sábado, 23 de diciembre de 2017

Como árbores de nadal transplantados.Unha historia da emigración


Ana Mosquera

Luces de nadal- Caracas anos finais dos sesenta. Foto de Caracas en retrospectiva.


Bo nadal!

O primeiro Nadal que lembro, non o pasei en Fondóns.
O primeiro nadal do que teño recordo trasnscorreu en Caracas, nun edificio próximo ao paseo dos Próceres tomado pola familia Mosquera. No primeiro piso vivían os Fernández Mosquera, no segundo estabamos os Mosquera Fernández e no terceiro os Mosquera Mosquera. Foron unhas festas estupendas con catro primos novos, con xogos e tamén con algúns ciumes. Desde 1977, nunca máis volvemos a coincidir todos a vez no mesmo país.



Celebración familiar en Caracas

A pesar de ser Caracas unha cidade dura, tiñamos liberdade para movernos polo edificio, iso era posible porque non tiña sitios onde agacharse. A escaleira era unha sorte de panóptico que lles daba seguridade aos nosos pais. Iso e que fósemos maioria no edificio.

Viñan, ademais, ás ceas de Nadal e Fin de Ano, máis Mosqueras: Pepiño, Pepe Gordo, outros veciños da comarca, comadres e compadres como Dorinda, e Camilo de Esmoriz e as fillas. Lembro agarimosamente a Rosita, a da nosa idade, compartía xogos e correrías desde o portal a azotea do edificio onde se colgaba a roupa a secar.
Nas comidas había un turrón totalmente inapropiado para o clima tropical, que se conseguía expresamente nunha tenda, pode que de Chacao, de orixe dubidosamente legal. O viño do ribeiro, creo recordar que sospeitosamente viña da illa de Margarita. O contrabando, como tradición non podía faltar nunha cea arraiana.
Pero tamén se foron incorporando pratos venezolanos. Dorinda e Lila sabían preparar as “hallacas” e os nenos tirabamos máis pola comida lixo, eu particularmente era fan dun tal Oscar Mayer, que chegaría a Galicia  moito despois do meu retorno.

Festa familiar marroquí en Vigo

Vexo as fotos desas festas e non podo evitar lembrar unha festa marroquí a que me invitaron hai uns anos, incluso pola forma de nos sentar. A comida, a necesidade de manter a comunidade.  Ao final os emigrantes somos parecidos. 

Na irmandade galega de Mariperez descubrín a morriña e a gaita, nunha noite de reis, nun país que non celebraba a noite de Reis. Foi o meu derradeiro nadal infantil en Venezuela.

Despois duas nenas viñémonoss. Non! Trouxéronnos, os nenos sempre como maletas. 
Non fomos nin a primeira, nin a última xeración da familia, vexo as caixas de fotos familiares e atopo unha típica familia norteamericana, salvo que o pai Lester, antes  chamabase Lisardo, era irmán de miña avoa e coñeceu as irmáns pequenas cando elas tiñan corenta anos. Durante moito tempo recibimos fotos de aparatos de TV, de coches e de casas típicas do american way of live


Familia de Lester Vazquez- Cleverant(?)


Os meus bisavós, nesta outra foto, casaron en Avellaneda, esa cidade triste ao lado de Buenos Aires. Na miña casa falábase de Chacarita, sin saber que era o cemiterio de Buenos Aires. 



O máis pequeno, no colo, o meu avó, en Avellaneda.


A miña xeración correu sorte semellante. Eu instaleime en Vigo con desgana aos nove anos. A miña curmá aos 17. 


Ultima foto de Venezuela.

Raúl veu no ano 2002 de Caracas, con Marisa e as nenas. Nos anos duros da crise comezou outro exilio a outro país. Cando nos despedimos dicíame -de neno vacilado por galego en Caracas e agora aquí por sudaca! O círculo pechábase. A el tocoulle vivir de adulto o mesmo que a min aos nove anos.  


As súas fillas eran adolescentes cando se marcharon e botaron de menos esta terra, na que pasaron a maior parte da sua infancia. Outra xeración transplantada. 

Quero de forma especial dedicarlle e a elas, a Sasha e a Vanessa de forma especial, esta entrada do blog, porque nelas vexo ese pobo que vai e vén e tamén me vexo a min mesma. Quero, para o ano novo, desexar que esta maldición se remate para os nosos fillos e que viaxen só cando lles pete, guste, queiran e lles dea a gana.


Sasha, á dereita, e a miña filla, na súa útima noite xuntas.
Esperamos verte pronto! 



No hay comentarios:

Publicar un comentario