luns, 12 de febreiro de 2018

A medieval Terra de Santa Cruz e o seu Castelo na feligresia de Riodosmuiños, hoxe Redemuiños.


Cima de Vila. Nalgunhas casas podemos ver restos de pedras reaproveitadas . 




Ana Mosquera

Durante a Idade Media, o territorio do Reino de Galicia tivo unha división administrativa moi variable, pero destacaban as chamadas “Terras”. Foi un acerto da Mancomunidade de Celanova recuperar este nome histórico. Pero, o que hoxe coñecemos como Terra de Celanova é un espazo máis recente e xeograficamente máis amplo que a Terra de Santa Cruz da que imos falar hoxe.



Monte do Castelo onde se elevaba o de Santa Cruz
Cada Terra medieval podía ter á súa fronte Condes, Tenentes, Meiriños e iso dáballe nomes específicos aos territorios: Condados, Merindades, Tenencias. A denominación de “Terra” tende a perderse no tempo a medida que cobran forza os Señoríos.

No tempo que estudamos, e segundo Olga Gallego Domínguez, na provincia de Ourense están documentadas varias Terras, das que a continuación falaremos.

As Terras de Castela, por exemplo, estaban situadas entre o Ribeiro, o Carballiño e Avión. Había nelas numerosos castelos, de aí o seu nome: Roucos, Pena Corneira, Castro Cavadoso, e outros. O nome de Castela despistou a algúns historiadores. Un cronista musulmán Ibn Hayyan dá conta dunha campaña Islámica que chega ao Miño e despois a Castela, polo ano 826.



Perna Corneira, na Castela galega do Ribeiro, onde estaba o Castelo do mesmo nome derrubado nas Guerras Irmandiñas.

A tradución deste texto, para algúns historiadores, foi un auténtico quebradoiro de cabeza. Descoñecían a Castela galega e pensaban que o texto árabe se tiña que referir a Castilla la Vieja, trazando unha ruta imposible, na que os musulmáns cruzaban o Miño e dalgunha forma aparecían na Castilla de Burgos, nun momento histórico (ano 826) no que esta apenas existía como concepto.

Con menos castelos, temos as Terras da Límia, Búbal, Alba de Bubal (que tamén lle deu o seu traballo aos historiadores, neste caso galegos, para acabala situando no actual Formigueiro, no Concello de Amoedo), así como as Terras de Caldelas, Trives, Manzaneda, Aguiar, Allariz, Milmanda, Santa Cruz, Novoa, Ribadavia, Baroncell (Verín?), Volo e Robleda.


Ruínas, no Alto de Santa María, da Torre de Homenaxe do Castelo de Milmanda.



As históricas Terras de Milmanda e Santa Cruz, unhas veces enfrontadas e outras aliadas, forman hoxe parte da actual Terra de Celanova.

A Terra de Milmanda ten o seu centro no Alcázar, do que fican algúns restos e ao que sen dúbida dedicaremos algunha entrada deste blog.

Coa Terra de Santa Cruz aconteceu algo parecido ao que xa sucedera coa Terra de Castela. Unha vez desaparecido o topónimo da fala popular, os historiadores situan  a Santa Cruz, que aparece na documentacion medieval, na Santa Cruz máis próxima e adecuada, en Grou, no Concello de Lóbios. Pero, en 1988, Olga Gallego Domínguez, irmán do médico Luis Gallego Domínguez, vinculado con Redemuiños (ten dedicada unha rúa nesa parroquia), caeu na conta de que a descrición precisa que dá o Tombo de Ramirás tiña que situar o castelo de Santa Cruz en Redemuiños, Quintela de Leirado, lugar que posiblemente a propia Olga coñecía de primeira man.



Vistas desde o Castelo de Redemuiños. Foto tomada hai anos, sen árbores no cimo.


O castelo de Santa Cruz xa debía existir no século X, se seguimos o que di Olga Gallego.

No ano 1145, o Rei Alfonso VII dooullo ao mosteiro de Celanova. Non durou moito en mans do mosteiro e sabemos que volta a mans dos monarcas, porque nos documentos históricos do Arquivo de Ourense consta que outro Rei, Alfonso IX, doallo en dote ás suas fillas, as infantas Sancha e Dulce, xunto con outros  castelos “Araugio, Alleriz, Milmanda e quizas a Torre antiga de Vilanova, que por este motivo se chamaría das infantas, segundo algunhas opinións.

Sabemos, polos diferentes documentos medievais dos que dispomos, que en 1218 comparten tenente o Castelo de Santa Cruz e o de Sande. De feito, existen certos documentos onde se confunden ambas denominacións, impoñéndose a de Sande.

Non obstante, en todos os documentos relacionados coa Terra de Santa Cruz, que figuran no Tombo de Fiâes, sempre se cita o nome do Tenente do Castelo de Santa Cruz entre as autoridades locais.

Durante o Século XV, foron numerosas as batallas polo control do Castelo.

En circunstancias que descoñecemos, o castelo pasou pouco despois novamente dos monarcas a mans de Celanova, pois en 1419 o pertegueiro (casteleiro) do mosteiro utilízao como prisión.


Vista con néboa desde o cimo de Santa Cruz



En 1460 era usurpado polo Conde de Benavente, señor de Milmanda, quen a súa vez  era Señor do Pazo de Quintela, o que provoca as protestas do abade Xoán Fernández quen en 1467 obtén de Enrique IV a confirmación do seu dereito. Será despois das Guerras Irmandiñas, cando a Irmandade, nese mesmo ano e por orde do monarca, devolva o Castelo de Santa Cruz, polo menos teoricamente, ao abade de Celanova.

Co tempo, Santa Cruz adscríbese a Milmanda e a lembranza de Santa Cruz, pérdese ou dilúese.  

Até o século XIX, os documentos oficiais de Redemuiños aparecen cuñados na Xurisdición de Milmanda. E o Concello de Padrenda, que formaba parte da Terra de Santa Cruz, denomínase Padrenda-Milmanda nos seus comenzos.

Capela de Santo Cristo, recentemente retocada.
As xentes de Redemuiños saben que teñen un monte do Castelo, pero a Igrexa remata por cristianizar o recordo cunha ermida de nome semellante, Santo Cristo. Algunhas pedras da capela teñen inscricións de tipo gótico.
Calzada pola que discurre a procesión do Santo Cristo, desde a parroquia actual á ermida, perto do Castelo.

A memoria colectiva mestura os presuntos tesouros dos mouros con rituais panteistas para espantar as tormentas e cunha romería que devolve o Cristo da parroquia principal á ermida.

A principios do século XX, tivo unha desgraciada importancia o chamado Ciprianillo, libro de máxia prohibido, de grande implantación en Galicia, que, polo que poidemos apreciar sobre o terreo, tivo importante éxito na zona, dada a cantidade de mámoas profanadas e buratos que aparecen no Castro. Naquel momento, o Código Penal aínda non castigaba os delictos contra o patrimonio histórico.





Na cima, entre as follas e a vexetación, sobresaen os restos do derrube.


Hoxe, no cumio de Santa Cruz, só uns poucos buratos que soportaban as trabes e algúns amoreamentos de pedras, froito do derrube dalgunha torre ou muralla, dan conta de que alí houbo un importante Castelo.


No cima de todo. Posible burato para apoio estrutural.


As batallas de Santa Cruz, pasaron a ser representadas como batallas de mouros e cristiáns. A principios do Século XX ainda saían a cabalo desde a Arrifana, ao outro lado da Serra, onde gardaban as vestimentas, segundo nos contou Antonio Rojo, do Souto de Redemuiños. A derradeira batalla tivo lugar en 1948, con motivo da celebración da chegada a Madrid da primeira imaxe Peregrina da virxe de Fátima,  que supuxo unha chea de celebracións en toda a Península.



Mapa hipsométrico do CDIX, de Santa Cruz. Visible o foxo, do castelo ou do castro?



















Notas bibliograficas:

Os datos para a elaboración desta entrada foron recollidos nos Tombos de Celanova, Ramirás, Colección Diplomática de Celanova e Tombo de Fiâes, así como nos estudos de Olga Gallego, Anexo nº 10 do Boletín Auriense, monográfico sobre a Organización Administrativa na Antiga provincia de Ourense a mediados do Século XVII. Tamén se utilizou o caderno MINIUS X, 2002, pp. 111-134, A Terra de Celanova na Idade Media”, de Francisco Javier Pérez Rodríguez, Beatriz Vaquero Díaz e Mercedes Durany Castrillo da Universidade de Vigo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario