinarios desta na
zona. Un amigo de ambos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, comezou a mostrarlle a
comarca, con tanta paixón, que Ramón e a súa compañeira mercaron e restauraron
unha casa en Escudeiros, na que desfrutan o seu tempo libre.
Ramón Nicolás |
Ramón Nicolás converteuse nun
activo membro da comunidade cultural desta comarca de Celanova. Escribiu unha
biografía de Celso Emilio Ferreiro, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, e foi
nomeado patrono da fundación Celso Emilio Ferreiro.
Busto de Curros en Celanova |
Hai uns meses soubemos que ia
sacar a súa primeira novela. A sorpresa é que a ambientase tamén na terra que
el escolleu.
Igrexa de San Pedro de Ramiras co edificio que albergou as clarisas adosado. |
A novela introdúcenos na vida
cotiá das monxas medievais, concretamente desde o ano 1152 ao 1162, cando a
abadesa, ona Guiomar Mendez, guiaba o mosteiro de San Pedro de Ramirás. Fai
tamén incursións nos derradeiros anos do mosteiro, xa no século XX. É un mozo
de Escudeiros, interesado na historia, quen vai desentrañando uns documentos
ineditos e persoais de ona Guiomar.
A relegación cada vez maior da muller dentro da igrexa está tratada no libro a través das queixas que, nas cartas, deixan as dúas protagonistas.
A relegación cada vez maior da muller dentro da igrexa está tratada no libro a través das queixas que, nas cartas, deixan as dúas protagonistas.
Podemos especular con que esta
relegación da muller no ámbito eclesiástico quizais sexa a razón pola que o
mosteiro de Ramirás, que comezou sendo mixto, rematase só con freiras, e
deixase deste modo de competir co mosteiro de Celanova, fundado pola poderosa
familia de San Rosendo. As monxas, coa clausura, necesitaban máis
intermediarios para defender os seus dereitos.
San Rosendo en Celanova |
O libro non fala desta orixe
feminina do mosteiro, pero ponnos sobre a pista da clausura do convento bieito
feminino no ano 1499, cando as posesións de Ramirás pasaron a San Paio de
Antealtares (Santiago). A exclaustración
foi pouco pacífica e parece anunciar o tema doutra novela.
Hildegarda von Bingen |
Pero “O espello do mundo” non é
só a intrahistoria do mosteiro, dános a coñecer as bases do pensamento da alemá
Hildegarda von Bingen, unha influente monxa do medievo, que ademais de tratar a
teoloxía, se dedicou á medicina natural, seguindo a tradición bieita dos
remedios caseiros. Esta parte tróuxome á memoria un caderno que a tía
avoa Manuela herdara da miña bisavoa de Redemuiños, onde estaban anotadas receitas
a partir das propiedades das plantas. Sempre me preguntei de onde saíra ese
coñecemento. Hoxe comprendo mellor de onde vén.
Tamén me resulta familiar a vida
da monxa alemá Hildegarda. A historia tende a repetirse. Hildegadra foi apartada
dos seus pais aos once anos para ser educada na fe de Cristo. O mesmo lle había
de ocorrer, case novecentos anos despois, a Pepita Arias Rojo, unha amiga da
infancia da miña nai, natural de Redemuíños, que con once anos ingresou no mosteiro
polos anos cincuenta, pouco despois da refundación. Resulta que Pepita xa tiña
unha curmá monxa en Ramirás, Xosefa (Sor Celina), e despois dunha visita ao convento,
comentou na súa casa -unha casa con moita querenza pola relixión- que quería
ser monxa. Así que, sen esperar máis, con once anos, Pepita foi a vivir ao
mosteiro, para comezar a súa formación relixiosa. Os primeiros anos foron
duros. A miña nai lembra que non lle aconsellaban recibir visitas, porque estrañaba
e choraba. Despois xa nunca se produciu o encontro entre ambas.
Pepita converteuse en Sor Ángeles
del Niño Jesús Arias Rojo. Foi a derradeira superiora (creo que non abadesa, xa
que había menos de doce monxas) da etapa clarisa de Ramirás que rematou en
1993. Agora é vicaria en San Xosé de Vilar de Astrés e levou a súa nai con ela.
Redemuiños, con Penegache ao fondo |
Para saber mais do libro "O ESPELLO DO MUNDO" remitovos a crítica de Xoán Carlos Dominguez Alberte.
http://www.medievalists.net/2016/07/24/the-herbal-cures-of-hildegard-von-bingen-was-she-right/
ResponderEliminar