Felipe Castro
O obxectivo fundamental deste blog é que Sabela, Santi, Felipe e Irea o pasen ben, se divirtan, ao mesmo tempo que fan excursións e aprenden a querer a terra na que aínda se atopan unha parte das súas raíces. Como tantos outros nenos e nenas galegos naceron e pasan a meirande parte do seu tempo nas nosas cidades, aínda que tal vez exista unha diferenza. Desde ben pequenos gozaron de tempadas máis ou menos longas en Fondóns e Ataínde, pequenas aldeas do concello de Quintela de Leirado, entendendo que o rural, a veces, pode ser moito máis divertido, estimulante e educativo do que son algunhas das rúas máis concorridas. Eles son, e serán cada día en maior medida, os verdadeiros autores.
De paso, tamén buscamos dar a coñecer
unha das zonas máis descoñecidas de Galiza, cun moi rico patrimonio natural e
cultural, e, na medida do posible, axudar a súa protección.
Calquera persoa relacionada con este
espazo sabe que se existe algún lugar de referencia para nós é o monte
Penegache. Os motivos son tan claros como difíciles de explicar. Simplemente
ninguén que teña algunha relación co territorio situado no curso alto do val de
Deva se plantexería semellante pregunta. É o noso monte totémico e fundacional. Os nosos antergos
rodeáronno de centos de mámoas e despois baixaron ao val. Aínda que os nosos
pais descoñecen esta parte “real” da historia foron quen de transmitírnola,
como os seus lla transmitiron a eles, cunha veneración panteista e irracional.
O
carácter místico da montaña vén reforzado pola existencia de petroglifos con formas
de pés e mans andando cara Penegache. Unha interpretación cristiá dos mesmos
afirma que a virxe deu un paso no Lodairo (Val do Deva) co neno Xesús e outro
en Penagache onde se encontran as outras pegadas de pés. A
montaña, que facilitaba abundante caza
na prehistoria, seguiu dando de comer á comarca até hai pouco, facilitando
pastos e contrabando. A ramboia foi a principal actividade económica da zona
ate a liberación das fronteiras en 1986.
A
primeira referencia escrita que atopamos a Penegache está datada o 15 de
decembro de 1119, en concreto no documento 512 do Tombo do mosteiro de
Celanova, no que Rodrigo Velasconi lle cede ao mosteiro de Celanova a súa parte
da vila de Eclesiola (hoxe Grixó),
que sitúa “subter mons Penne Gati,
ecclesie sancti Petri apostoli, discurrenti rivulo Deva” ("baixo o monte
Penegache, igrexa de San Pedro apostol, por onde discurre o río Deva”).
A tradución do latín ao galego deste topónimo é clara: o monte da Pena do Gato, o que seguramente teña que ver con que se atope próximo un lugar hoxe en día coñecido como o Salto do Gato e outro na vertente portuguesa chamado a Corga do Gato.
A tradución do latín ao galego deste topónimo é clara: o monte da Pena do Gato, o que seguramente teña que ver con que se atope próximo un lugar hoxe en día coñecido como o Salto do Gato e outro na vertente portuguesa chamado a Corga do Gato.
E de que tipo de gato estamos a falar?
Tendo en conta a altitude na que os atopamos (1224 metros de altitude), na
actualidade o máis lóxico sería pensar en gatos monteses, animais que están
protexidos no cercano parque natural do Xurés. Porén, en termos históricos, hai
algún indicio que nos leva a outro tipo de felinos. En concreto, cara o lince
ibérico, endemismo asociado por erro ao sur da península. Polo contrario, aínda
queda algún exemplar nos montes de Toledo e está estudada a súa presenza
histórica no norte. De feito, Galiza, o Cantábrico e os Pirineos foron as únicas
zonas do mundo onde se documentou a convivencia do lince ibérico e o
euroasiático, sendo ambos extinguidos no século XIX. O gato montés é un animal
pequeno, non social, moi esvaedizo e que, normalmente, habita en zonas de
fraga. O lince tamén é solitario e aínda mais territorial e necesita para vivir
non fragas, senon amplas zonas de matorrais (a Penichán de Leboreiro sería un
hábitat ideal para el). De feito, Leboreiro vén do latín Leporeiro, que
significa terra de lebres, compoñente básico da dieta do lince.
Antonio Carvalho da Costa, xeógrafo
ilustrado portugués do século XVIII, realizou a seguinte descrición da fauna de
Castro Leboreiro:
"Pela
misma ribeira do Lima da parte do Sul, entre as asperas serras de Amarella, e
Cabril contiguas com as de Gerès na raya deste Reyno, e do de Galliza, ten seu
assento o Concelho (…) de Castro Leboreiro, e Lindoso (…) caça, muitos Lobos,
raposas, martas, ginetas, touroens, jabalís, corços, cabras bravas… Comprehende
a mayor parte da grande serra de Gerès (…) ha quantidade de lobos, raposas,
ginetas, martas, touroens, e otros bichos, e serpentes, cabras bravas, com
feroces cabroens, que ja despenharão homes despois de feridos…Muita caça de
toda a casta…Tem esto Concelho grandes matas, e dilatados montados, em que se
crião muitos lobos grandes, a que chamão Afnaes, e outros mais pequenos,
chamados Cervaes, muitas raposas, martas, ginetas, e touroens, jabalís, veados,
caça miuda"
En portugués eses "lobos pequenos ou cervaes" son os linces.
Pola mesma época, outro ilustrado, esta
vez galego, Frei Martín Sarmiento , falaba na súa carta 159, datada en 1760, da
existencia de linces na Galiza:
“No es un animal muy frecuente, ni
tampoco muy raro en Galicia y allí tiene cinco nombres vulgares, v. g. lobo-
cerval, lubezno, lubicán, lobo- rabaz y tigre. Este último es falso, pues no
hay tigres en Europa, mas se le llama tigre por que tiene la piel manchada y
muy hermosa y apreciable. Los cuatro nombres primeros, aunque empiecen por
lobo, apenas aluden a su ferocidad, no a que sea un animal del género lobo pues
sólo lo es del género gato. Es como un gato, pero tan grande como un perro
perdiguero. Combinado todo es un verdadero animal lince”.
No século seguinte, Vítor López Seoane
na súa Fauna Mastológica de 1861 segue dando mostra da súa existencia no noso país: “é
bastante raro nos sítios montanhosos povoados pelos bosques, achando-se em
Vilalva; S. Pedro de Orazo; na província de Ponte Vedra; na serra do Courel e
outros pontos fragosos da Galiza”. Algo máis adiante Xaquín Lorenzo, Xocas,
tamén recolle a existencia histórica de “tygres”
na Baixa Limia seguindo referencias de Castellá Ferrer.
Polo tanto, aínda que non temos ningunha
proba concluínte de que o noso gato, da Pena, do Salto e da corga, fose un
lince e non un gato montés, pensamos que podemos empezar especulando coa
posibilidade de que un lugar tan referencial como Penegache lembre a presencia
destes importantes animais nos montes do Leboreiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario