Ana Mosquera
|
Sabela e Mohamed na fonte de Fondóns. Galiza somos nós e tamén os que chegan. |
Galiza é o que vemos
a terra, o mar, o vento...
Pero hai outra Galiza
que vai no sentimento
Galiza somos nós;
a xente e mais a fala
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!
(Manuel Maria - Letras Galegas 2016)
Algunhas casas xa non están. Pero o Penegache ao fondo nunca nos deixará. |
Aínda que teño raíces n´Ataínde e en Redemuíños, o meu norte vital está en Fondóns. Desde Fondóns a vista do Penegache resulta difícil, pois está resgardado detrás do Castelo de Arance.
Pasei algún tempo subida ao tellado da nosa casa escoitando falar en galego e mirando para o castelo. Do castelo xa falamos noutras ocasións.
Hoxe toca falar da lingua. Un día, de adolescente, Antonio Seoane, veciño de Fondóns, gastoume unha broma por falarlle en
castelán. Ese día vin que se podía falar
galego e ter orgullo de falalo e que renegar do propio podía resultar rídiculo e dar lugar á burla.
Tellados e o Castelo de Arance ao frente. |
As primeiras mencións que atopamos de Fondóns están no tombo de Ramirás a mais antiga é unha doazon realizada por Pedro Gomez, que dona ao Mosteiro as herdades que ten en Leirado con excepcion das que ten en Fondóns. Desto xa profundizaremos noutra entrada
Desde o Google Earth Fonsdóns parece unha aldea construída á beira do camiño, como unha desas vilas de estrada.
Desde o Google Earth Fonsdóns parece unha aldea construída á beira do camiño, como unha desas vilas de estrada.
Calzada a Os Mociños |
Fondóns debeu medrar á beira do camiño que sube cara Os Mociños. Poderiamos pensar que
isto ten lóxica posto que Os Mociños pertencía a parroquia de Santa María de
Leirado, como Fondóns até principios do século XX, mais falla esta teoría
porque desde as herdades (hoxe montes) de O Covelo hai un camiño máis dereito
cara a desaparecida parroquia.
Fondóns debía ser un lugar de paso cara á Pousa, cara o
pazo d´A Pedra e cara a Arnoia, pasando por Quintela e Abellás…
A microtoponimia indícanos a existencia moi antiga dunha comunidade relixiosa: Granxola (nome dado aos pequenos cenobios), San Miguel, Campo da Viña, Casal do Bispo, sitios todos colindantes entre si e onde non puidemos atopar ningunha evidencia arqueolóxica, aínda que sei que a miña avoa sachando, nos anos setenta, atopou unha pulseira, que desgrazadamente se extraviou nunhas obras realizadas na casa nos anos noventa.
Algunha das casas de Fondóns aproveitan pezas antigas,
que poderían vir dalgún dos sitos anteriores, por exemplo esta.
Figura nunha casa antiga. |
Fondóns é o meu lugar e garda moitos tesouros por buscar. O legado dos meus avós foron a terra e a fala, como reza nunha lápida do cemiterio do Hospital de Incio, e os legados non se dilapidan, hai que coidalos para a seguinte xeración.
Feliz día das letras e aí tedes a lápida coa lenda no cemiterio do Hospital de Incio, aínda que na imaxe non se ve moi ben:
"Aos nosos antergos, dos que herdamos o xenio, a terra e a fala"
Aquí seguimos. E seguiremos.
ResponderEliminarNo tema anterior quería sinalar que un xeito de agochar contrabando era unha especie de "zulo" tras dunha doble parede á cabeceira da cama ó que se entraba polo faiado.
Vexo agora con contento como Fondóns sigue a dar froitos das sementeiras de séculos. E seguirá; mentras teña espigadoras tan teimosas coma ANA, mesmo merecente de acompañar ás do famoso cadro de Millet.
Comparto a reserva sobre a "cruz" da casa materna. E, co atrevemento dos ignorantes, á vista da foto, e con tódalas reservas, eu apuntaría a unha reinterpretación dun grabado antigo para a súa reutilización posterior, antiga tamén. jlf-f.