viernes, 23 de diciembre de 2016

AQUILO QUE NOS UNE. BO NADAL


Escola de dona Rosita. 



Manuel Veiga Taboada


Antigamente non se falaba de cantos habitantes tiña un lugar, senón de cantos "lumes" había. Un lume representaba un fogar, calor e unha pota a quentar algo comestíbel nunha lareira.
Cando eu era neno falábase de "veciños". O lugar tiña tantos veciños.
A palabra veciños, igual que a palabra lume, non se refería a persoas, senón a familias.
O importante, entón, non era o individuo, senón a familia.
A familia reunía non só a avós, fillos e netos, senón tamén, ás veces, a tíos ou tías que quedaran solteiros e se cadra a algunha vella criada ou a algún veciño que non tiña a ninguén. Carecer de familia era a maior desgraza. Quen che ía axudar no traballo e quen che ía dar amparo de maior, senón había residencias nin seguridade social.



En tempos de crise a familia volve a ter importancia. A familia só se rompe cando o individuo se ve obrigado a "ir polo mundo". E, aínda así, non se rompe de todo, quedan as cartas, agora o facebook.
O Nadal ten tanta forza precisamente porque nos fala da familia, coas súas discusións, pero tamén coa reunión, tan sequera por un día ou unhas horas, das pezas separadas ou distantes.
O Nadal une a familia e recúbrea da conciencia que nos deu sentido ao longo dos séculos: o cristianismo. A familia dáballe apoio aos individuos, garantía a reprodución, pero a Igrexa dábanos significado, eramos todos humanos aos ollos de Deus.

Maternidade de Xulio Fontes


Familia e cristianismo, de aí vimos e aínda estamos aí. Os galegos tivemos o reino suevo e os suevos convertéronse deseguida ao catolicismo. Os visigodos, en cambio, tardaron dous séculos máis en abandonar a súa relixión, o arrianismo, e en abrazar a doutrina católica. É dicir, que, se quixesemos, os galegos poderiamos, dicirlle aos casteláns que nós somos católicos vellos. Temos douscentos anos máis de catolicismo ca eles.
Pero se a familia segue tendo forza, o cristianismo xa non conserva tanta. Hai quen o vive con máis intensidade e quen o vive con menos e hai moitos tamén que só o consideran parte da nosa cultura.
Pero nós, nesta terra, temos outra referencia que nos une: as montañas. O Penegache e a serra. As montañas non nos piden nada nin nos obrigan a nada. Con elas somos máis libres. A nós gústanos ese vínculo coa montaña, porque é onde podemos deixar voar a nosa imaxinación.

Manuel Veiga no Planalto de Penegache preto do marco 21.


As montañas levan aí máis tempo ca ninguén. Hai nelas enterramentos dos nosos antepasados, as mámoas. As montañas seguirán aí por moito tempo.
Hoxe non sabemos se algún descendente noso quedará por estas terras para miralas e ter os mesmos pensamentos. Gústanos pensar que si, que alguén quedará. Talvez, dentro dalgún tempo, o concello poña un drone a voar sobre os cotos máis altos e un neno de Australia ou Canadá, nunha noite desas nas que non é capaz de durmir, verá como os seus pais lle poñen na pantalla, en tempo real, as imaxes do drone que sobrevoa o Penegache e ese neno ou nena, que fala inglés, verá o monte con máis perspectiva e máis claridade que ningún dos seus antepasados de hai dous mil ou tres mil anos. E quizais, algo máis tarde, coa súa muller e os seus fillos, veña aquí, e quizais lle guste e faga unha casa e... a vida nestas terras comece de novo.








miércoles, 26 de octubre de 2016

O CANASTRIÑO DAS ÁNIMAS

Jose Luis Fuentes

Foto Ana Mosquera




Case estamos en Santos, tempo de Defuntos. E asocio estes dous termos porque, para min, o mesmo dá. Para nós, os galegos, que non esquecemos a diario, que lembramos a cotío ás nosas xentes que foron, quen son vivos connosco, eles son os “santos” que pelegrinaron nesa Santa Compaña de Vivos que é, ou debería ser,a vida.
Pensó nesto a conto de que hai  días decíame Ana que caíra o Canastriño. 


Canastriño antes do accidente
Foto: Jose Luis Fuentes.






Confirmábamo despois o meu irmán Xulio acompañado dunha foto que lle remitía Benita, de Forxán. Parece ser que o tirou un coche sin freos. Cousas duns tempos que non imaxinaban os que o levantaron de primeiras…




Restos do Canastriño. Foto cedida por Jose Luis Pérez Rivera.

O Canastriño das Ánimas. A razón do seu ser é que nin na derradeira das nosas horas somos iguais. Así, entón, estaba tamén a Irmandade das Ánimas. O Canastriño recollía donativos, espigas de millo, e a Irmandade xestionaba axudas para defuntos e culto. Porque nin na derradeira viaxe aparentamos o mesmo.


E véñenme recordos doutros tempos vividos uns, oídos ou lidos outros. Coma cando, a piques de cruzarme cun enterro, una viciña me recadou na súa casa; seica a ánima do defunto podía apropiarse da dun neno se o atopaba ó seu paso. Ou aquela outra vez que ó sacar o defunto da casa, a viúva sae á porta e dille nun tono sentido e profundo: adeus, ¡amigo! 


l
Canastriño nos anos sesenta. Foto de Jose Luis Fuentes.


Contan que no enterro, alá polo século XIX, de Manuela Feixóo e Arauxo dende Forxán ata a Costiña non se vían máis ca curas. Debeu ser un enterro sonado.


Outro de sona foi , certamente, segundo din os textos, o do párroco de Santa María de Leirado, Manuel Rodríguez y Parada, que finou nos Mociños arredor do 1830, de onde era natural e onde viviu os seus últimos anos:


Igrexa e cemiterio de San Pedro de Leirado co canastriño de Ánimas ao fondo.
Foto José Luis Fuentes

Asistiron ó seu enterro doce curas. Dixéronse una misa cantada, outra a San Rosendo, outra ó Anxo da Garda e ó Santo do seu nome, e outra, tamén cantada, con asistencia de tres curas, a Santa Isabel antes que o seu cadáver saíra da casa. Conducían o seu cadaleito seis pobres, ós que se lle deu una vara de pano pardo e levaban cadanseu facho ou vela, ata darlle sepultura “en la Capilla Mayor de la Yglesia Parroquial de Sta. Ma. de Leirado”. Repartíronse entre os pobres tres fanegas de pan cocido e seis cuartas de viño; e entre ós máis pobres de Chedas, Mociños e Campo Falso doce ferrados de millo.



Cruceiro onde paraban os defuntos. Este de Campo Real, Campo Falso segundo a denominación antiga.
Foto Sabela Veiga

Deixou mandado, a máis doutras limosnas, ofrendas de cinco ferrados “de Pan maíz”, e que se dixeran “por mi Ánima y mas obligaciones quatrocientas misas”. 
Parte da nósa Historia, nada máis;  porque, á fin e ó cabo, non somos nada. 




Ou sí… ¿ quizais aquelo de onde vimos?                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                        
quizais aquelo de onde vimos?
Foto de Ana Mosquera.
        


                                          

jueves, 8 de septiembre de 2016

TODO SER HUMANO É UN RÍO.


Ana Mosquera

O interior tamén existe


Manuel Veiga Taboada no río Salas, ao fondo o Xurés

"Estou sentado nun banco de madeira, ao pé da casa, e miro a montaña. Os vales son estreitos pero o Penagache é grande, non moi elevado, recorda a figura coas suas curvas suaves dun animal durmido. Agora hai mais árbores en fronte, na parte baixa da montaña, e menos campos de labor, ningún campo de labor, en realidade. Herdades como se di por aquí, abandonadas.

Odilo, o da luz, limpaba os camiños coa fouce. Aos montes máis próximos entraba co machete. Agora descansa ao pe dunha igrexa grande cun tellado novo"

Manuel Veiga Taboada





Hoxe imos falar dun libro moi especial que sae agora á venda.
Trátase dun libro de Manuel Veiga Taboada, quen foi protagonista das primeiras vivencias, incursións ou excursións que vivimos os autores deste blog, nas nosas visitas á serra de Penegache, e que el reflexa na primeira parte deste libro.

O libro é unha novela, enmarcada na narrativa de non ficción. Como no Danubio de Magris, o autor lévanos a unha viaxe á memoria, só que Veiga en lugar de levarnos por un río concreto conducenos por algúns dos lugares importantes da súa vida. De aquí quizá o título, o río polo que viaxamos na sua lectura é a vida dun ser humano, do autor, das persoas e dos lugares que cruzan o seu camiño.




Nos primeiros capítulos, o autor explora a vida e os montes da raia. Castelos que xa non están, aldeas que desapareceron e outras que desaparecerán. Unha forma de vida ancestral, que toca o seu fin.

No libro aparecemos Felipe Castro e mais eu de forma bastante destacada, pero tamén outros veciños, que compartiron o seu coñecemento e a súa montaña con nós.

A  montaña vai revelando os seus segredos e vai xerando novas preguntas. 


Ao fondo o Porto de Arance

  

Quizá por iso o autor, como un río que vai recollendo auga de distintos afluentes, vai profundizando na busqueda no interior de Galicia. O que non é casual, pois o carácter labrego do interior impregna a novela.

Na viaxe ao interior, a través da novela-río, baixamos das montañas e entramos nás terras de Lemos, onde Manuel nos presenta as orixes da súa familia. Neste caso, os castelos si son visibles, pero aínda así atopamos vidas de persoas e lugares, pescadores de río, pintores de acuarelas, unha libraría onde Manuel María compartía cos máis novos os seu coñecementos de literatura.



Torre da muralla no alto da Calexa


A beleza da vila natal sorprende o autor cando a ve a través da vista de persoas alleas. A primeira vez que eu cheguei a rúa natal de Manuel Veiga, A Calexa, chamou a miña atención, empinada e coroada por unha torre da muralla. Tiña unha decadencia poética.

Manuel Veiga confesa neste libro que foi nun certame de pintura rápida ao aire libre cando comprendeu claramente a impresión que a súa rúa natal causaba nos visitantes. 



Calexa de noite con neboa


Neste val de Lemos o  libro- río chega a unha casa vixiada. Unha casa onde só o fundador podía ter intimidade. Numerosas mirillas, agachadas servían a Manuel Antero Yáñez Rivadeneira  para evitar roubos e conspiracións. O que non lle impediu levar algún susto.


Pazo Muíños de Antero



A casa transcende con vida propia como obra de varias xeracións, ten enrrugas. A familia propietaria descende do fundador. 

Indagar na familia do fundador,  resulta unha experiencia excitante. Rosenda, como personaxe nesta parte, vainos conducindo polas intimidades do pazo, polos seus segredos, os seus arquivos. Rosenda, artista vocacional, vai guiando a visita ás interioridades do edificio e da familia, co seu pai Matías Yáñez.


Rosenda Yáñez

A familia vai pasando de ter influintes cargos en Madrid, de ser os apoderados do duque de Alba, nas terras de Lemos, a adoptar un perfil humanístico. Manuel Yáñez, un neto de Antero e avó de Matías, foi poeta galeguista e republicano da Primeira República. O seu fillo Xavier, será republicano na Segunda República, e sufrirá persecucións, que aínda hoxe lembra Matías Yañez. 

A vida de Rosenda ten moito que ver co seu avó Xavier Yáñez, quen espertou nela unha paixón polo pazo e pola conservación do mesmo, con engurras como ela mesma di. Unha restauración completa é unha mentira. Non podemos evitar o paso do tempo e as cicatrices. 

As persoas como ríos bebemos de varias fontes. Algunhas véñennos dadas pola orixe e a familia, outras podémolas escoller. Pero en todo caso o que nos enriquece e mirar ao interior e facernos preguntas. Contestalas non sempre será posible.




Detalle do pazo Muíños de Antero. Parte do fresco desapareceu, pola humedade.



                                                                         

lunes, 25 de julio de 2016

A vida íntima do mosteiro de Ramirás recollida nunha novela “O espello do mundo”.



Ana Mosquera


Portada romanica da Igrexa do Mosteiro de Ramirás.




O crítico literario, profesor e desde agora tamén escritor Ramón Nicolás, acaba de publicar unha novela na que profundiza nas intimidades da vida no mosteiro de San Pedro de Ramirás "O Espello do Mundo".


Celanova, Igrexa de San Salvador

A terra de Celanova é coñecida como terra de poetas e escritores. De Curros Enriquez a Méndez Ferrín, pasando polos Velo, Xose e Carlos; Castor Elices e outros. A novidade é que este autor adoptou a terra de Celanova como propia. Ramón Nicolás e a súa muller Viqui, non son orixinarios desta na zona. Un amigo de ambos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, comezou a mostrarlle a comarca, con tanta paixón, que Ramón e a súa compañeira mercaron e restauraron unha casa en Escudeiros, na que desfrutan o seu tempo libre.

Ramón Nicolás


Ramón Nicolás converteuse nun activo membro da comunidade cultural desta comarca de Celanova. Escribiu unha biografía de Celso Emilio Ferreiro, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, e foi nomeado patrono da fundación Celso Emilio Ferreiro.


Busto de Curros en Celanova


Hai uns meses soubemos que ia sacar a súa primeira novela. A sorpresa é que a ambientase tamén na terra que el escolleu.



Igrexa de San Pedro de Ramiras co edificio que albergou as clarisas adosado.

A novela introdúcenos na vida cotiá das monxas medievais, concretamente desde o ano 1152 ao 1162, cando a abadesa, ona Guiomar Mendez, guiaba o mosteiro de San Pedro de Ramirás. Fai tamén incursións nos derradeiros anos do mosteiro, xa no século XX. É un mozo de Escudeiros, interesado na historia, quen vai desentrañando uns documentos ineditos e persoais de ona Guiomar.





A relegación cada vez maior da muller dentro da igrexa está tratada no libro a través das queixas que, nas cartas, deixan as dúas protagonistas.

Podemos especular con que esta relegación da muller no ámbito eclesiástico quizais sexa a razón pola que o mosteiro de Ramirás, que comezou sendo mixto, rematase só con freiras, e deixase deste modo de competir co mosteiro de Celanova, fundado pola poderosa familia de San Rosendo. As monxas, coa clausura, necesitaban máis intermediarios para defender os seus dereitos.


San Rosendo en Celanova


O libro non fala desta orixe feminina do mosteiro, pero ponnos sobre a pista da clausura do convento bieito feminino no ano 1499, cando as posesións de Ramirás pasaron a San Paio de Antealtares  (Santiago). A exclaustración foi pouco pacífica e parece anunciar o tema doutra novela.


Hildegarda von Bingen

Pero “O espello do mundo” non é só a intrahistoria do mosteiro, dános a coñecer as bases do pensamento da alemá Hildegarda von Bingen, unha influente monxa do medievo, que ademais de tratar a teoloxía, se dedicou á medicina natural, seguindo a tradición bieita dos remedios caseiros. Esta parte tróuxome á memoria un caderno que a tía avoa Manuela herdara da miña bisavoa de Redemuiños, onde estaban anotadas receitas a partir das propiedades das plantas. Sempre me preguntei de onde saíra ese coñecemento. Hoxe comprendo mellor de onde vén.


Peto  de ánimas nunha casa particular en Redemuiños. A  parroquia de Redemuiños aportou tres monxas ás clarisas de Ramirás, mais dúas novicias que non tomaron os votos, e unha moza que escapou da casa aos quince anos para ingresar e que foi recollida ao día seguinte polo seu pai.



Tamén me resulta familiar a vida da monxa alemá Hildegarda. A historia tende a repetirse. Hildegadra foi apartada dos seus pais aos once anos para ser educada na fe de Cristo. O mesmo lle había de ocorrer, case novecentos anos despois, a Pepita Arias Rojo, unha amiga da infancia da miña nai, natural de Redemuíños, que con once anos ingresou no mosteiro polos anos cincuenta, pouco despois da refundación. Resulta que Pepita xa tiña unha curmá monxa en Ramirás, Xosefa (Sor Celina), e despois dunha visita ao convento, comentou na súa casa -unha casa con moita querenza pola relixión- que quería ser monxa. Así que, sen esperar máis, con once anos, Pepita foi a vivir ao mosteiro, para comezar a súa formación relixiosa. Os primeiros anos foron duros. A miña nai lembra que non lle aconsellaban recibir visitas, porque estrañaba e choraba. Despois xa nunca se produciu o encontro entre ambas.

Á calidade do libro é indiscutible para calquera lector, pero disfrutarémolo aínda máis se coñecemos o Mosteiro e as súas intrahistorias. A lectura tamén pode ser unha escusa para realizar unha visita aos restos do mosteiro e sobre todo á igrexa románica.


Pepita converteuse en Sor Ángeles del Niño Jesús Arias Rojo. Foi a derradeira superiora (creo que non abadesa, xa que había menos de doce monxas) da etapa clarisa de Ramirás que rematou en 1993. Agora é vicaria en San Xosé de Vilar de Astrés e levou a súa nai con ela.


Redemuiños, con Penegache ao fondo

Para saber mais do libro "O ESPELLO DO MUNDO" remitovos a crítica de Xoán Carlos Dominguez Alberte.


viernes, 8 de julio de 2016

BRANDAS, CHOUZOS E CURRAIS, VIVENDAS DE VERÁN NAS SERRAS DO LEBOREIRO E XURÉS.

Branda na Serra Amarela
Ana Mosquera

Hai uns tres anos, cando Felipe Castro e mais eu estabamos enleados en descifrar o misterio do castelo de Arance, castelo situado nos comunais de As Chedas e Gorgoa, encamiñámonos unha tarde de maio cara o monte chamado A Torriña, coa emoción de que iamos atopar novamente restos doutra construción defensiva. Despois de pasar os Aguillóns e o alto da Basteira, subimos á Torriña e comenzamos a buscar. No alto, desde os penedos, vimos unha vaca cachena medio tola que viña cara nós e que espantamos como puidemos, de xeito que continuou soa e coa sua carreira desenfreada cara a Basteira.

Cachena que, despois desta foto, se veu cara a nós. 


O vento era fortísimo e, xusto cando iamos marchar, vimos nuns penedos, un pouco más abaixo entre o cume e o Salto do Gato, un reflexo metálico. 




Caseta adosada ao penedo invisíbel des de arriba



Baixamos, atraídos polo destelo, e ao chegar atopamos unha pota vermella grande chea de auga. Sorprendeunos e achegámonos a averiguar porqué estaba alí, e xusto á dereita da pota atopamos esta marabilla:




Trátase dun chouzo de apoio ao pastoreo. Este tipo de construcións foron habituais na serra do Leboreiro, na serra da Peneda, na serra Amarela, sobre o río Limia, na fronteira de Lindoso e no Suído. A que atopamos entre As Chedas e Xacebáns encóntrase a menos dun Km do marco 17 e na zona chámanlle acolledoiro. Este "acolledoiro" serviu durrante os anos de contrabando de escondite para as mercadorías, cando as cousas se torcían e tamen de refuxio de contrabandistas.



Ventilacion desde o interior


No Suído, lugar de montaña de características equiparábeis, estas construcións chámanse chozos e son de planta cadrada, pero o lugar onde acadan máis desenvolmento é en Castro Leboreiro, onde reciben o nome de brandas.

Xaquín Lourenzo, Xocas, que tanto se preocupou por documentar esta zona, realizou algúns estudos referidos a este tipo de construcións. Un artigo seu, titulado “las antiguas habitacións de pastores en la Sierra del Leboreiro", foi publicado en 1947, despois de que un incendio forestal deixase á vista, en Porcarizas, un poboado de cabanas de pastores de uso estacional e que debeu ser abandonado no Século XVI.

Cabana de planta cadrada, na Serra Amarela


Estas construcións eran utilizadas exclusivamente nos meses de verán, cando subían o gando ao monte en busca de pastos.
As construcións teñen diferentes tipoloxias. Esta é das máis sinxelas, de anacos de cachotería facendo unha especie de bóveda e aproveitando outra pedra para apoio. Teñen tendencia á forma circular. O teito cóbrese con terróns que serven de illamento.

Os terrons do teito fan que medre a vexetación.

Ás veces, as brandas están dentro dun curral é dicir dun cercado en forma circular, con valados de cachoteria ou pedras chantadas.





Estas construccións de verán, na maior parte dos casos, servían só de apoio ás vivendas do val e acostumaban a ser utilizadas só por pastores, coa excepción de Castro Leboreiro (Crasto), onde a organización das brandas alcanza a súa maior dimensión, agrupadas en verdadeiras aldeas. A branda é, neste caso, a residencia máis importante, sendo ocupada desde a Pascua até o Natal. A tendencia de feito era a coidar sobre todo a casa da branda ("Castro Laboreiro, Povoamento e organizaçao de um territorio serrano", Alexandra Cerverira Pinto S. Lima). Chegado decembro, abandonábanse as brandas e a poboación trasladábase ás inverneiras, aldeas situadas nos abrigos do val. Como anécdota persoal, a miña avoa materna, natural de Quintela de Leirado, perto de Crasto, consideraba as inverneiras como un lugar pouco apetecíbel e, cando alguén era insociábel dicía que era mellor que se fose para as inverneiras. 
Branda de Mosqueiros en Castro Leboreiro


Recentemente, fixen nunha excursión con Mira Xurés, pola serra Amarela, con Marta Delgado como guía. Vimos as brandas, reconstruídas e arranxadas, que están situadas sobre o lugar de Lindoso. O parque do Geres, puxo en valor estas construcións, nas que atopamos familias do lugar pasando o domingo.




Chamaron a nosa atención as brandas de Santo Antón, lugar no que todas as casoupas teñen este santo na fachada. Igualmente aparece nun altarciño escavado nunha pedra. Despois, descubririamos que se trataba dun lugar sagrado prehistórico, xa que dentro dun dos currais, atopamos unha ara de sacrificio. Deunos a sensación de estar ante construcións herdeiras directas dos castros.



Ara de sacrificio. Podemos ver a canle moi erosionada e un pociño cadrado. Brandas de Santo Antón. Foto de Marta Delgado.



Volvendo á construción que atopamos no concello de Quintela de Leirado, esta, xunto con outros datos referidos a toponimia, Curral das Chedas, val das Chedas e  os restos construtivos nas chairas próximas ao penedo das Chedas, danos a idea de que existiu este tipo de vivenda, ben de apoio a gandeira ou máis intesivo. Tamén o topónimo Chedas pode aludir ao peche dun curral, segundo algúns estudosos da toponimia da zona, o que no noso caso cadra ben, porque o Curral das Chedas é efectivamente un curral, que conserva máis ou menos o peche circular característico.

Corteliño na serra amarela. 



Tamén sabemos que a principios do século pasado un eremita vivía nunha casoupa por riba de Xacebáns, na subida a Penegache, pode que fose o derradeiro habitante das nosas brandas.


Penegache






martes, 17 de mayo de 2016

Se buscas a Galiza, en ti tes que atopala!

Ana Mosquera

Sabela e Mohamed na fonte de Fondóns. Galiza somos nós e tamén os que chegan.





Galiza é o que vemos 

a terra, o mar, o vento...
Pero hai outra Galiza 
que vai no sentimento



Galiza somos nós;

a xente e mais a fala
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!


(Manuel Maria - Letras Galegas 2016)









Algunhas casas xa non están. Pero o Penegache ao fondo nunca nos deixará.



Aínda que teño raíces n´Ataínde e en Redemuíños, o meu norte vital está en Fondóns. Desde Fondóns a vista do Penegache resulta difícil, pois está resgardado detrás do Castelo de Arance.
Pasei algún tempo subida ao tellado da nosa casa escoitando falar en galego e  mirando para o castelo. Do castelo xa falamos noutras ocasións. 


Tellados e o Castelo de Arance ao frente.


Hoxe toca falar da  lingua. Un día, de adolescente, Antonio Seoane, veciño de Fondóns, gastoume unha broma por falarlle en castelán. Ese día vin que se podía falar galego e ter orgullo de falalo e que renegar do propio podía resultar rídiculo e dar lugar á burla. 




Casas aliñadas no camiño que baixa d´Os Mociños



As primeiras mencións que atopamos de Fondóns están no tombo de Ramirás a mais antiga é unha doazon realizada por Pedro Gomez, que dona ao Mosteiro as herdades que ten en Leirado con excepcion das que ten en Fondóns. Desto xa profundizaremos noutra entrada

Desde o Google Earth Fonsdóns parece unha aldea construída á beira do camiño, como unha desas vilas de estrada.


Calzada a Os Mociños


Fondóns debeu medrar á beira do camiño que sube cara Os Mociños. Poderiamos pensar que isto ten lóxica posto que Os Mociños pertencía a parroquia de Santa María de Leirado, como Fondóns até principios do século XX, mais falla esta teoría porque desde as herdades (hoxe montes) de O Covelo hai un camiño máis dereito cara a desaparecida parroquia.





Rodeiras de carro no camiño d´Os Mociños

Fondóns debía ser un lugar de paso cara á Pousa, cara o pazo d´A Pedra e cara a Arnoia, pasando por Quintela e Abellás…


Fondóns, o meu principio do mundo


A  microtoponimia indícanos a existencia moi antiga dunha comunidade relixiosa: Granxola (nome dado aos pequenos cenobios), San Miguel, Campo da Viña, Casal do Bispo, sitios todos colindantes entre si e onde non puidemos atopar ningunha evidencia arqueolóxica, aínda que sei que a miña avoa sachando, nos anos setenta, atopou unha pulseira, que desgrazadamente se extraviou nunhas obras realizadas na casa nos anos noventa.
Algunha das casas de Fondóns aproveitan pezas antigas, que poderían vir dalgún dos sitos anteriores, por exemplo esta.


Figura nunha casa antiga.




Ou esta cruz, que case parece pagá e que coidaba a entrada da casa materna de Fondóns.











Fondóns é o meu lugar e garda moitos tesouros por buscar. O legado dos meus avós foron a terra e a fala, como reza nunha lápida do cemiterio do Hospital de Incio, e os legados non se dilapidan, hai que coidalos para a seguinte xeración.



Feliz día das letras e aí tedes a lápida coa lenda no cemiterio do Hospital de Incio, aínda que na imaxe non se ve moi ben:

"Aos nosos antergos, dos que herdamos o xenio, a terra e a fala"