Mostrando entradas con la etiqueta Penagache. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Penagache. Mostrar todas las entradas

miércoles, 2 de septiembre de 2015

ALONSO RÍOS FUXE POLO PENEGACHE






As terras de Penegache son terras de fronteira, camiños que cruzan os montes do Leboreiro e que foron territorio salvaxe de lobos, lugares onde se libraron batallas.

Nestas terras movíanse as faccións carlistas do presbítero D. Calixto e as de Salinas; agachadas en Castro Leboreiro, nos anos 1873 e 1874. O contrabando cos seus riscos foi un medio de vida, ás veces perigoso, que abarcou un amplo perírodo da nosa historia. Durante a guerra civil houbo homes que desertaron e viviron en Castro Leboreiro, grazas ás amizades forxadas no contrabando, e regresaban algunhas noites a ver as súas mulleres.
Hoxe imos contar unha historia pouco coñecida desta fronteira: a fuxida de Afranio de Amaral de noite a través da serra de Penegache.

Hai anos lin un libro autobiográfico de Antón AlonsoRíos, titulado O siñor Afranio, ou como me librei das gadoupas da morte.

O Siñor Afranio é un criado que leva nesa profesión exactamente desde o 26 de xullo de 1936. En 1939 fuxe desde Cartelle cara a Monte Redondo, para marchar a  Portugal. Antes pasa -segundo el mesmo relata- por Gomesende e Quintela de Leirado, “onde se lle fai noite pecha”.

Ponte dos carros

Sería lóxico que chegase a Quintela segundo a sua narración polo camiño medieval de Abellás para logo ter cruzado na ponte de Quintela. Por aqueles tempos aínda se conservaba a ponte antiga, da que non hai estudos, pero da que se pensa que podía estar sobre unha ponte romana (Quintela e os romanos serán tema para outro día). Tamén puido cruzar o Deva na Ponte dos Carros, entre Fondóns e Mociños. Parece que finalmente non chegou a Monte Redondo, e ainda que el parece non telo moi claro debeu cruzar a fronteira por un lugar do Concello de Quintela de Leirado. Hai un par de pasos neste concello que conducen ao camiño de Rodeiro.


camiño vello de Abellás



Literalmente Alonso Ríos sigue  así “…fun dar cun regato coa orela mecha de silveiras. Camiñei ao longo del, mais non atopaba a maneira de furar por entre as silvas e meterme a atravesalo (…). E xa posto a furar fose como fose, inda que esgazara a roupa e o pelexo, camiñei un pouco máis abaixo e alí por sorte atopei a orela sen silvas e uns poucos pasos naturais (…).


Calzada cara a fronteira

            Cando pisei terra vin que por un carreiriño que corría ao borde dunha ribada viñan seis homes, cada un cunha peza de tea ás costas.
            Baixaron da ribada, e o primeiro chegou cara a min e parouse. Os outros fixeron o mesmo, e quedaron os seis en fileira  e calados todos. Eu seguín camiñando.
            -Boas noites- díxenlles.
            Eles responderon o mesmo.
            Novo silencio. Entón dinlles a entender que por min non había caso, dicíndolles:
            -Que haxa sorte.
          -É o que nos cómpre a todos- respostaron.E botaron a camiñar, choutando de penedo en penedo como fixera eu, máis en dirección oposta. De certo eran contrabandistas. Comprendín que o meu camiño era o axeitado.


calzada cara os Mociños e as Chedas
            
            Aquela noite andei até ben tarde. Durmín unhas horas nunha chousa

           Finalmente Afranio chega á branda de Rodeiro (Fegresía de Castro Leboreiro) e segue cara á Peneda. Despois de pasar diversas visicitudes chega a Arcos de Valdevez, agache nunha cova e finalmente chega a costa e consegue finalmente embarcar cara Casa Branca e desde aló chegar a Bos Aires.

          Debeu existir unha certa convivencia e mesmo colaboración entre contrabandistas e escapados. A novela de Manuel Tiago (pseudónimo de Álvaro Cunhal), levada ao cine, relata a convivencia dun contrabandista e un fuxido portugués perseguido pola xustiza.  

            Pero ¿quen era Afranio de Amaral, en realidade? Afranio de Amaral era un naturalista brasileiro, pero o noso Afranio, o que fuxiu pola serra de Penegache, era Antón Alonso Ríos, deputado do partido galeguista durante a Segunda República e membro, xunto con Castelao, do Consello Galego no exilio.



Antón Alonso Ríos

Naceu en 1887 en Silleda. A pesar de ser mestre, emigrou a Bos Aires en 1908, onde  chegou a director da Sociedade Científica Arxentina. Preocupado pola ensinanza en Galicia,  Alonso Ríos  participou nunha das numerosas asociacións galegas de Bos Aires que tiñan como fins a modernización da súa terra “hijos de Silleda”, promovendo a construción de escolas.



Escola El Povenir de Tomiño
En 1931 Alonso Ríos trasladouse a Tomiño como director da escola “El Porvenir”.  Desde o comezo da guerra, fíxose pasar por pobre de pedir. Estivo en varias casas de criado, e finalmente fuxiu pola serra de Penegache, vindo desde Cartelle e pasou noite nunha chousa. Aquí temos unha. Esta está entre as Lamas da Basteira e a Torriña. As pedras sostéñense equilibradas. Non ten ningún tipo de argamasa.  No fondo parécese ás mámoas que construían os nosos antepasados no mesmo monte. Nunca saberemos se a chousa de Alonso Ríos aínda está en pé nestas montañas.


           

Chousa perto de As Chedas





sábado, 18 de abril de 2015

A Pena do Gato. Dos nosos nomes e os nosos fins.















Felipe Castro
O obxectivo fundamental deste blog é que Sabela, Santi, Felipe e Irea o pasen ben, se divirtan, ao mesmo tempo que fan excursións e aprenden a querer a terra na que aínda se atopan unha parte das súas raíces. Como tantos outros nenos e nenas galegos naceron e pasan a meirande parte do seu tempo nas nosas cidades, aínda que tal vez exista unha diferenza. Desde ben pequenos gozaron de tempadas máis ou menos longas en Fondóns e Ataínde, pequenas aldeas do concello de Quintela de Leirado, entendendo que o rural, a veces, pode ser moito máis divertido, estimulante e educativo do que son algunhas das rúas máis concorridas. Eles son, e serán cada día en maior medida, os verdadeiros autores.

De paso, tamén buscamos dar a coñecer unha das zonas máis descoñecidas de Galiza, cun moi rico patrimonio natural e cultural, e, na medida do posible, axudar a súa protección.

Calquera persoa relacionada con este espazo sabe que se existe algún lugar de referencia para nós é o monte Penegache. Os motivos son tan claros como difíciles de explicar. Simplemente ninguén que teña algunha relación co territorio situado no curso alto do val de Deva se plantexería semellante pregunta. É o noso monte totémico e fundacional. Os nosos antergos rodeáronno de centos de mámoas e despois baixaron ao val. Aínda que os nosos pais descoñecen esta parte “real” da historia foron quen de transmitírnola, como os seus lla transmitiron a eles, cunha veneración panteista e irracional. 
O carácter místico da montaña vén reforzado pola existencia de petroglifos con formas de pés e mans andando cara Penegache. Unha interpretación cristiá dos mesmos afirma que a virxe deu un paso no Lodairo (Val do Deva) co neno Xesús e outro en Penagache onde se encontran as outras pegadas de pés. A montaña, que facilitaba abundante caza  na prehistoria, seguiu dando de comer á comarca até hai pouco, facilitando pastos e contrabando. A ramboia foi a principal actividade económica da zona ate a liberación das fronteiras en 1986.

 A primeira referencia escrita que atopamos a Penegache está datada o 15 de decembro de 1119, en concreto no documento 512 do Tombo do mosteiro de Celanova, no que Rodrigo Velasconi lle cede ao mosteiro de Celanova a súa parte da vila de Eclesiola (hoxe Grixó), que sitúa “subter mons Penne Gati, ecclesie sancti Petri apostoli, discurrenti rivulo Deva” ("baixo o monte Penegache, igrexa de San Pedro apostol, por onde discurre o río Deva”). 


A tradución do latín ao galego deste topónimo é clara: o monte da Pena do Gato, o que seguramente teña que ver con que se atope próximo un lugar hoxe en día coñecido como o Salto do Gato e outro na vertente portuguesa chamado a Corga do Gato.

E de que tipo de gato estamos a falar? Tendo en conta a altitude na que os atopamos (1224 metros de altitude), na actualidade o máis lóxico sería pensar en gatos monteses, animais que están protexidos no cercano parque natural do Xurés. Porén, en termos históricos, hai algún indicio que nos leva a outro tipo de felinos. En concreto, cara o lince ibérico, endemismo asociado por erro ao sur da península. Polo contrario, aínda queda algún exemplar nos montes de Toledo e está estudada a súa presenza histórica no norte. De feito, Galiza, o Cantábrico e os Pirineos foron as únicas zonas do mundo onde se documentou a convivencia do lince ibérico e o euroasiático, sendo ambos extinguidos no século XIX. O gato montés é un animal pequeno, non social, moi esvaedizo e que, normalmente, habita en zonas de fraga. O lince tamén é solitario e aínda mais territorial e necesita para vivir non fragas, senon amplas zonas de matorrais (a Penichán de Leboreiro sería un hábitat ideal para el). De feito, Leboreiro vén do latín Leporeiro, que significa terra de lebres, compoñente básico da dieta do lince. 



 Antonio Carvalho da Costa, xeógrafo ilustrado portugués do século XVIII, realizou a seguinte descrición da fauna de Castro Leboreiro:



"Pela misma ribeira do Lima da parte do Sul, entre as asperas serras de Amarella, e Cabril contiguas com as de Gerès na raya deste Reyno, e do de Galliza, ten seu assento o Concelho (…) de Castro Leboreiro, e Lindoso (…) caça, muitos Lobos, raposas, martas, ginetas, touroens, jabalís, corços, cabras bravas… Comprehende a mayor parte da grande serra de Gerès (…) ha quantidade de lobos, raposas, ginetas, martas, touroens, e otros bichos, e serpentes, cabras bravas, com feroces cabroens, que ja despenharão homes despois de feridos…Muita caça de toda a casta…Tem esto Concelho grandes matas, e dilatados montados, em que se crião muitos lobos grandes, a que chamão Afnaes, e outros mais pequenos, chamados Cervaes, muitas raposas, martas, ginetas, e touroens, jabalís, veados, caça miuda"



En portugués eses "lobos pequenos ou cervaes" son os linces.

Pola mesma época, outro ilustrado, esta vez galego, Frei Martín Sarmiento , falaba na súa carta 159, datada en 1760, da existencia de linces na Galiza:



“No es un animal muy frecuente, ni tampoco muy raro en Galicia y allí tiene cinco nombres vulgares, v. g. lobo- cerval, lubezno, lubicán, lobo- rabaz y tigre. Este último es falso, pues no hay tigres en Europa, mas se le llama tigre por que tiene la piel manchada y muy hermosa y apreciable. Los cuatro nombres primeros, aunque empiecen por lobo, apenas aluden a su ferocidad, no a que sea un animal del género lobo pues sólo lo es del género gato. Es como un gato, pero tan grande como un perro perdiguero. Combinado todo es un verdadero animal lince”.



No século seguinte, Vítor López Seoane na súa Fauna Mastológica de 1861 segue dando mostra da súa existencia no noso país: “é bastante raro nos sítios montanhosos povoados pelos bosques, achando-se em Vilalva; S. Pedro de Orazo; na província de Ponte Vedra; na serra do Courel e outros pontos fragosos da Galiza”. Algo máis adiante Xaquín Lorenzo, Xocas, tamén recolle a existencia histórica de “tygres” na Baixa Limia seguindo referencias de Castellá Ferrer.

Polo tanto, aínda que non temos ningunha proba concluínte de que o noso gato, da Pena, do Salto e da corga, fose un lince e non un gato montés, pensamos que podemos empezar especulando coa posibilidade de que un lugar tan referencial como Penegache lembre a presencia destes importantes animais nos montes do Leboreiro.