sábado, 5 de diciembre de 2015

O mosteiro liberado das silvas e das hedras

Ana Mosquera


Visita a San Paio de Abeleda- Ribeira Sacra.




“Os balados xa non están… Pro o espiritu dos vivos e mortos albiscan a esperanza que redima para sempre a Fame e a Sede doutrora.”- IRIA FERNÁNDEZ CRESPO








A Fame e a Sede son dous dos chapiteis da igrexa de San Paio de Abeleda. Son monstros que simbolizan os males que poden caerlle ao ser humano de non cumprir con Deus, e o saber popular deulle os nomes dos dous males máis grandes que coñecían: A fame e a sede.






San Paio de Abeleda é un mosteiro medieval, románico, perdido e abandonado na ribeira Sacra, á beira do Sil, no Concello de Castro Caldelas. Segundo parece foi fundado pola familia de San Rosendo.  De certo no tombo de Celanova constan propiedades  do mosteiro de Celanova en Avellaneta (Abeleda), xa no século X. 



O 8 de marzo de 995 Aragunta doa ao abade Manilán e ao mosteiro de Celanova a sua vila en Abeleda, terras de Caldelas.

O 15 de xuño de 1095 Gutina Ordóñez doará a Celanova e ao seu abade Pedro unha viña en Abeleda, terra de Caldelas.

Pero tamén constan propiedades da familia de San Rosendo. Así, nun texto do 3 de novembro de 934, recollido no Tombo de Celanova, faise partición dos bens de Gutier e Ilduara, pais do santo, correspondéndolle a Munio, irmán de San Rosendo, as terras de "Avellaneta", en Caldelas. E posible que fose está rama á que fundou San Paio de Abeleda.

Patio de entrada, con instalacions agrícolas como un pombal cadrado, a entrada ao claustro e outros edificios.


Interior do Pombal



Detalle porta de acceso ao claustro



Pantocrátor- Deus en Maxestade






Despois da sua fundación no medievo e dos tempos de fartura, o mosteiro foi abandonado e expoliado. Os seus bens pasaron á casa dos duques de Alba. 








A capela do mosteiro funcionou como parroquia ate 1972.  Hai algún tempo os veciños, coa Asociación "O Sorriso de Daniel" fixeron unha convocatoria para limpar o mosteiro de maleza e poder acceder.





Non obstante, a súa actuación foi máis aló e os derradeiros parroquianos bautizados na capela participaron nun impactante proxecto: unha exposicion de fotografías de veciños bautizados na parroquia ao lado da súa querida Pía Bautismal, do S. XII, que conseguiron arrebatar a uns expoliadores que xa a tiñan cargada nunha furgoneta. 




Campanario



A exposición está acompañada duns fermosos textos de Iria Fernández Crespo cuxa lectura recomendamos. Advertimos que, sobre todo, estes textos emocionan no seu contexto, xa que representan a intención dos veciños de non deixar que o seu patrimonio se perda. As fotos das exposición ante a pía son de Soledad Felloza.
Exposición coas fotos dos veciños ao lado da pía.


Como din os textos desta exposición: ¡Arriba San Paio de Abeleda!!! 

Amigos de Caldelas: non a deixedes caer sodes o noso exemplo.



jueves, 19 de noviembre de 2015

ARA ROMANA PROCEDENTE DE XACEBÁNS-QUINTELA DE LEIRADO



Fotografía de José Luis Fuentes, na que despois de traballar cos filtros adecuados, case podemos ler a inscripción desta fermosa peza que foi doada ao museo arqueoloxico de Ourense por Antonio Seoane.

miércoles, 11 de noviembre de 2015

A PEDRA DE ANTONIO VIAXA AO MUSEO ARQUEOLÓXICO





Felipe Castro

A ara romana rescatada por Antonio Seoane nun palleiro de Xacebáns xa está no Museo Arqueolóxico, logo dun traslado algo complexo que, grazas a unha serie de veciños e institucións que nos prestaron a súa axuda, saíu moi ben.


Ara en Fondóns antes do traslado


Gustaríanos desde aquí dar as grazas a Elixio e ao Benigno, polo xeito coa que en todo momento a trataron; a Alberto e Virita do Val, por hospedala (que palabra máis romana!) na súa casa; así como ao Concello de Quintela de Leirado e á Mancomunidade da Terra de Celanova, que en todo momento amosaron a súa vontade de colaboración e foron os que finalmente a trasladaron ata Ourense. Por suposto, reiteramos todo o que xa dixemos no seu momento de Antonio e facémolo extensible a todos seus fillos, que sempre apoiaron a decisión do seu pai de doar a pedra.


Ara vista desde outra perspectiva que permite percibir a inscrición


O outro día Antonio contábanos que anda algo preocupado, xa que lle gustaría chegar a ver a ara exposta, ir visitala a Ourense, e, lendo as novas dos últimos meses que non rematan de dar unha data para o traslado definitivo do Museo a súa sede, pensa que igual non lle dá tempo. Os irlandeses teñen un dito tan fermoso como cheo de verdade, "When God made time, he made plenty of it", é dicir, cando Deus fixo o tempo, fixo suficiente. Estamos seguros de que o Deus romano ao que está dedicada a ara, a nosa deusa nai do Deva, e ata tódolos santos católicos que nos unen á vella Irlanda, han tecer todo o tempo que sexa preciso.

lunes, 9 de noviembre de 2015

Historia de dúas familias extraordinarias (2). Da zanfona á cirurxía das cataratas.


Ana Mosquera


Os Santalices




Din que todos os Santalices son orixinarios de Vilanova dos Infantes, non obstante Faustino Santalices Pérez,  (16/11/1877-6/12/1960), pai, o músico que inspirou a Milladoiro, naceu na Granxa, en Bande.


Esta familia, os Santalices de Bande, deixáronnos importantes descubrimentos en mundos tan diferentes como a música, a medicina oftalmolóxica e a cirurxía do ollo. Neste último campo, Faustino Santalices Muñiz (1923-2010), o  fillo, destacou cos seus inventos.

Faustino Santalices pai, á gaita, o fillo co tambor.



Na casa das rodas, museo do afiador, de Florencio de Arboiro na que falamos noutra entrada, descubrimos un material de afiador moi especial: o material quirúrxico do médico-afiador Faustino Santalices. 


Non puiden resistirme a mencionar a estes veciños da raia. 


Santalices pai recuperou a zanfona para a música popular galega, instrumento que estaba case extinguido e só era utilizado nos cantares de cego.





Faustino Santalices pai, coa zanfona.


Ademais de ser un gran músico, estudou dereito e mantivo amizade co poeta Ramón Cabanillas. O grupo musical Milladoiro recuperou unha peza de Santalices, o “Alalá das Mariñas”, unha das pezas máis coñecidas de Milladoiro que enlazamos a continuación:








En 1947 Faustino Santalices pai trasládase a Madrid como Secretario do Instituto Oftálmico Nacional. Alí coloca no soto do edificio, na rúa General Goded, nº 17, o seu taller de construción de gaitas e instrumentos.




Fotografia estraida de O NACEIRO

Nos anos da autarquía resultaba complexo enviar ao estranxeiro o material quirúrxico para o seu afiado. 

Faustino Santalices, fillo  no seu taller de afiado de material quirurxico.

Isto e  a morte do Sr. Coronado, a única persoa capacitada para realizar o afiado do material oftalmolóxico, fai que as monxas do Instituto Oftalmolóxico Nacional lle pidan a Santalices pai que intente o afiado do material quirúrxico. Elas coñecían o taller do soto e  tiñan visto a súa facilidade co afiado. Santalices pai non será capaz de afiar este delicado material. Pero si o seu fillo, o médico afiador Faustino Santalices. Este oftalmólogo ciruxán, procedente de Bande, fixo a súa tese de doutoramento sobre o afiado de instrumental médico. E, cousas que pasan, rexeitáronlla dúas veces por entender que non tiña relación coa medicina, senón coa enxeñería.



Ventosa para extraer cataratas diseñada por Faustino fillo.
Supuxo unha gran innovación na operación desta doenza.

Co tempo, o médico afiador Faustino Santalices pasou a ser o afiador do material quirúrxico das máis prestixiosas clínicas oftalmolóxicas do Estado, como Barraquer, pero nunca perdeu o gusto pola música tradicional galega que o seu pai lle transmitiu.





Faustino Santalices Muñiz deiuxounos o 9 de maio de 2010. Antes de morrer gravou este programa na TVG adicado ao seu pai.







Queremos manifestar o noso agradecemento á casa das Rodas e a Florencio de Arboiro, a quen xa lle adicamos outra entrada.

miércoles, 28 de octubre de 2015

DAS ÁNIMAS E DOS NOSOS DEFUNTOS

Peto de Ánimas no Souto Redemuiños


Un conto de ánimas

JOSE LUIS FUENTES

Era sábado, media mañá dun día de principios de verán.

Fun cortar o pelo onda sempre. Cheguei a iso das doce.


O barbeiro estaba cun  rapaz; saudei e sentei no banco onde esperaba outro cliente, que de cando en vez asentía ós monólogos do barbeiro. O home aparentaba sesenta e poucos anos, pel curtida, corpo magro e aspecto san. Transmitía un aire calmo e sereo, coma o que adoitan eses nosos labregos que parecen estar de volta das cousas da vida sen ter orgullo diso.




Mentres o perruqueiro levaba o traballo con parsimonia, canso de que non lle seguisen o fío das súas conversas, empezou a ensarillarse en temas transcendentes, e non sei cómo bateu co máis-alá.



Osario San Salvador
Redemuiños


Entón o meu compañeiro de espera tomou a palabra, e con ton sosegado e discurso vagaroso dixo:

–Verá…, pois… voulle contar o que me pasou a min:
Era a festa na parroquia da miña muller e había que ir; así que aparellei a besta e alá fomos.
Á volta viñamos  calados, algo cansos, os dous na cabaleiría, a muller detrás.
De camiño tiñamos que pasar polo pueblo da miña nai, que morrera anos atrás e ao entrar no lugar…. Alí estaba ela.



Non dixen nada.
Máis adiante, no medio do pueblo, ela  volvía estar.
Calei, e seguimos.
 Á saída do lugar, sentada na cancela dunha finca que fora nósa, estaba a miña nai outra vez.
Tampouco ningún dos dous dixemos nada.
Seguimos camiño, todo o tempo calados. Ela non volveu aparecer.
En chegando á casa, namáis baixarnos da besta, díxenlle á muller: –¿Viches algo?  –¡Vin!, dixo ela.
Máis tarde acordamos de terlle unhas misas por se, lle quedara algunha obriga sen cumprir.

Peto ánimas San Salvador de Redemuiños

Nin sei de onde era o home. Nin en qué lugar situar o suceso. Podería ser calquera da nosa Terra. Naquel aire de tempo suspenso no que estabamos non quedou sitio para preguntas.

Xacebáns
Aquela historia chegoume moi fondo, pola sinceridade e humildade coa que compartira connosco aquel anaco íntimo da súa vida de maneira tan desprendida. Sentinme tan agradecido, ou solidario -non sei- que non puiden menos de tentar de contribuír tamén eu algo a aquel aire calmo e de suspenso que nos envolvía e compartir con el outra historia que eu coñecia ben:

A Cruz en Quintela de Leirado

“-Foi una noite de mediados doutro verán:
Aquela noite deitouse de rutina. Sen teimas nin cavilacións. Coa cabeza lixeira e o corpo canso.
Soñou. Soñou que desaparecera o seu pai. E que o pai sentía que andaba perdido…
Pola súa parte, el e mailos irmaos andaban na procura do pai sen velo por ningures…
Pero ao mesmo tempo el estaba vendo o pai:
Estaba detrás do Canastriño das Ánimas, mirando con mirada perdida cara o poñente…



Canastriño de ánimas- San Pedro de Leirado

E el e os irmaos estaban no adro, do outro lado do muro que dá contra o  Canastriño, onde están os nichos da familia.
Aínda era cedo pero levantouse.
Pouco despois, e polo teléfono, dicíanlle que o seu pai finara aquela noite. Noite da Asunción para o San Roque.

Esta vez si que sei onde pasou. Que os soños non sempre soños son.

Descansen en Paz todos os que nos deixaron a herdanza da nosa Terra







Adro da igrexa de Hospital de Incio. Na lápida pódese ler:


"A TODOS OS NOSOS ANTERGOS
DOS QUE HERDAMOS
AS TERRAS A FE E A FALA"
 

sábado, 24 de octubre de 2015

DO CÁRCERE DE CELANOVA AO MUSEO DOS AFIADORES-Historia de dúas familias extraordinarias (1)

Ana Mosquera








Os de Arboiro



A nosa historia de hoxe comeza na illa de Cuba, onde o señor Nicanor, procedente do interior de Ourense, concretamente do lugar de  Arboito, Concello de San Xoán de Río, traballaba de buzo no porto da Habana. 

Como moitos emigrantes galegos enfermou e veu á casa a morrer. E como moitos emigrantes galegos, incluído o meu bisavó, unha vez na casa a súa saúde recuperouse de forma milagrosa e continuou coa súa vida na aldea natal.
Ferramentas herdadas da familia e outras cedidas na casa de Arboiro

O señor Nicanor era un artista, da madeira e do ferro, o mesmo reparaba o motor Lister da máquina de mallar que fabricaba a culata dunha escopeta ou arranxaba unha casa.
A fonte de Arboiro, cuxa construción debemos a Nicanor, ten a curiosidade de que, en lugar de estar coroada por unha cruz, o está por un globo terráqueo, en homenaxe ao aviador republicano, Ramón Franco, irmán do futuro ditador, que acababa de cruzar o Atlántico por primeira vez nunha avioneta, na famosa operación Plus Ultra.


Fonte de Arboiro adicada a Ramón Franco
Inaugurouse o 1º de maio de 1936



Ter dedicado a fonte ao irmán do ditador non librou a Nicanor do presidio. De feito nin o irmán do ditador se librou da represión segundo conta a lenda negra.






D. Nicanor estivo preso en Lugo, en Monforte e en Celanova. Neste ultimo  lugar  foi testemuña de paseos nocturnos dos seus compañeiros de presidio, segundo nos contou o seu neto Florencio de Arboiro. 




A parte inferior estaba desfeita e foi Nicanor de Arboiro, na súa época de preso no convento, quen a restaurou.


Nicanor salvou a vida grazas a salvar as portas do mosteiro, que estaban en pésimo estado de conservación. Nicanor artista da madeira e do metal, fixo unha magnífica restauración que aínda podemos aprezar hoxe nas fermosas portas da igrexa de San Salvador, o que lle valeu a protección das monxas que se ocupaban dos labores de cociña e enfermería e que lle encargaban os máis diversos arranxos. Grazas a iso converteuse nun preso protexido.


Hai que atalo. Escultura en bronce de Florencio de Arboiro
Fai referencia á enfermidade mental


O seu neto Florencio recolleu o legado de Nicanor, aprendeu o oficio da forxa e converteuse nun artista dos bronces, cun dominio preciso da técnica e unha gran sensibilidade. Pero sendo de moita calidade, as esculturas de Florencio de Arboiro só representan unha pequena parte da súa obra artistica e persoal.
Florencio traballou no taller ocupacional do Sanatorio Mental de Toén, onde realizaba obras cos enfermos.



Obra realizada cos enfermos. Pola falta de espazo atopase nunha adega.

Destaco esta porta, porque  esta feita polos enfermos. Colocaron todas as chaves dun pavillón abandonado sobre unha porta tamén abandonada. A porta brila como un espello, pero non é capaz de reflexar unha imaxe. As chaves son funcionais, pero non abren ningunha porta. A obra parece definir a propia enfermidade mental.


Obra en bronce e madeira.


Ademais deste magnifico traballo en Toén. Florencio leva varios anos ao rescate das profesións ambulantes extinguidas. Restaurou a casa do avó Nicanor en Arboiro e instalou nela un museo,  A CASA DAS RODAS, onde expón máis de 100 rodas de afiar, fotografías de afiadores, cartaces, letreiros… 


Tamén recuperou material dos quincalleiros, ambulantes de pequenos obxectos como lentes,  colares…, dos fuseiros. 

Unha das últimas rodas que mercou Florencio.



Florencio organiza encontros de afiadores de varios países (Galiza e Italia entre os principais) e é tamén a alma da Asociación Cultural Ben Cho Sei, que recupera e dá a coñecer o mundo do afiador. A Asociación publica anualmente a revista O Naceiro. Todo isto practicamente sen apoio institucional e con moito esforzo propio.



Florencio de Arboiro
Revista o Naceiro


















Video: 



sábado, 3 de octubre de 2015

EXISTIU UNHA FRONTEIRA NA RAIA?

Pontes de Castro

JOSE LUIS FUENTES
   Moito habería que contar desta non fronteira. Habería que preguntarse con García Mañá (1), tamén eiquí, se xistiu unha fronteira.
   Moito poderían contar tod@s aquel@s  que fixeron este camiño de ida e volta, e mesmo as pedras que os viron pasar,  entre lusco e fusco ou transmutados en luciñas, que viamos dende lonxe xa moi de noite, de volta, cal Santa Compaña decorrendo a aba do noso monte mítico “Peneghache”: o fondo do escenario do teatro das nosas vidas: ¿soños ou realidades?
Caseta da Garda fronteriza en San Gregorio
   E neste punto, teriamos que invitar a aqueles voluntariosos, bos e xenerosos, a que compartan, garantindo a maior discreción posible, memorias que non se deben perder, que ó cabo vannos dar a entender como eran os nosos devanceiros e a súa vida, e como somos o que somos.
   Por eso tampouco compre esquecer o que xa dende tempos antigos leva pasado, e nos contaron, e está escrito. Nós non somos máis ca un anaco do conxunto destas terras a un lado e outro desa raia (non fronteira) que algúns persoeiros nun despacho dunha capital pintaron ¡porque sí! (ou ¿por qué non?) nun mapa da nosa terra. Entón estaría ben pasa-la Raia, con outra cita, esta vez popular:
“Menos mal que nos queda Portugal”.


Pedras na penichán de Penagache


Menhir das catro cruces

Sí, porque teñen tanto ou máis que dicir. Baste citar, a modo de mostra, os múltiples traballos do Professor Doutor José Marques exercente que foi na Facultade de Letras da Universidade do Porto. Como, sin ir máis lonxe, no seu interesante e ben informado traballo: Relações económicas do Norte de Portugal com o Reino de Castela no século XV (2), danos noticias – cito de  memoria baseado en notas tomadas no seu momento; por eso calquera erro ou inesactitude será da miña exclusiva responsabilidade – das  peticións (Verán de 1462) a don Alfonso V, de Portugal, por parte das poboacións dos dous lados da Raia, suplicando a confirmación dos antigos privilexios de veciñanza entre as xentes fronteirizas de Entre-Miño e a Limia, ante a presión dos recadadores de impostos.


Ponte no planalato de Penegache



   Ou antes (1369), cando varias vilas galegas Tui, Ourense, Santiago,A coruña, Allariz…, Milmanda tamén entre elas, invitan a outro rei portugués, don Fernando, a invadir estes territorios baixo o dominio de Castela …e que lle darían as villas, e o receberían por senhor… todo por mor de manter un xeito de vida en común.

   A asistencia de feirantes  ás feiras era común dos dous lados. Nalgún momento, nas Cortes de Lisboa faise exposición de como os Galegos de Monterrey e Milmanda e Araujo e outros sitios tiñan o costume de ir á feira de Ponte de Lima con mercancías, e de volta levaban moito sal e outras cousas. Era libre o comercio de pan, viño, carnes, pescados, bois, vacas, cabalos, sal e tamén se mercadeaba con roupas, ouro, plata, moedas…; comercio que se faía por troco básicamente (estamos no século XV).


Marco nº 1 que separa a Azoreira galega Alcobaça portuguesa.

As familias casaban fillas e fillos cos do outro lado para así librarse de presión fiscais no intercambio de bens.



Cunca para gardar sal en Vilar, Concello de Padrenda
Imaxe pertecente ao libro de Eloy de Francisco Historia del Concello de Padrenda
  Valença era un  importante centro do comercio do sal, onde chegaban barcazas con ata 50 toneladas de sal de Aveiro ou Setúbal, o que nos da unha idea do negocio, e tecidos, productos que saían para terras galegas por Melgaço, ou polo camiño de Porto de Mouro (Monçao) a Castro Leboreiro, cando non eran retidos en Melgaço polo alcaide e as súas forzas.

Destas e doutras moitas nosas cousas fálanos o citado Professor José Marques ao longo da  súa extensa e ben fundada obra raia hoxe desvaída; e seguían a ser, pesia todo, 500 anos despois: transitando ploa raia  de Penegache cousas e persoas ( ao parecer ata vehículos de motor despezados, en carros do país, naturalmente; ou emisarios políticos, en tempos predemocráticos, camiño de Estoril; ¿sería verdade?, eu non o sei.


Porta Sur do Castelo de Castro Laboreiro

Así eran as cousas nesa
   Inda queda tempo para que saian cousa da memoria, e do corazón, daqueles bos e xenerosos dos que falabamos. Cousas nosas e dos nosos daquel outro lado; de cando gobernos autoritarios falaban de dous países irmáns, ¡e non sabían a verdade que dicían.!


Mámoa en Penagache con relevos e debuxos

  Os nosos difuntiños de Penegache nada sabían de raias. Eso sí: deixáronos esas mensaxes ¿indescifrables?¿ será que todos somos uns? nos fermosos trazos, que baixan e soben e soben e baixa uns cos outros, no interior das súas tumbas nese moi mal respetado noso primeiro Adro.



Poste explicativo da mámoa





Enlace de interese:
Historia da empresa ANPIAN , onde Antonio Piña de forma moi sincera conta a sua biografia e os seus inicios co contrabando.
Notas bibiliograficas:
(1) Miño: ¿existiu unha fronteira?: apuntes históricos, xurídicos e sociolóxicos .(1993, Galaxia)
(2) Relações económicas do Norte de Portugal com o Reino de Castela no século XV/ José Marques.- Braga: Bracara Augusta, 1978.- 54 p.; 24 cm.- Separata de: Revista Bracara Augusta, Tomo XXXII, fasc.73-74 (85-86)