martes, 15 de enero de 2019

Loito na diáspora Ángela Alonso Rodríguez, Geli: “Non deixedes morrer esta terra”




Ana Mosquera

Ángela Alonso "Geli", Na nosa memoria



Foi o 17 abril de 2015 cando Felipe Castro e máis eu, impresionados polos datos que estabamos acumulando da nosa descoñecida terra, decidimos poñelos en común neste blog.
Pero non foi até uns días despois, nunha data sinalada, un 25 de abril de 2015, cando comprendemos que o proxecto sería unha comunidade “na sombra”. Un fío condutor con aqueles que tiveran que marchar e que mantiñan o orgullo pola súa terra.

O valado do patio da casa familiar de Geli chamounos a atención no seu momento.
A forma de colocación das pedras coincidía bastante co atopado na montaña.


Unha mensaxe de Geli na entrada “As pedras que pariron a nosa estirpe” case nos fai chorar de emoción. Conectáramos! Ángela dicía que era a filla de Odilo Alonso das Chedas e pedíanos que non deixásemos morrer estas terras.
Eu a Ángela non teño conciencia de tela visto en Caracas. Era moi amiga dos meus curmáns e até a teño en fotos xuvenís.  Mais, o que nos uniu, foi este blog.
O seu pai deixou Galicia un 12 de xaneiro, desde o porto de Vigo, no ano 1953. Curiosamente, é o mesmo día que no que Ángela nos deixou.

Foto do pasaporte de Odilo Alonso, pai de Ángela, na súa primeira viaxe. Ángela sentiase moi orgullosa das súas orixes e compartia nas redes esta fotografía no aniversario da
chegada ao porto da Guaira.

Ángela foi unha nena da emigración. Viviu nas Chedas, marchou coa súa nai nun barco para Caracas. Sempre mantivo arraigo e cariño pola terra natal.
Prometinlle unha entrada sobre as Chedas no blog, que adiantamos sobre outras por gratitude. Pero Geli era unha persoa culta e lembraba anécdotas da súa infancia moi importantes. Deunos pistas a seguir. Pensamos que existe un xacemento da Idade de Ferro nas proximidades de Campo Real, porque varias persoas identificaron, por fotografías, pezas como machados ou ela mesma un torque, que atopou sachando. Pezas seguramente tiradas e perdidas para sempre. Ela sempre se preocupaba de que a nosa historia non quedase enterrada.



Cabalos corren en liberdade polo Planalto, inmensa necrópole onde repousan as almas dos nosos ancestros
Por iso lle quero dedicar esta entrada, para que ela non quede esquecida. A historia das persoas que marcharon, ás que nos arrasou a mareira da emigración é tan importante como son o Castelo de Arance ou o Castro de Redemuiños
Geli viviu até os últimos días con amor a terra.
O seu último comentario foi na entrada “O verán que aprendemos inglés na aldea”.

Ela dicíanos: “Reúnanse los que puedan, allí mismo”.






Geli, a tribo acóllete, aínda que esteas lonxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario