mércores, 11 de novembro de 2015

A PEDRA DE ANTONIO VIAXA AO MUSEO ARQUEOLÓXICO





Felipe Castro

A ara romana rescatada por Antonio Seoane nun palleiro de Xacebáns xa está no Museo Arqueolóxico, logo dun traslado algo complexo que, grazas a unha serie de veciños e institucións que nos prestaron a súa axuda, saíu moi ben.


Ara en Fondóns antes do traslado


Gustaríanos desde aquí dar as grazas a Elixio e ao Benigno, polo xeito coa que en todo momento a trataron; a Alberto e Virita do Val, por hospedala (que palabra máis romana!) na súa casa; así como ao Concello de Quintela de Leirado e á Mancomunidade da Terra de Celanova, que en todo momento amosaron a súa vontade de colaboración e foron os que finalmente a trasladaron ata Ourense. Por suposto, reiteramos todo o que xa dixemos no seu momento de Antonio e facémolo extensible a todos seus fillos, que sempre apoiaron a decisión do seu pai de doar a pedra.


Ara vista desde outra perspectiva que permite percibir a inscrición


O outro día Antonio contábanos que anda algo preocupado, xa que lle gustaría chegar a ver a ara exposta, ir visitala a Ourense, e, lendo as novas dos últimos meses que non rematan de dar unha data para o traslado definitivo do Museo a súa sede, pensa que igual non lle dá tempo. Os irlandeses teñen un dito tan fermoso como cheo de verdade, "When God made time, he made plenty of it", é dicir, cando Deus fixo o tempo, fixo suficiente. Estamos seguros de que o Deus romano ao que está dedicada a ara, a nosa deusa nai do Deva, e ata tódolos santos católicos que nos unen á vella Irlanda, han tecer todo o tempo que sexa preciso.

2 comentarios:

  1. Moi boa noticia. Imaxino a morriña de Antonio ó despedi-la peza arqueolóxica, pero tamén a súa satisfacción ó vela camiño do sitio que lle corresponde como legado permanente da nosa Terra. Beizón a tódolos que o fixestes posible, Antonio, entusiastas das Terras á sombra do Penegache, persoeiros e xentes de a pé. Porque así, polo que fomos, somos o que somos. E que cunda o exemplo. Ben seguro que hai moito do día a día doutros tempos gardado nas nosas memorias. jlf-f

    ResponderEliminar
  2. A grandeza das personas e koma a historia das pedras...perdura por sempre e gardase no corazón. Grazas papa

    ResponderEliminar