domingo, 10 de abril de 2016

OS GARAXES: A ARQUITECTURA DO CONTRABANDO


Ana Mosquera

Castro Laboreiro



Calquera persoa que transite entre A Notaria e Pontebarxas non pode evitar fixarse nas enormes portas dos garaxes. Cando eu era pequena era frecuente que nas casas da fronteira houbese camións, de tamaño mediano, o que explica en parte eses enormes garaxes.





Esta arquitectura característica da estrada entre Ponte Barxas e A Notaria vén dada por tres factores:

En primeiro lugar, Ponte Barxas converteuse nun lugar moi ben comunicado grazas a construción das estradas a Cortegada e Bande. Pero sobre todo grazas á ponte que uniu Ponte Barxas coa aldea portuguesa de San Gregorio rematada en 1930. Esta ponte cambiou o nome do lugar de Barxas polo actual de Ponte Barxas.






En segundo lugar, a proliferación destes baixos, de grandes portas, obedece á necesidade de contar con almacéns e comercios e tamén á necesidade de ter lugares seguros, discretos e con fácil acceso á estrada. Neles gardábanse vehículos de bo tamaño, destinados ao transporte de mercadorías -que non escaseaban, a pesar da situación económica da posguerra- e tamén de persoas, ata que algúns anos despois chegaron os coches de liña.



Finalmente, outro factor que favorece este tipo de arquitectura é a ladeira na que se constrúe, que permite que a parte da casa destinada a vivenda se manteña libre de terra.






Encontramos este tipo de construcións moi interesantes, porque se trata da incorporación a usos industriais do modelo de casa galega que o arquitecto e profesor de Teoría Arquitectónica da Universidade da Coruña, Plácido Lizancos, denomina arcaica (e que se refire ao tipo de edificios construídos entre os anos 1959 e 1973). 




Lizancos clasifica a casa contemporánea galega en tres tipos: arcaica, entre 1959 e 1973; rupturista 1973-1985 e involucionista a partir de 1985. O normal é que só as vivendas rupturistas incorporten un espazo adicado a actividade industrial . O caso de A Notaria resulta, ao noso entender, unha excepción, xa que casas arcaicas contan cunha zona industrial.




Os Garaxes- Leirado


Outra variante desta arquitectura de almacenaxe característica da zona de fronteira son os garaxes en edificación illada. Construíronse cando as estradas non chegaban ás casas e tamén son especialmente característicos, tanto na parte portuguesa como na parte galega da raia, onde a súa abundancia resulta chamativa.



Antigo almacén da San Miguel  nos garaxes de Leirado.


Os coches de liña na raia resultaban moi rendibles. A razón explícaa Antonio Piña Antón, no libro editado polo cincuenta aniversario da fundación de ANPIAN, en 2008: “A liña Ponte Barxas-Ourense daba cartos porque era unha liña fronteiriza. De Ponte Barxas traiamos un pouco de todo, uns quilos de café, un pouquiño de cobre, aceite, bacallau salgado, manteiga de porco... Había unhas petateiras, nas que se metían tres quilos de café ou catro... e por un billete de autobús que valía cinco pesetas gañábanse sete pesos".

Casa de Antonio Piña- Recollida no libro "50 años de Anpian". Típica arquitectura de A Notaria

A fronteira foi fundamental para facilitar a chegada de vehículos a motor. Polas montañas da raia pasaban motores diesel, e incluso carrocerías de camións, que eran arrastradas por aqueles camiños con dúas xugadas de bois.

Por estes camiños, pasaban entre outras cousas carrocerias tiradas por xugadas de bois.


“Mira, de Portugal viña... todo o que quixeses; viña todo o que querías... Querías un volante dun coche, querías unha ballesta, querías un diferencial: todo viña de Portugal, porque nós aquí non tiñamos nada,  faciamos un coche coas pezas...”.

Leva razón Antonio Piña. O contrabando evitou a escasez na raia durante a posguerra. Pero non era algo novo. Debemos lembrar que xa Curros Enríquez ten un poema, escrito no século XIX, sobre un contrabandista de sal. E en Vilar, en Codesal, existen restos dunhas enormes cuncas, para preservar este mineral (Eloy de Francisco, Historia del Concello de Padrenda). Tamén deu lugar a empresas de certa importancia con raíces na comarca como a propia Anpian, e outras dedicadas ao torrado de café.


Co tempo Anpian absorveu á empresa Regente e case todas as do sector, o que a converteu nunha das empresas máis importantes do ramo en Galicia





Entrimo

Pero, se no tramo Padrenda-A Notaria, destacan as casas enormente altas. No tramo de estrada entre Castro Laboreiro e Entrimo, cruzando pola Amiexoeira, sorprende o enorme número de garaxes illados, incluso no medio da aparente nada.



Enorme construcción en  ruínas en Entrimo. Ao fondo vemos unha parte escavada no terreo, a uns metros do nivel do embalse de Lindoso




Outra vista da enorme construción


Entrimo



Claro que non todo se transportaba na liña de autobús. Tamén se transportaba nos camións, o que requiría condutores ousados. Os garaxes servían para gardar os vehículos, para distribuir discretamente as cargas e tamén representaban unha forma discreta de agachalos, de maneira que non se soubese se estaban dentro ou realizando algún servizo.

Algunhas construccións tiñan agochadoiros escavados na pedra. Aínda que, nalgúns casos, o material do contrabando se chegou a gardar en sepulturas. 




Perto de Castro Laboreiro. Fronteira de Ameixoeira. Construción máis moderna, xa en blocos de cemento. Lonxe das casas.

Os primeiros garaxes construíronse en pedra, despois fóronse incorporando os blocos de cemento

Lizancos, como curiosidade, di que algúns establecementos comerciais con frecuencia reciben a denominacion do país onde estivo emigrado o seu propietario.

Nós atopamos un establecemento no que o seu nome homenaxea á montaña que lle deu de comer a estas terras.

Comercial "LA MONTAÑA"




1 comentario:

  1. Comentario que nos fan no whatsapp:

    "Na Ulloa nos anos da posguerra contábase que unha armeria traia a polvora a granel de Portugal.
    Naqueles momentos a caza non era un deporte senón que era un complemento alimenticio imprescindible. A xente tiña que cazar e para eso necesitaba pólvora. Pero nos momentos de posguerra a venda de pólvora estaba restrinxida con gaio de prever actividades "terroristas" dos maquis. E a venda de pólvora a granel, que era moitisimo máis barata estaba prohibida pola mesma razón.
    E a xente que cazaba (para comer) debecia por obter pólvora a granel.
    Contase que unha armeria a traia de contrabando dende Portugal, con gran éxito comercial.
    Conto isto porque fala da importancia do contrabando e ata onde chegaba. A Ulloa está moi ao norte da raia. Creo que non era so unha cousa local ... (,-)"

    ResponderEliminar