Ana Mosquera
O coto furado, o trigo do monte e o mal das pías.
Roxelio
naceu nos anos da guerra no lugar de Os
Mociños. Aos que non son desta comarca
chámalle a atención que Mociños se pronuncie cun “o” aberto. Ferrín afirma no seu Consultorio
dos nomes e dos apelidos galegos, que a orixe deste topónimo debe ser
o resultado dunha evolución de “Asmaos”, persoas procedentes das terras de Asma
que nun momento da historia migraron cara o sur. O xentilicio destes “asmaus”
daría lugar aos topónimos As Maus (de Salas) e Os Mociños (de asmauciños). Curiosamente
en As Maus de Salas houbo un mosteiro de Santa Marta que aparece documentado no
tombo de Celanova, e moi preto de Os Mociños temos un monte de Santa Marta, na
extrema con Vilar, cuxo nome é para nós un enigma, pero que podería indicar a existencia dun
cenobio, unha capela ou outra edificación de carácter relixioso hoxe
desaparecida. Nin Roxelio nin a súa xeración imaxinaron que estes topónimos se
podían perder.
Roxelio,
como todas as persoas de por aquí, coñece ben estas montañas . O pastoreo, a ramboia
e o centeo levábaos a frecuentar estes camiños que se nos presentaron moito
máis antigos do que esperabamos.
Na
sobremesa relata como de pequeno se agachaba nun enorme coto que está oco por
dentro e no que collen de pé tres
persoas. Pedímoslle que no lo sitúe na ladeira. Pero o espeso arboredo impide ver
nada. A el apetécelle subir e sen facerse rogar colle un machete e subimos no
coche.
Paramos
na estrada que vai dos Mociños ás Chedas, vemos un camiño, avanzamos por unha calzada moi ben empedrada como pode verse nestas fotos bastante desfeita polo abandono.
Hai tramos nos que as silvas e os toxos nos pasan por riba da cabeza e camiñamos dentro dun túnel de vexetación. Existe outro camiño que vai directo desde os Mociños, supoño que pasará preto de Santa Marta. Non o podemos asegurar, pero podería formar parte da verea de Milmanda, camiños medievais que comunicaban Castro Leboreiro con Milmanda, pasando por Mociños. Temos constancia dunha serie de vías, libres de impostos, entre estes dous lugares, un tema que trataremos noutras entregas.
Perdemos o camiño e perdemos ás nenas por debaixo dos toxos, pero a medida que subimos os toxos desaparecen e medran as carqueixas, que son brandas, baixas e pexan os pés.Atopamos un paréntese no medio da vexetación de carqueixas. Nunha chaira damos cunha trigueiriza que plantaron os cazadores da zona para cebar as perdices. Roxelio, orgulloso, pídenos unha foto cun feixiño de trigo. Volvemos perder ás nenas, esta vez, tomban entre o trigo. Non moi lonxe do trigo hai un coto cilíndrico, co tempo e con outras excursións démonos conta de que se pode ver desde moi lonxe. A súa forma artificial Roxelio atribúella a un canteiro, que finalmente a deixou quedar.
Entre os cotos que sobresaen das carqueixas buscamos o que está furado por dentro. Pero os únicos buratos que aparecen son unhas pequenas cazoletas, na superficie da pedra. Discutimos a natureza destas pías. Varios meses despois, vemos que Xurxo Ayán e Manuel Gago definen ironicamente, no seu libro“Herdeiros pola forza”, esta obsesión arqueolóxica como “o mal das pías”, que consiste en empezar a interpretar a erosión das pedras e ver nela figuras traballadas, algo que pode chegar a converterse en obsesivo.
O Coto Furado apareceu, por fin, no medio dun grupo de penedos. Metémonos dentro. Roxelio di que collen ben agosto tres persoas. Pero nin a súa descrición nin as fotos que acompañan esta entrada lle poden facer xustiza. Dentro ten forma dunha inmensa amígdala. Resulta difícil para un profano explicarse como se puido erosionar desa forma, xustamente pola parte interior.
A boca só se pode contemplar desde o chan e resulta estreita como unha canle de parto. Cando vin a miña filla saír da pedra fixen a foto e tíveno claro. Estas son as pedras que pariron a nosa estirpe e temos que saber máis.