sábado, 23 de xaneiro de 2016

O PENEDO CUBISTA DE ABELLÁS


Parte posterior do Penedo de Abellás

Ana Mosquera

Abellás, desde a estrada que vai de Quintela a Pontedeva, parece un lugar afastado e agachado, ou polo menos así  parecía hai anos, antes de que un artista anónimo recuperase para o lugar un especial protagonismo coas súas obras, algunhas visíbeis desde a estrada, das que falaremos despois.

Pedras de adorno dunha ruina.

En realidade Abellás era un importante lugar de paso, cun antigo camiño do que temos unha referencia do 31 de maio de 1479, cando o abade Álvaro de Oca e o mosteiro de Celanova aforan a Afonso das Pereiras e á súa muller, Dominga Fernández; e máis a Xoán de Beade (Biade) e á súa dona, Margarida Eanes, unha viña en Santa María de Leirado, polo Camiño Vello que vai para o Penedo de Abellás.


“…mays ho monte que esta a cabo dela asy commo todo elo parte con ho couto de Feardos e começase eno de Pay Cota e daly commo se ven por ontre la vyna que trage Gonçalvo d’Outeiro e ao souto que tapou Martin das Pereiras e porlo Camynno Vello que ben para o penedo das Vellaas e commo se say daly ao fojo da Chadasna ho qual todo jaz ena fregesia de Santa Maria de Leyrado.”







Atopamos na igrexa de San Bieito de Abellás elementos semellantes aos da igrexa de San Paulo de Quintela. 


San Paulo de Quintela



Nos anos cincuenta, o Penedo de Abellás aínda era unha referencia no camiño. Á beira do Penedo había un milladoiro. A lenda atribuía o amoreamento de pedras a unha morte violenta, producida nese lugar.



Estamos ante un lugar de gran simbolismo. O Penedo de Abellás ou Penedo das Vellaas, semella un monumento megalítico, aínda que é difícil recoñecer a intervención humana antiga que houbo sobre el, xa que en datas recentes parece que alguén intentou utilizado como canteira.


De todas formas, visualmente o resultado desta última intervención resulta fantástico. Na cara oeste do penedo, as formas están redondeadas pola erosión, mentres que pola cara do nacente temos unha versión cubista do megalitismo, cun resultado moi harmónico seguramente froito do azar.

Calzada que pasa diante do penedo. O penedo está preto dun cruce.

Pero ademais topamos coa obra dun artista anónimo, que parece ferreiro de profesión, e que realiza intervencións semellantes ao land art.


O land art como intervención artística sobre a natureza, xeralmente elabora obras efémeras, pero non sempre é así, ás veces poden inserirse materiais industriais. No contorno español seguiron esta liña nalgunhas ocasións artistas como Ibarrola ou Chillida.  

Galpon de leña e indicador


O mérito do noso artista descoñecido e redescobrer o contorno dun lugar que, sen dúbidas, tivo importancia mística, e resaltar a natureza coa mestura de ferro, madeira, materiais de refugallo e industriais, conseguindo unha integración de todos eles. Con independencia de que nos guste ou non a súa intervención, logra devolver unha aparencia máxica a un lugar que sempre a tivo.

Veleta

2 comentarios:

  1. Coidamos que a Moura ha seguir a asoalla-las labradas colchas no seu coto atemporal, no entanto que peitea os cabelos con peina de ouro; a pesares desa visión cubista tan ben percibida poe tí, Ana.
    Por certo, esa pedra da segunda foto tenme toda a pinta dun reloxio de sol.

    ResponderEliminar