Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Veiga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Veiga. Mostrar todas las entradas

viernes, 23 de diciembre de 2016

AQUILO QUE NOS UNE. BO NADAL


Escola de dona Rosita. 



Manuel Veiga Taboada


Antigamente non se falaba de cantos habitantes tiña un lugar, senón de cantos "lumes" había. Un lume representaba un fogar, calor e unha pota a quentar algo comestíbel nunha lareira.
Cando eu era neno falábase de "veciños". O lugar tiña tantos veciños.
A palabra veciños, igual que a palabra lume, non se refería a persoas, senón a familias.
O importante, entón, non era o individuo, senón a familia.
A familia reunía non só a avós, fillos e netos, senón tamén, ás veces, a tíos ou tías que quedaran solteiros e se cadra a algunha vella criada ou a algún veciño que non tiña a ninguén. Carecer de familia era a maior desgraza. Quen che ía axudar no traballo e quen che ía dar amparo de maior, senón había residencias nin seguridade social.



En tempos de crise a familia volve a ter importancia. A familia só se rompe cando o individuo se ve obrigado a "ir polo mundo". E, aínda así, non se rompe de todo, quedan as cartas, agora o facebook.
O Nadal ten tanta forza precisamente porque nos fala da familia, coas súas discusións, pero tamén coa reunión, tan sequera por un día ou unhas horas, das pezas separadas ou distantes.
O Nadal une a familia e recúbrea da conciencia que nos deu sentido ao longo dos séculos: o cristianismo. A familia dáballe apoio aos individuos, garantía a reprodución, pero a Igrexa dábanos significado, eramos todos humanos aos ollos de Deus.

Maternidade de Xulio Fontes


Familia e cristianismo, de aí vimos e aínda estamos aí. Os galegos tivemos o reino suevo e os suevos convertéronse deseguida ao catolicismo. Os visigodos, en cambio, tardaron dous séculos máis en abandonar a súa relixión, o arrianismo, e en abrazar a doutrina católica. É dicir, que, se quixesemos, os galegos poderiamos, dicirlle aos casteláns que nós somos católicos vellos. Temos douscentos anos máis de catolicismo ca eles.
Pero se a familia segue tendo forza, o cristianismo xa non conserva tanta. Hai quen o vive con máis intensidade e quen o vive con menos e hai moitos tamén que só o consideran parte da nosa cultura.
Pero nós, nesta terra, temos outra referencia que nos une: as montañas. O Penegache e a serra. As montañas non nos piden nada nin nos obrigan a nada. Con elas somos máis libres. A nós gústanos ese vínculo coa montaña, porque é onde podemos deixar voar a nosa imaxinación.

Manuel Veiga no Planalto de Penegache preto do marco 21.


As montañas levan aí máis tempo ca ninguén. Hai nelas enterramentos dos nosos antepasados, as mámoas. As montañas seguirán aí por moito tempo.
Hoxe non sabemos se algún descendente noso quedará por estas terras para miralas e ter os mesmos pensamentos. Gústanos pensar que si, que alguén quedará. Talvez, dentro dalgún tempo, o concello poña un drone a voar sobre os cotos máis altos e un neno de Australia ou Canadá, nunha noite desas nas que non é capaz de durmir, verá como os seus pais lle poñen na pantalla, en tempo real, as imaxes do drone que sobrevoa o Penegache e ese neno ou nena, que fala inglés, verá o monte con máis perspectiva e máis claridade que ningún dos seus antepasados de hai dous mil ou tres mil anos. E quizais, algo máis tarde, coa súa muller e os seus fillos, veña aquí, e quizais lle guste e faga unha casa e... a vida nestas terras comece de novo.








jueves, 8 de septiembre de 2016

TODO SER HUMANO É UN RÍO.


Ana Mosquera

O interior tamén existe


Manuel Veiga Taboada no río Salas, ao fondo o Xurés

"Estou sentado nun banco de madeira, ao pé da casa, e miro a montaña. Os vales son estreitos pero o Penagache é grande, non moi elevado, recorda a figura coas suas curvas suaves dun animal durmido. Agora hai mais árbores en fronte, na parte baixa da montaña, e menos campos de labor, ningún campo de labor, en realidade. Herdades como se di por aquí, abandonadas.

Odilo, o da luz, limpaba os camiños coa fouce. Aos montes máis próximos entraba co machete. Agora descansa ao pe dunha igrexa grande cun tellado novo"

Manuel Veiga Taboada





Hoxe imos falar dun libro moi especial que sae agora á venda.
Trátase dun libro de Manuel Veiga Taboada, quen foi protagonista das primeiras vivencias, incursións ou excursións que vivimos os autores deste blog, nas nosas visitas á serra de Penegache, e que el reflexa na primeira parte deste libro.

O libro é unha novela, enmarcada na narrativa de non ficción. Como no Danubio de Magris, o autor lévanos a unha viaxe á memoria, só que Veiga en lugar de levarnos por un río concreto conducenos por algúns dos lugares importantes da súa vida. De aquí quizá o título, o río polo que viaxamos na sua lectura é a vida dun ser humano, do autor, das persoas e dos lugares que cruzan o seu camiño.




Nos primeiros capítulos, o autor explora a vida e os montes da raia. Castelos que xa non están, aldeas que desapareceron e outras que desaparecerán. Unha forma de vida ancestral, que toca o seu fin.

No libro aparecemos Felipe Castro e mais eu de forma bastante destacada, pero tamén outros veciños, que compartiron o seu coñecemento e a súa montaña con nós.

A  montaña vai revelando os seus segredos e vai xerando novas preguntas. 


Ao fondo o Porto de Arance

  

Quizá por iso o autor, como un río que vai recollendo auga de distintos afluentes, vai profundizando na busqueda no interior de Galicia. O que non é casual, pois o carácter labrego do interior impregna a novela.

Na viaxe ao interior, a través da novela-río, baixamos das montañas e entramos nás terras de Lemos, onde Manuel nos presenta as orixes da súa familia. Neste caso, os castelos si son visibles, pero aínda así atopamos vidas de persoas e lugares, pescadores de río, pintores de acuarelas, unha libraría onde Manuel María compartía cos máis novos os seu coñecementos de literatura.



Torre da muralla no alto da Calexa


A beleza da vila natal sorprende o autor cando a ve a través da vista de persoas alleas. A primeira vez que eu cheguei a rúa natal de Manuel Veiga, A Calexa, chamou a miña atención, empinada e coroada por unha torre da muralla. Tiña unha decadencia poética.

Manuel Veiga confesa neste libro que foi nun certame de pintura rápida ao aire libre cando comprendeu claramente a impresión que a súa rúa natal causaba nos visitantes. 



Calexa de noite con neboa


Neste val de Lemos o  libro- río chega a unha casa vixiada. Unha casa onde só o fundador podía ter intimidade. Numerosas mirillas, agachadas servían a Manuel Antero Yáñez Rivadeneira  para evitar roubos e conspiracións. O que non lle impediu levar algún susto.


Pazo Muíños de Antero



A casa transcende con vida propia como obra de varias xeracións, ten enrrugas. A familia propietaria descende do fundador. 

Indagar na familia do fundador,  resulta unha experiencia excitante. Rosenda, como personaxe nesta parte, vainos conducindo polas intimidades do pazo, polos seus segredos, os seus arquivos. Rosenda, artista vocacional, vai guiando a visita ás interioridades do edificio e da familia, co seu pai Matías Yáñez.


Rosenda Yáñez

A familia vai pasando de ter influintes cargos en Madrid, de ser os apoderados do duque de Alba, nas terras de Lemos, a adoptar un perfil humanístico. Manuel Yáñez, un neto de Antero e avó de Matías, foi poeta galeguista e republicano da Primeira República. O seu fillo Xavier, será republicano na Segunda República, e sufrirá persecucións, que aínda hoxe lembra Matías Yañez. 

A vida de Rosenda ten moito que ver co seu avó Xavier Yáñez, quen espertou nela unha paixón polo pazo e pola conservación do mesmo, con engurras como ela mesma di. Unha restauración completa é unha mentira. Non podemos evitar o paso do tempo e as cicatrices. 

As persoas como ríos bebemos de varias fontes. Algunhas véñennos dadas pola orixe e a familia, outras podémolas escoller. Pero en todo caso o que nos enriquece e mirar ao interior e facernos preguntas. Contestalas non sempre será posible.




Detalle do pazo Muíños de Antero. Parte do fresco desapareceu, pola humedade.