miércoles, 23 de diciembre de 2015

O NADAL NO PRINCIPIO DO MUNDO

Ana Mosquera



Fondóns-Reis de 1983- A fascinación do lume.





Permitídeme roubarlle a expresión a Aser Álvarez, pero paréceme moi afortunada. Penegache e a súa sombra non son o fin do mundo, como pensan nas cidades, senón o principio. Non se trata só dunha cuestión de perspectiva. É unha realidade. A montaña estaba habitada desde tempos prehistóricos e o máis probábel é que moitos de nós sexamos descendentes deses primeiros poboadores.


Planalto de Penegache con néboa. Un bo lugar para vivir na prehistoria.



Fonte do marco 21, na raia. A calidade das augas da serra ben seguro que lle facilitou a vida aos seus poboadores.




Eu son unha pónla dunha estirpe que durante séculos estivo apegada a esta terra e sintome obrigada con esta tribo a transmitir os valores do noso patrimonio cultural e incluso emocional, para que xeracións futuras poidan gozar a súa maneira deste lugar. 


Penegache, interior dunha mámoa.
As raices máis fondas.






Os meus avós, a señora Pura de Fondóns, Leonor de Fondóns e Dario de Redemuiños.
Foto tirada na Feira de Gomesende, a principios dos anos cuarenta do século pasado.
A maioria non están. Gardámolos na memoria.



O meu avó ía traballar as terras, o meu pai vai ver os seus montes, eu vou en busca de respostas e espero que a miña filla atope algún día as súas razóns.


A miña filla camiñando polos muros do Castelo de Arance, entre As Chedas e Gorgoa.


Por unhas razóns ou por outras, estas son unhas datas de festa, probablemente desde os tempos dos construtores das mámoas de Penegache, coñecedores dos solsticios, como testemuña a orientación dalgunhas mámoas. O catolicismo, con moi bo criterio, decidiu simbolizar o seu propio nacemento da súa Luz, coa chegada do Mesías.



Virxe embarazada na igrexa de San Salvador de Redemuiños.
Unha rareza no norte da península.


























O Nadal era ir co avó a cortar un piñeiro e adornalo na casa de Fondóns e quentarme co lume na casa natal, coa gata no meu colo buscando calor.

Pero, se algo tiñan de especiais aquelas festas para min, eran as reunións cos amigos na cociña de afumar os chourizos. O fume metíasenos nos ollos e pasabamos as vacacións con cheiro a fumeiro, o que por outra parte non era moi diferente de anos posteriores, cando comezamos a ir ás discotecas. Os porcos aínda se cebaban e mataban na casa e o fumeiro colgábase dos loureiros a secar. A fascinación ancestral polo lume, as secretas confesións e quizais a sensación de vivir algo que remataba, empuxábanos cara a cociña de afumar. E así foi durante algúns anos.





Casas que xa non están.




Cando non chovía saiamos, lembro incursións na escola abandonada de dona Rosita e outra ao castelo da casa de Santa María, tamén abandonada, coas miñas curmáns de Leirado. Sempre me fascinaron os lugares abandonados, pero aínda así espero que estas terras  non se convertan en fantasmas para os arqueólogos.



Foto tirada en febreiro de 1983 no lugar que agora ocupa a casa de Begoña en Santa María.







E parece que non vai ser así, pois aquí temos unha noviña xeración con moita personalidade.




Irea Castro Doallo de Atainde




BOAS FESTAS A TODOS.
UN RECORDO PARA OS QUE NOS PRECEDERON E AGARIMOS PARA OS QUE NOS SUCEDERÁN






  

3 comentarios:

  1. -"Cómo se pasa la vida..."- que dicía J. Manrique alá polo medievo, sen decatarse, quizais, de que só falaba de tempo. A vida, o que levamos connosco, o que nos vai enchendo, eso é o que somos,o que pasa, non un fol baleiro, senon que cheo de aquelo que fomos.
    Beizón, unha vez máis, polo traballo que estades a facer. Beizón por este NADAL Á SOMBRA DO PENEGACHE, que tanto nos fai remexer nos recordos, na vida de noso. Coma nesta Noite, que esperabamos que chegase para vernos cos de sempre; sentados á mesa de sempre; a carón do lume, sempre con distintas chamas pero sempre coa calor de sempre, coma o Douro soriano de Machado. Esta noite fagamos lume dabondo, e deixemos un bon braseiro, para que cando nos vaiamos á cama veñan os NOSOS antergos, a quentarse, como din os nosas creencias -que de certo así é-. Miña beizón.JLF-F.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. O nadal fainos mirar cara atrás, o que non é malo, si a nostaxia en lugar de paralizarnos nos fai seguir cara adiante. Os que non están siguen a ocupar un lugar.

      Grazas e boas festas

      Eliminar