Ana Mosquera
![]() |
Julio Domínguez Rodríguez e a súa esposa Silvine na súa voda en Francia en 1942. |
No mes de xaneiro
chegoume un whatsapp da miña prima Gladys. Unha asociación de deportados estaba
buscando familiares de Julio Domínguez Rodríguez, liberado de Mathaussen e natural de Quintela
de Leirado, só tiñan o nome e a data de nacemento.
Con eses datos ocorréuseme pedir unha Certificación de nacemento. De seguida tivemos os vimbios para o cesto. O noso home era de Xacebáns, fillo de Manuel e Felicia, nacido en 1916. O resto foi máis sinxelo aínda. Puxemos o facebook da Sombra a funcionar e en dous días estaban localizadas as súas sobriñas, Julia e Manuela, coas que xa tiña relación virtual.
Foi Julia Rodríguez Domínguez, da
Fonte de Xacebáns, quen, por estar emigrada en Suiza, tivo
máis trato co seu tío. E ela a que nos relata a historia.
Julio Domínguez
Rodríguez aos 16 anos era un rapaz inquieto que marchou traballar fóra. Como moitos mozos da súa xeración non vía posibilidades no seu Xacebáns natal.
En Galicia había pouco que conseguiramos a propiedade da terra, coa redención dos Foros.
Pero o minifundio, as pésimas comunicacións e a falta de diñeiro en efectivo
para realizar transaccións expulsou a moita xente do campo.
![]() |
Tomando notas das intensas historias de Julia. |
O 18 de xullo de
1936, cando só tiña 20 anos, Julio encontrábase en
zona leal á República e, segundo nos consta, estaba afiliado á Sociedad Obrera de
Tejeros y Cerámicos de Madrid. Tocáronlle tres anos de guerra.
![]() |
Arquivo do Centro Documental de Salamanca. |
O seu irmán
Antonio, pola contra, vivía en Galicia e foi recrutado polo bando franquista.
A frase tan repetida de que era unha guerra de irmáns contra irmáns neste caso chegou a concretarse, segundo contaba Antonio, na fronte de Toledo.
Mentres a República
resistía nunha pequena localidade próxima a esta cidade, Julio Rodríguez, que se encontraba nunha casa
abandonada, atopou unha máquina de escribir e, aproveitando un momento libre, colocou nela un papel e puxo o seu nome: JULIO DOMINGUEZ RODRIGUEZ – QUINTELA DE LEIRADO.
Ao chegar o bando franquista, o exército ocupou as mesmas casas. Antonio Domínguez, explorando a vila, entrou e atopou o papel. O seu irmán estivera alí. Estábanse
disparando na mesma fronte. Ao rematar a guerra, esta sería unha anécdota
que Antonio contaría a Julio para a súa sorpresa e desde ese momento convertiuse nunha das historias máis repetidas na familia.
![]() |
O sogro de Julio, Silvine e Antonio, o irmán de Julio, contra o que pelexou na fronte. A nena é Solange. |
Cando a guerra
Civil remata, Julio escapa a Francia. En 1942, casa cunha fermosa francesa Silvine.
O nazismo estendíase
por Europa e o pai de Silvine era o encargado dunha famosa tenda de antigüidades
de París, propiedade dunha familia xudía escondida ou fuxida e aos que el lles
administraba lealmente a tenda. A situación económica da familia era boa.
Julio colaboraba coa Resistencia e foi detido por participar en sabotaxes contra o Exército Nazi, cando menos así consta no seu expediente, ao que recentemente tivo acceso a Asociación pola Recuperacion da Memoria Histórica.
A Julio non o detiveron
até case o fin da Segunda Guerra Mundial. Xa nacera a sua filla Solange
en 1943. Consta detido en Compiègne, o 22 de marzo de 1944, segundo a documentación feita pública polo Ministerio
de Cultura Español, pero como a maior parte dos republicanos españois acabou
no campo de Mathaussen. A data de ingreso, como se ve na ficha, foi o 14 de abril de 1944.
A súa sobriña de Xacebáns ensíname un libro que lle regalou o seu tío. Chamase "Deportación", editado en 1969. É unha
tradución ao castelán dun libro francés realizado pola Federación Nacional
(francesa) de Deportados Resistentes e Patriotas dos
campos de Concentración e pagada por 17 mil subscritores que colaboraron tamén na recollida de testemuñas e fotografías.
Julia ensíname as
186 escaleiras de Mathaussen. Estes chanzos salvaban un profundo abismo.
“Cada mañán mandábanos
á canteira e cada noite tiñan que subir cunha pedra. Para poñérllelo máis
díficil, os chanzos eran de diferentes alturas e anchuras, de modo que non
podían subir de forma mecánica, tiñan que subir atentos, se caian éralles moi
dificil levantarse polo peso da pedra e a desnutrición. O que caia por agotamento
era matado alí mesmo polas SS. O resto dos reclusos, como Julio, tiñan que o recoller e levar a queimar aos fornos".
![]() |
Os 186 escalóns de Matahaussen. A subida por estas escaleiras, cunha pedra, era un test que lle permitía a cada un medir as forzas que lle quedaban. |
Houbo un día no que
Julio se rendiu e ía deixarse ir, para que o rematasen. O
compañeiro que camiñaba ao lado colleuno e dixolle: "Aguanta Julio, que xa veñen a por nós,
son poucos días".
Tres días despois
liberaron o campo as tropas norteamericanas.
A razón de que os presos estivesen ao tanto da chegada dos aliados era a de que algúns deles conseguiran facerse cunha radio. Cada un gardaba unha peza e montábana todas as noites para
escoitar a BBC.
O regreso de
Julio á súa casa familiar de París foi case tráxico. Desnutrido, cun traxe de raias, o pelo rapado, sen barbear, nin asear e co corpo cuberto de lá, ese pelo corporal que colle volume ao non haber carne. Timbrou. Silvine abriu a porta e de pronto saiu despavorida pedindo axuda ao piso de abaixo. Un veciño
calmouna, escoitou a aquel tipo desaliñado e dixo: "Silvine é o teu home!".
Francia deulle un
recoñecemento aos supervivintes e a vida de Julio foi acomodada.
Mantiveron o seu piso nunha zona
privilexiada de París.
A súa filla
Solange estudou dereito, foi avogada e casou cun médico tunecino no país do
seu home. Julia hai varios anos que non ten novas dela, ten medo de que falecera, pero como Solange está agora viúva e non ten familia é difícil de saber.
![]() |
Solange |
Julio só voltou unha vez a Xacebáns, en 1985.
A súa sobriña puido encontrarse con el varias veces en Francia e tiveron bastante trato. Ela estaba na emigración en Suíza e el tiña unha casa de veraneo preto da fronteira. "A pena que me
quedou é que nin a súa nai nin as súas irmáns o puideron chegar a ver nunca máis", comenta Julia.
![]() |
Xacebáns á saida da visita á casa de Julia. |
NOTA:
Este traballo foi posible grazas a Asociación pola Recuperación da Memoria Historica e as Asociacións de Deportados que nos facilitaron todo o material que tiñan no seu arquivo.
As fotografias dos documentos franceses e alemans pertencen aos Expedientes da Resistencia.
As fotografías do Campo de Mathaussen están extraidas do libro citado neste texto.