Mostrando entradas con la etiqueta Xulio Fontes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xulio Fontes. Mostrar todas las entradas

sábado, 18 de agosto de 2018

“Mar e terra”, a última exposición de Xulio Fontes, en Celanova



Manuel Veiga

Notas da presentación na Casa dos Poetas

Hai artistas académicos que pintan moi ben, pero son imitadores. Os seus cadros déixannos fríos. Todo está ben feito pero non nos di nada. Dominan todos os estilos, pero cal é o seu estilo? Non teñen personalidade. Parécense moito uns a outros.

Serea


Xulio Fontes é un artista doutra clase. Aprendeu en museos e libros, pero sobre todo é autodidacta, fíxose a si mesmo. Non copia, investiga, déixase levar polo que lle vai saíndo. Xulio ten unha pintura inxenua e sensíbel. Inxenuidade, sensibilidade e curiosidade teñen a mesma raíz: a infancia, o momento no que nos deixamos sorprender por todo. O momento no que todo nos impresiona: os olores fortes, as cores do ceo, o trono…



O que desexaría todo creador é que esa inxenuidade, esa sensibilidade da infancia, se prolongasen. Picasso era un gran pintor, podía pintar unha paisaxe de modo que parecese unha fotografía, igual de real. Pero el sabía que a arte non era iso, senón que a arte era, ante todo, unha visión propia e persoal, por iso trataba de que os seus trazos parecesen directos, inxenuos, ás veces confusos, como a visión dun neno, sen imitar a ninguén.



Paleta de pintor de  material de reciclaxe


Xulio, entón, é o pintor que quixo ser, co seu estilo propio.
E tendo en conta iso, que hai na obra de Xulio? Sensibilidade. Pode ser calquera cousa menos fría, sempre nos di algo. E Xulio, como ese neno creador, gusta das cores. Abundan nos seus cadros as cores vivas, a natureza, a vida. Vese que a Xulio lle gusta vivir. Non é un pintor abstracto ou xeométrico, que sempre se remite ás formas, senón que, como ben se percibe nos seus cadros, é unha persoa vitalista.

Xulio na casa de Vigo co cadro "Forxan da miña vida"
Entre os dous mundos.



Pero despois está o que o move a pintar. Nesta exposición de boa parte da súa última obra distinguimos os materiais que usa, moi orixinais, por exemplo as cunchas de mexillón ou de vieira, pero tamén envases de ovos, tubos de medicamentos, etc. Unha orixinalidade que se pode ver, por exemplo, nese vestido de muller feito de cunchas de mexillón pintadas de dourado.


Boa parte desa inspiración, desas ideas, proceden do lugar no que vive, a costa, Vigo. Pero o curioso é que o que pinta, os motivos, o que leva dentro, son os temas, as imaxes do interior de Galicia, de Ourense, de Quintela de Leirado. O exemplo máis claro pode ser esa figura que chama “Zamburiñeira”. É unha figura realizada con cunchas de zamburiña, pero o que representa é unha vella das nosas aldeas.




Por iso esta exposición se titula “Mar e terra”, o mar onde vive e a terra que o inspira. Xulio é como un emigrante, vive en Vigo, pero o que ve cando pecha os ollos é Forxán, o Penegache ou as flores da horta da súa nai.
Hai quen dixo tamén que a pintura moderna se inspira no feo. Xulio Fontes inspírase na vida. Hai nesta exposición cinco cadros de mulleres, que son as que tran a vida. Mexillóns facendo unha bolboreta, cabalos bravos e pedras nas que Xulio encontrou unha cara. Xulio sempre busca o humano, o vivo, incluso nas pedras.







Iso cadra moi ben co que din dos galegos e de Galicia, un territorio moi humanizado. A cada leira, a cada poucos metros de terra, poñémoslle un nome. As pinturas de Xulio nacen desta terra, son como os froitos dunha horta.

martes, 28 de julio de 2015

Xulio Fontes. Os postes e os soños dun pintor que medrou á sombra do Penegache.




Ana Mosquera 

Nesta entrada de Á SOMBRA DO PENEGACHE  imos falar da obra de Xulio Fontes, un veciño de Quintela de Leirado, que xa apuntaba maneiras cando de pequeno no lugar de  Forxán debuxaba a fonte  e outras paisaxes que tiña a súa beira.

corredor da sua casa de Vigo
Xulio presenta o Martes 4 de agosto, ás sete da tarde, na Casa dos Poetas de Celanova, un novo libro: O MUNDO ONÍRICO DE XULIO FONTES no que recolle unha selección de cadros  acompañados de textos de autores tan diversos como : Méndez Ferrín, Antonio Piñeiro, Jesús de Juana, Alfonso Álvarez  Cáccamo, García Mañá, Gonzalo Navaza, Manuel Vidal Villaverde, Anxo Angueira ou a súa propia irmá Ánxeles Fuentes.

Xulio nesta obra evoca Quintela de Leirado, a intrahistoria do lugar, sempre co Penegache de preto, vixiando e guiando a ramboia. Un Penegache sempre xeneroso, con caza, pasto ou contrabando e igualmente sempre perigoso, lobos, frío, medo, pistolas...

Pero Xulio tamén nos mostra escenas do mar e das montañas que ve desde a súa casa de Vigo.
Non vou falar máis deste libro xa que o vou facer o próximo día 4 de agosto na casa dos poetas, en Celanova, acompañando a Xulio.





Sobre a traxectoria de Xulio podemos dicir moitas cousas.  Comezou de ben pequeno gañando concursos de debuxo. Logo a súa presenza en Santander e San Sebastián, así como o coñecemento da obra de Gaudí, marcaron a súa traxectoria artística.


Fermosa MATERNIDADE que será doada ao Concello de Quintela de Leirado 


Participou  en numerosas exposicións individuais e colectivas. Destaca o catálogo da exposición itinerante “Os nosos artistas”, organizada pola Consellaría de Cultura no 2005, onde Xulio participou con 24 obras.




No ano 2002, levou a cabo unha intervención artística singular pintando os postes da luz no seu Leirado natal. O feito foi recollido amplamente nos medios de comunicación, e Leirado foi durante un tempo coñecido por ser o lugar de Ourense que tiña os postes eléctricos pintados con arte.Como dixo o escritor Méndez Ferrín, Xulio encheu o panorama da súa localidade nativa cunha festa de matices.
Outra taboa que tamén se poderá ver no Concello de Quintela de Leirado



Os postes teñen o seu ritmo. Xulio aproveita as estruturas monótonas e repetitivas de formigón para dar lugar a obras singulares  e diferentes, como singulares e diferentes son os nomes que lle dá a cada poste, e que para calquera veciño de Leirado resultan perfectamente recoñecíbeis: Cerdeiriños, levada de Bangueses, día oito, Atainde, Forxan, Xacebáns, Fondóns…



Esta obra, como toda a obra de Xulio, non é froito dunha frivolidade ou dunha ocorrencia. Nela hai unha denuncia implícita.

Ao fixarnos no ritmo e na plasticidade dos postes reparamos en algo que nos pasara desapercibido a longo dos anos:  A cantidade de postes, cables e tendidos que sen ningunha organización foron colonizando as nosas aldeas. Para traernos comodidades necesarias? Sen lugar a dúbidas.





Pero estes tendidos, ao contrario dos debuxos dos postes, non contan co sentido da harmonía. Foron pensados cunha certa presa e, o peor de todo, algúns deles están en lugares moi pouco axeitados

Deseño en papel dos postes de Leirado