Xosé Benito Reza, natural de Celanova, e un dos
mellores coñecedores do Penegache, acaba de publicar a súa primeira novela
Terradentro.
O título é unha declaración de intencións que
agradecemos. Nunha Galicia na que volcaron a demografía cara o mar, é
hora de mirar a ese interior.
Trátase dunha novela de xénero policial. O protagonista das pescudas é un avogado da vila, Xosé Rial, un pouco raposote, que se chama así mesmo retranqueiramente avogado das silveiras, e se mofa dos veciños ricos que pagan letrados de postín na capital da provincia.
A novela consta de tres partes nas que se resolven
tres misterios e unha especie de epilogo. Non imos facer spoiler, pero si imos
dicir onde se desenvolven os misterios:
O primeiro misterio transcorre nunha casa de indiano, “O
asasinato do vello Esteban”. Introdúcenos nas personaxes principais, o avogado
Rial, o capitán Flores, e o ambiente vilego de posguerra.
Galeria da Praza Maior de Celanova |
O segundo, “A casa
grande de Ademourán”, transcorre
nunha casa grande que el sitúa en Remuiños, Cimadevila, nun lugar próximo ás
mámoas. Neste relato, o xénero policial
convive coa realidade do campo, coas crenzas panteístas e cos misterios
das mámoas. O “Ciprianillo”, libro de bruxería, debeu estar de moda na primeira
metade dos século XX na comarca, entre os
buscadores de tesouros.
Aínda que a Casa Grande de Ademourán está situada en
realidade noutro lugar, si que existe un lugar que se chama Redemuiños onde os
cazadores de tesouros fixeron desastres, até mediados do século pasado, e onde
temos constancia oral de conxuros no alto de Santa Cruz para escorrentar o
trono. Quen sabe se o pai do autor avogado de profesión non levou algún segredo
con el a tumba.
Penegache a Cruz e o poste xeodesico, a relixión e a ciencia. |
Luís Axeitos, na casa dos Poetas en Celanova, dicía
con acerto que Benito Reza galeguizou o xénero policial, levándoo de forma
espontánea ao planalto. O misterio ocorre na alta chaira da raia e finaliza nas
mámoas, o autor despístanos cos topónimos, e lévanos de paseo por toda esa
máxica meseta que nos une con Portugal.
O terceiro relato, “O can do Alcalde”, ten, como non, unha
dobre lectura no seu título.
Arredor do acontecido coa cadeliña do alcalde, o autor
introdúcenos na outra vida vilega. A de aqueles que viven de portas adentro. Coma
se dunha homenaxe a Taberna do Galo se tratase. E aproveitando este enigma o autor
realiza un retrato das máis variopintas personaxes.
Fálanos da
Xuntanza das Mocidades Galeguistas en Celanova.
Até alí viñeran a falar Castelao e Otero Pedrayo. Do semanario Adiante,
creado polas mocidades galeguistas entre as que se atopaba o procurador Celso
(Emilio Ferreiro) , personaxe do libro.
Desfilan tamén,un médico republicano «o (Meixengo?) ,
contrabandistas, monárquicos, mendigos, toliños, taberneiras…
Pintada "Adiante Semanario", realizada antes da guerra polas Mocidades Galeguistas entre outros Celso Emilio que ainda se respeta. |
Grafiti moderno na vila en lembranza do vello "Adiante Semanario" |
O libro remata cunha especie de epílogo titulado Terradentro.
Trátase dunha biografía do protagonista e da terra, unha promesa, promesa que
facemos moitas veces todos os que estamos exiliados na cidade do sol de poñente:
“A pouco detívenme para botar unha última ollada ao
val, ao meu mundo,do que a penas quedaba nada, do que contan que nos próximos
dez anos vai perder a cuarta parte da poboación, e dexerguei unhas letras que
fixera a miña nena cunhas pedriñas de seixo, unha palabra que non era unha despedida,
senón un desafío: «VOLVEREMOS» (…) E seguimos cara a cidade do sol de poñente,
cara os portos grises onde o tempo será forxado de novo”.
Volveremos!!! |
No hay comentarios:
Publicar un comentario