martes, 17 de mayo de 2016

Se buscas a Galiza, en ti tes que atopala!

Ana Mosquera

Sabela e Mohamed na fonte de Fondóns. Galiza somos nós e tamén os que chegan.





Galiza é o que vemos 

a terra, o mar, o vento...
Pero hai outra Galiza 
que vai no sentimento



Galiza somos nós;

a xente e mais a fala
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!


(Manuel Maria - Letras Galegas 2016)









Algunhas casas xa non están. Pero o Penegache ao fondo nunca nos deixará.



Aínda que teño raíces n´Ataínde e en Redemuíños, o meu norte vital está en Fondóns. Desde Fondóns a vista do Penegache resulta difícil, pois está resgardado detrás do Castelo de Arance.
Pasei algún tempo subida ao tellado da nosa casa escoitando falar en galego e  mirando para o castelo. Do castelo xa falamos noutras ocasións. 


Tellados e o Castelo de Arance ao frente.


Hoxe toca falar da  lingua. Un día, de adolescente, Antonio Seoane, veciño de Fondóns, gastoume unha broma por falarlle en castelán. Ese día vin que se podía falar galego e ter orgullo de falalo e que renegar do propio podía resultar rídiculo e dar lugar á burla. 




Casas aliñadas no camiño que baixa d´Os Mociños



As primeiras mencións que atopamos de Fondóns están no tombo de Ramirás a mais antiga é unha doazon realizada por Pedro Gomez, que dona ao Mosteiro as herdades que ten en Leirado con excepcion das que ten en Fondóns. Desto xa profundizaremos noutra entrada

Desde o Google Earth Fonsdóns parece unha aldea construída á beira do camiño, como unha desas vilas de estrada.


Calzada a Os Mociños


Fondóns debeu medrar á beira do camiño que sube cara Os Mociños. Poderiamos pensar que isto ten lóxica posto que Os Mociños pertencía a parroquia de Santa María de Leirado, como Fondóns até principios do século XX, mais falla esta teoría porque desde as herdades (hoxe montes) de O Covelo hai un camiño máis dereito cara a desaparecida parroquia.





Rodeiras de carro no camiño d´Os Mociños

Fondóns debía ser un lugar de paso cara á Pousa, cara o pazo d´A Pedra e cara a Arnoia, pasando por Quintela e Abellás…


Fondóns, o meu principio do mundo


A  microtoponimia indícanos a existencia moi antiga dunha comunidade relixiosa: Granxola (nome dado aos pequenos cenobios), San Miguel, Campo da Viña, Casal do Bispo, sitios todos colindantes entre si e onde non puidemos atopar ningunha evidencia arqueolóxica, aínda que sei que a miña avoa sachando, nos anos setenta, atopou unha pulseira, que desgrazadamente se extraviou nunhas obras realizadas na casa nos anos noventa.
Algunha das casas de Fondóns aproveitan pezas antigas, que poderían vir dalgún dos sitos anteriores, por exemplo esta.


Figura nunha casa antiga.




Ou esta cruz, que case parece pagá e que coidaba a entrada da casa materna de Fondóns.











Fondóns é o meu lugar e garda moitos tesouros por buscar. O legado dos meus avós foron a terra e a fala, como reza nunha lápida do cemiterio do Hospital de Incio, e os legados non se dilapidan, hai que coidalos para a seguinte xeración.



Feliz día das letras e aí tedes a lápida coa lenda no cemiterio do Hospital de Incio, aínda que na imaxe non se ve moi ben:

"Aos nosos antergos, dos que herdamos o xenio, a terra e a fala"







domingo, 10 de abril de 2016

OS GARAXES: A ARQUITECTURA DO CONTRABANDO


Ana Mosquera

Castro Laboreiro



Calquera persoa que transite entre A Notaria e Pontebarxas non pode evitar fixarse nas enormes portas dos garaxes. Cando eu era pequena era frecuente que nas casas da fronteira houbese camións, de tamaño mediano, o que explica en parte eses enormes garaxes.





Esta arquitectura característica da estrada entre Ponte Barxas e A Notaria vén dada por tres factores:

En primeiro lugar, Ponte Barxas converteuse nun lugar moi ben comunicado grazas a construción das estradas a Cortegada e Bande. Pero sobre todo grazas á ponte que uniu Ponte Barxas coa aldea portuguesa de San Gregorio rematada en 1930. Esta ponte cambiou o nome do lugar de Barxas polo actual de Ponte Barxas.






En segundo lugar, a proliferación destes baixos, de grandes portas, obedece á necesidade de contar con almacéns e comercios e tamén á necesidade de ter lugares seguros, discretos e con fácil acceso á estrada. Neles gardábanse vehículos de bo tamaño, destinados ao transporte de mercadorías -que non escaseaban, a pesar da situación económica da posguerra- e tamén de persoas, ata que algúns anos despois chegaron os coches de liña.



Finalmente, outro factor que favorece este tipo de arquitectura é a ladeira na que se constrúe, que permite que a parte da casa destinada a vivenda se manteña libre de terra.






Encontramos este tipo de construcións moi interesantes, porque se trata da incorporación a usos industriais do modelo de casa galega que o arquitecto e profesor de Teoría Arquitectónica da Universidade da Coruña, Plácido Lizancos, denomina arcaica (e que se refire ao tipo de edificios construídos entre os anos 1959 e 1973). 




Lizancos clasifica a casa contemporánea galega en tres tipos: arcaica, entre 1959 e 1973; rupturista 1973-1985 e involucionista a partir de 1985. O normal é que só as vivendas rupturistas incorporten un espazo adicado a actividade industrial . O caso de A Notaria resulta, ao noso entender, unha excepción, xa que casas arcaicas contan cunha zona industrial.




Os Garaxes- Leirado


Outra variante desta arquitectura de almacenaxe característica da zona de fronteira son os garaxes en edificación illada. Construíronse cando as estradas non chegaban ás casas e tamén son especialmente característicos, tanto na parte portuguesa como na parte galega da raia, onde a súa abundancia resulta chamativa.



Antigo almacén da San Miguel  nos garaxes de Leirado.


Os coches de liña na raia resultaban moi rendibles. A razón explícaa Antonio Piña Antón, no libro editado polo cincuenta aniversario da fundación de ANPIAN, en 2008: “A liña Ponte Barxas-Ourense daba cartos porque era unha liña fronteiriza. De Ponte Barxas traiamos un pouco de todo, uns quilos de café, un pouquiño de cobre, aceite, bacallau salgado, manteiga de porco... Había unhas petateiras, nas que se metían tres quilos de café ou catro... e por un billete de autobús que valía cinco pesetas gañábanse sete pesos".

Casa de Antonio Piña- Recollida no libro "50 años de Anpian". Típica arquitectura de A Notaria

A fronteira foi fundamental para facilitar a chegada de vehículos a motor. Polas montañas da raia pasaban motores diesel, e incluso carrocerías de camións, que eran arrastradas por aqueles camiños con dúas xugadas de bois.

Por estes camiños, pasaban entre outras cousas carrocerias tiradas por xugadas de bois.


“Mira, de Portugal viña... todo o que quixeses; viña todo o que querías... Querías un volante dun coche, querías unha ballesta, querías un diferencial: todo viña de Portugal, porque nós aquí non tiñamos nada,  faciamos un coche coas pezas...”.

Leva razón Antonio Piña. O contrabando evitou a escasez na raia durante a posguerra. Pero non era algo novo. Debemos lembrar que xa Curros Enríquez ten un poema, escrito no século XIX, sobre un contrabandista de sal. E en Vilar, en Codesal, existen restos dunhas enormes cuncas, para preservar este mineral (Eloy de Francisco, Historia del Concello de Padrenda). Tamén deu lugar a empresas de certa importancia con raíces na comarca como a propia Anpian, e outras dedicadas ao torrado de café.


Co tempo Anpian absorveu á empresa Regente e case todas as do sector, o que a converteu nunha das empresas máis importantes do ramo en Galicia





Entrimo

Pero, se no tramo Padrenda-A Notaria, destacan as casas enormente altas. No tramo de estrada entre Castro Laboreiro e Entrimo, cruzando pola Amiexoeira, sorprende o enorme número de garaxes illados, incluso no medio da aparente nada.



Enorme construcción en  ruínas en Entrimo. Ao fondo vemos unha parte escavada no terreo, a uns metros do nivel do embalse de Lindoso




Outra vista da enorme construción


Entrimo



Claro que non todo se transportaba na liña de autobús. Tamén se transportaba nos camións, o que requiría condutores ousados. Os garaxes servían para gardar os vehículos, para distribuir discretamente as cargas e tamén representaban unha forma discreta de agachalos, de maneira que non se soubese se estaban dentro ou realizando algún servizo.

Algunhas construccións tiñan agochadoiros escavados na pedra. Aínda que, nalgúns casos, o material do contrabando se chegou a gardar en sepulturas. 




Perto de Castro Laboreiro. Fronteira de Ameixoeira. Construción máis moderna, xa en blocos de cemento. Lonxe das casas.

Os primeiros garaxes construíronse en pedra, despois fóronse incorporando os blocos de cemento

Lizancos, como curiosidade, di que algúns establecementos comerciais con frecuencia reciben a denominacion do país onde estivo emigrado o seu propietario.

Nós atopamos un establecemento no que o seu nome homenaxea á montaña que lle deu de comer a estas terras.

Comercial "LA MONTAÑA"




sábado, 5 de marzo de 2016

O sorriso de José e o tesouro de Outeiro de Castro

 


Felipe Castro    

    Creo lembrar que os corvos marcharon de Ataínde antes de que se esvaeceran os últimos acordes daquela estrofa que remataba nun “And try to keep myself away from me”. Por aquel entón a música nova chegaba a través de Portugal, da Antena3, sen que tal feito tivera demasiado que ver coa escritura envolvente de Ferrín. Fora el, non obstante, o que me ensinara a respectar as terras alén do Miño, non ao modo daqueles mestres que repetían sen demasiada fe consignas oficiais en Wichita, estado de Teis, senón con cultura e argumentos.
    É curiosa a evolución do corvo, intuír como chegou a converterse nun ser presaxio de grandes males. No mundo nórdico os corvos Huguín e Munín eran exploradores de Odín, Ser Supremo, e voando a través do mundo interrogaban a vivos e mortos, dándolle consello. Na mitoloxía grega tiñan un papel semellante, pero un corvo non delatou a Coronis, e Apolo, como castigo, volveuno completamente negro, aínda que lle permitiu conservar a capacidade de falar e predicir o futuro. Conta a lenda que o día no que foi asasinado Cicerón varios corvos voaron sobre a súa cabeza. Non sabemos se tal feito terá que ver con que os nomes dos xefes galos que saquearon Roma e o santuario de Delfos fosen Breno e Brennos, derivacións en gaélico de corvo. O caso é que nalgún momento se abriu unha fenda que separa á Europa norte da mediterránea na súa consideración, sen a que sería difícil entender que os ingleses pensen que cando os corvos marchen voando da Torre de Londres a Coroa e o Imperio caerán, polo que lle cortan as ás.
    En Ataínde empezaron a pensar na idea de fuxir a medida que comezaron a escasear cereais e froitas, tamén restos de animais mortos, o que tivo moito que ver co noso propio éxodo, aínda que asuste pensar que en realidade somos nós o mal augurio que anunciou a súa desaparición, e non ao revés.
    Isto en realidade só puiden chegar a entendelo grazas a José, unha tarde en Outeiro de Castro. Era xullo, a comezos deste século, nun pequeno descanso no traballo que por aquel entón nos unía. En realidade era o meu proxecto, non o seu, aínda que claro que sabía que ía andar por alí. Así fora desde moito antes, cando non era máis que un adolescente asustado, coa cabeza aínda medio cuberta por tecidos mollados no Sambre, e comezou a falar comigo, sempre co sorriso na faciana e con esa facilidade para ver todo sinxelo. Ningún problema podía resistir un conto, dúas cuncas de porcelana mediadas de viño, un puñado de castañas e varias gargalladas francas. De saber pintar, deixaría este folio en branco e enchería algún lenzo de tons vermellos para as fazulas, coa espátula; cun pequeno toque verde no pincel para os ollos intelixentes; e, por suposto, o negro opaco das boinas made in Biscaia…  Naqueles veráns de comezos dos noventa, cando Ataínde estaba a piques de tocar fondo, só quedabamos alí tres homes e dous deles xa debían andar preto dos oitenta. Había entre nós unha deliciosa solidariedade nos pequenos defectos: eu coñecía tódalas pedras que, repartidas pola contorna, agochaban as botellas de licor café e o tabaco de lear do meu avó Daniel; el miraba para outro lado cando eu cometía algunha falta, cuxos informes nunca chegaban á cidade. José participaba de todas aquelas complicidades.
    Nunca preguntou que andaba buscando en Outeiro de Castro. Deu por suposto que quería liberar as leiras familiares das gadoupas de vinte anos de abandono. Pensaba que aquilo era temerario, unha McCollough barata de promoción nalgunha grande superficie non era arma suficiente para loitar con silvas metamorfoseadas en gorgonas invencibles, de máis de dous metros. O primeiro día achegouse para falar, impotente pola súa mala saúde; ao seguinte, a pesar das miñas advertencias, apareceu cunha especie de machete de mango longo que trouxera de Fernando Poo, especialmente afiado para a ocasión. O seu xeito era moito máis efectivo que a miña vontade. Foi entón cando pasou. Comentei que me alegraba de que xa non houbera corvos en Outeiro de Castro, que sempre me deran medo, e el mirando de esguello non puido conter un “os de fóra”... Non quixo dicilo, cría que me molestaba, así que só un segundo despois sorriu, do mesmo xeito aberto de sempre, e rematou de golpe co outro tabú, o que facía referencia ao alcume polo que realmente o coñecemos todos. Claro que sabía que era O Rato, e non lle importaba o máis mínimo, de igual xeito que desde ese mesmo momento eu entendín que non son de ningures, son de “fóra”, que quere dicir ser un pouco de todos os lugares polos que pasei e un moito das boas persoas como José.

Os Patios
    Nos anos seguintes non deixou nunca de repartir ensinanzas e alegrías. Faino ata despois de morto. Cada vez que pasamos pola porta da súa casa e os meus fillos maiores din que o botan de menos son feliz, e entendo que non o estamos a facer mal de todo. El estaba tremendamente orgulloso de toda a súa familia. Falaba moito de Bob, o seu neto canadense, un moi bo estudante empregado con éxito nun posto de responsabilidade nalgunha das empresas petrolíferas que proliferan en Alberta. Lembro velos un xoves na feira de Celanova, compartindo un prato de pulpo, creo que o ano que Bob lle presentou á súa muller. Non me costa nada imaxinalos no Starbucks de Ave SW, ou nos seus despachos da Downtown, protagonistas da Skyline, absortos por un segundo na visión espectacular da paisaxe das Montañas Rochosas mentres lembran cun sorriso ao seu avó. Non son máis alleos a esta realidade ca min, é só cuestión de graos.
    O verán seguinte ao intento de recuperar Outeiro de Castro a escusa para volver a Ataínde foi sanear as trabes do antigo palleiro dos meus avós, que estabamos rehabilitando. De novo apareceron problemas de xeito, só que esta vez fallounos a ferramenta, xa non quedaba en Ataínde ningunha aixola que puidera ensinar a traballar ás torpes máquinas da era da bricolaxe. Entón, previo paso frustrado pola vila, comecei unha longa peregrinación por varias ferreterías da capital, intentando explicar que era exactamente o que quería, no meu falso normativo de profesor que por non saber non sabe nin como explicar ás novas xeracións que non deben perder a lingua, para acabar dándome conta de que tamén eu perseguía pantasmas.

    Aquel mes de xullo en Outeiro de Castro en realidade estabamos intentando abrir o camiño que talvez leve a un novo castro. Como xa expliquei nalgunha ocasión neste blog non son arqueólogo, nin tiña demasiada esperanza de atopar nada, pero era un motivo como outro calquera para non pensar demasiado e falar con José. Na miña mocidade non estaba interesado na Historia e non sentía a menor curiosidade polos campos de millo de Outeiro. Agora quería saber se a ambigüidade do termo Castro facía referencia a algún apelido de antepasados recentes ou a un posible resto arqueolóxico. Case chegamos aos penedos nos que adoitaban aniñar os corvos, ao fondo, co resto de propietarios abraiados pola miña xenerosidade na limpeza de fincas, talvez axexantes ante a posibilidade de que algún marco liberado tras vinte anos de prisión vexetal decidira dar uns pasos.
     Unha inoportuna doenza dun familiar sacoume de alí e o inverno seguinte un temporal tombou un carballo que esborrallou a corredoira, cortando o paso. Pasaron os anos e a idea segue aí, agardando, con Medusa estendendo de novo os seus cabelos- serpes en forma de vexetación. Non é boa idea loitar contra os deuses, menos aínda se son protectoras da terra.
 De casualidade, na procura doutras historias, atopei un pequeno indicio nos arquivos. O 21 de marzo de 1218, en Pontevedra, o rei Afonso IX resolvía un preito entre Pedro III, poderoso abade de Celanova, e Pedro Fernández, tenente dos castelos de Sande e Santa Cruz, recoñecendo que una serie de terras en torno aos ditos castelos eran do mosteiro, e establecendo unha liña que pasaba polos seguintes lugares “Pousatorium, deinde ad portum de Suberaria, deinde per Outerium de Castro et inde per Crucellatam de portu de Ataydi, deinde ad Vallem”. Non sabemos a que se refiren no documento co porto de Suberaria, mais si podemos recoñecer sen problema A Pousa, Outeiro de Castro, Ataínde e O Val, co que a localización é moi clara. Isto invalida por completo a hipótese de que o topónimo veña dun apelido, pero tampouco é nada concluínte, xa que non demasiado lonxe, en Redemuíños, está o castro romanizado do Castelo, xusto no lugar onde se construíu máis adiante ese castelo de Santa Cruz, e, quen sabe, igual o outeiro era deles. Ataínde foi desa parroquia ata que a finais do século XIX decidiu marchar, pasando a San Pedro de Leirado, segundo parece para poder quedar cun comunal, ou iso din os vellos en Redemuíños. Non vou explicar mellor que Otero Pedrayo como séculos de tradición foron asolagados pola avaricia dos novos tempos.

Vista desde o castro de O Castelo, en primeiro termo Redemuíños, en segundo Ataínde e A Rocha e, ao fondo, Penegache.

Retablo de San Isidro Labrador en San Salvador de Redemuíños, unha auténtica xoia
    Penso volver a onde aniñaban os corvos. Non sei se realmente hai algo alí e, de habelo, debe ser pequeno. Contarémolo, por suposto, pero non creo que vaia cambiar en nada o noso coñecemento sobre a Idade do Ferro na Galiza, como moito vaise converter no castro catalogado número non sei cantos mil, o segundo do noso concello, detrás do de Redemuíños, que merece un estudo en profundidade por parte dalgún arqueólogo. O de Ataínde, que eu saiba, por non ter non ten nin tan sequera unha lenda relacionada con mouras de cabelos dourados ou tesouros agochados. En realidade, é igual, eu xa teño o meu pequeno tesouro feito de sorrisos e lembranzas.




Felipe, o pequeno, explorando nun castro, que teñen que ser divertidos, se non queremos velos esmorecer

domingo, 14 de febrero de 2016

REDEMUÍÑOS (CAPÍTULO I): UN CASTRO, UN CASTELO E UN TESOURO "EXTRAVIADO"





Ana Mosquera


Hai  algúns anos, nun día de San Xusto, asomei a mirar a paisaxe na azotea da que fora a casa natal do meu avó, no Souto de Redemuíños. Un monte chamou a miña atención pola súa forma diferente á de todos os demais. Desde a casa, daba a sensación de estar construído e pregunteille á tía Ida. Ela riu. Ese é o Castelo. Que vai haber nada! Eu pensei: Caramba! Chámase Castelo e realmente parece un castelo esborrallado. 










Anos despois, dedíqueime ao Dereito e, como sempre me tirou a Historia, na libraría Torga de Ourense merquei un anexo do Boletín Auriense, obra de Olga Gallego, sobre Organización Administrativa e Territorial da Antiga Provincia de Ourense.


Cortes na pedra en Santa Cruz (segundo a ubicación dada no Tombo de Ramirás) que se corresponden cunha construción.


Nas páxinas 37, 38 e 39, o libro fala da terra de Santa Cruz, terra que xira arredor dun castelo do mesmo nome que xa existía antes de 1145, cando Afonso VII o doou ao mosteiro de Celanova. A miña sorpresa veu cando lin que ese castelo se atopaba na fregresía de Riodosmuíños. 

A terra de Santa Cruz e o seu castelo tiveron moita importancia, de feito os Tenentes de Santa Cruz cítanse boa parte dos documentos do Tombo de Fiaes. Pero Santa Cruz deixou de ter xurisdición propia que pasou a Milmanda e, tal como di Olga Gallego, a lembranza de Santa Cruz pérdese case por completo.


Muros de pedra, na subida á antea de Telefonía, na Serra da Moura.




O primeiro que fixen foi poñerme en contacto con Felipe Castro, que compartiu comigo a información que el tiña. Despois empezamos a tirar doutros fios e chegou este blog.  
Restos construtivos ao lado da antena de Telefonia e do poste xeodésico.



Sobre a situación xeográfica de Santa Cruz aínda hoxe mantemos discusións. O Castelo está perfectamente descrito no Tombo de Ramirás, que o sitúa por riba do lugar de Cimadevila, e, efectivamente, nese lugar alto hai restos arqueolóxicos (mesturados cun castro romanizado). Pero resulta que no seguinte alto, onde se atopa a antea de telefonía, tamén hai restos arqueolóxicos e, ademais, trátase dun lugar de vixiancia privilexiado. Non resulta incompatíbel a tese de que houbese alí unha construción complementaria.

Estas pedras deberon suxeitar unha portela. Conservan os buratos simétricos dos pexos.


Resulta sorprendente a importancia histórica que tivo o castelo de Santa Cruz, e o descoñecido que é para nós. Pasou importantes avatares, incluído o derrubo por parte dos Irmandiños. Á súa historia detallada adicaralle Felipe Castro outra entrada.

O Castelo de Santa Cruz tivo unha enorme importancia histórica, pero o monte do Castelo é moito máis que o castelo de Santa Cruz.




Na Serra da Moura, na que se ubica, atopamos un importante número de mámoas, o que probabelmente lle dea o nome á serra.



Mámoa ao fondo.

Nunha das abas do monte do Castelo son visíbeis os restos dun castro, castro que aparece catalogado en patrimoniogalego.net




Ladeira do castro


Ese castro foi romanizado. Observamos, en superficie, restos de construcións de tipo cadrado e algunha peza tipo tégula tardorromana, na que tropezamos cando nos tiramos a rebolos cos nenos.



Tégula en superficie


Esta observación sobre o terreo vén avalada pola Real Academia de Historia (RAH) á que lle consta o descubrimento dunha xarra con moedas imperiais romanas, no lugar de Redemuíños, no termo de Milmanda, Celanova, Ourense. Ver catálogo da Real Academia de Historia.



A Academia acorda que sexa Juan Pérez Villamil quen as recolla e llas faga chegar a Madrid, á Academia de Historia. As moedas, dise, serán devoltas se non resultan de utilidade. En caso contrario, concertarase un prezo de compra.



Moedas imperiais romanas, probabelmente semellantes ás atopadas

O correxidor de Milmanda, nun oficio de 25 de decembro de 1803, informa de que enviou as moedas romanas a través de Marcos Alonso. Finalmente, a Academia decide non mercalas porque xa conta con exemplares iguais. Con posterioridade, desde Milmanda envíaselle oficio á Academia, comunicándolle que non é preciso que as devolvan.




No propio catálogo da RAH, confesan que descoñecen o paradoiro actual das moedas, que teoricamente deberían estar no seu poder.


Posíbeis restos do castro.


Da presenza romana na zona temos algunhas pistas: a ara romana que se atopou en Xacebáns, o topónimo A Cidadella, en Quintela, normalmente atribuido a campamentos romanos e posibelmente a ponte derrubada, tamén en Quintela.


Ara romana de Xacebáns

Non debemos esquecer unha certa importancia termal que hoxe non temos localizada pero da que hai constancia, tanto na toponimia como na memoria oral.



Cachena entre a néboa do monte do Castelo


Na zona aproveitáronse varios mananciais de augas termais, que hoxe, debido ao abandono, temos extraviados. Isto explica que, na parroquia de Redemuíños, a parte de Beade, o Adro, o Souto e en xeral esa vertente sexa denominada Auga Quente, mentres que a outra vertente: O Alcouce, o Río, Cimadevila etc, pertencen á Auga Fría.

O meu avó contaba como de nenos se ían bañar no río, a un lugar onde nacía auga quente. A súa nai, cunhas pedras, facíalle unha pequena poza. Unha medra do río fixo que se pérdese o sitio e nunca máis o buscaron.


A Auga Fría

Ademais, en Beade hai un lugar que se chama Lama que Ferve e en Quintela están as Augas Santas.  

Esas augas termais perdidas poden ser un pequeno tesouro que atopar -e que explotar- nesta terra deprimida.