sábado, 23 de diciembre de 2017

sábado, 29 de julio de 2017

Xacebáns. Entre a sombra de Penegache e a do Mosteiro de Ramirás

Ana Mosquera


Manolo Pavero- Parede do Forno Comunal




Hai anos oínlle a unha veciña que había pegadas nas pedras que demostraban que a virxe María e o neno Xesús deran unha zancada no Lodairo, no val do Deva, e a outra no Penegache.

Delicadeza no traballo da pedra.



Parece unha lenda fundacional. 

A nosa estirpe baixou non hai tanto das montañas de Penegache. A abundancia das mámoas e dolméns e outros monumentos megalíticos, que converten o Planalto de Penegache nun dos lugares de riqueza prehistórica máis interesante da península, dan fe dunha intensa vida desde tempos remotos.





No planalto houbo "vivendas de verán" até non hai demasiado. Diso quedan as brandas e os chouzos, sobre todo na zona de Crasto, ou Castro Laboreiro.  

A nosa memoria inconsciente venera a montaña por algo trasmitido a través de moitas xeracións.
Desde Quintela de Leirado, os gardiáns do Penegache son os veciños de Xacebáns, seguramente descendentes, coma nós, daqueles cazadores da serra.



Xacebans foi “refundado”, se se permite a expresión, polas monxas de Ramirás, no 1240, a Ona (nai superiora)  Maria Fernandi, concedeulle carta e  foro no lugar de  Xacebáns (Iacebanes), a nove familias, para que poboasen, plantasen, coidasen e pagasen  ao seu celeiro de Fraguas, a parte correspondente por dita cesión. Así consta no Tombo de Ramirás. Hai concesions puntuais en Xacebans, concretamente en 1266, pola propia Ona Maria Fernández a Fernándo Pérez e á súa dona.

Xacebáns xa existía en 1240. Ademais de que se se cita como lugar,  tamén se cita no Tombo de Celanova, nun documento datado entre o 1044 e o 1047. Mais, nese momento debía estar prácticamente abandonado.



Xacebans desde As Millariñas. Penegache a dereita. A Luz xa chegou.

Ás monxas de Ramirás tiñan interese en asentar poboación no lugar, para parar a crecente influencia de Celanova? Para evitar o paganismo que aínda subsistía nas montañas?

A nós, hoxe, pode parecernos caprichosa a condición desta carta, na que se manda aos seus vasalos ”elixir” sepultura no mosteiro de Ramirás e non en ningún outro lugar.  O que supón un autentico trastorno para os enterramentos, ao ter que desprazarse ao Mosteiro de Ramirás. Debemos ter en conta que “teoricamente” esta situación mantívose até a creación da parroquia de Santiago de Xacebáns, xa a primeiros do século XX.  Había unha calzada de pedra, algúns tramos consérvanse, que unía  Xacebáns e Ramirás.


Algúns dos cruceiros do lugar.


Estivemos observando o viacruce e non descartamos a idea de que algunhas das cruces que aparecen esparexidas por todo Xacebáns fosen recollidas daquel camiño e recolocadas no lugar, unha vez xa tivo parroquia.
Atopamos dúas posibles explicacións que xustificarian a esixencia das monxas de Ramirás á hora de enterrar no seu mosteiro:

A primeira, podería deberse a que, na Idade Media, os enterramentos aínda se realizasen na montaña. Estaba máis ou menos perto, e non sobraban os camposantos que por outra parte non eran salubres. 


Mosteiro de Ramirás. Onde se enterraban os de Xacebáns

En toda a Serra do Leboreiro existe unha lenda, moi común en certas culturas, na que os vellos eran levados a morrer á montaña. Isto, máis que ser visto como unha crueldade, debe ser entendido desde un sentido case panteista, de volta ás orixes, aos orixes da terra. Sería o noso mito fundacional?

Parroquia de Santiago de Xacebáns

A outra explicación resulta máis pragmática. O mosteiro de Ramirás era de Monxas de clausura e como tales non podían saír do Mosteiro a controlar os seus negocios. Ao desprazarse cos defuntos a Ramirás mantiñan unha relación directa co Mosteiro que presumiblemente lles permitía actualizar de forma directa certos datos, como o cobro da loitosa (dereitos que pagaban os sucesores do morto, por continuar cos bens aforados). 

Vivir ao  pé do Penegache


O home da foto de portada chamase Manolo "Pavero", non se pode ter máis vivacidade na cara, a súa foto está no Forno. Para os que non coñezan Xacebáns, o forno, antigo forno comunal de cocer o pan, é hoxe o lugar de encontro dos veciños. Penso que a expresion de Manolo Pavero representa o espírito desta aldea, optimista,  traballador, con moita retranca, capacidade para levantarse da desgracia propia. Pero neste lugar tamén houbo un eremita serodio, do século XX, José, que quixo volver á montaña, fixo unha casa, no pé do Penegache “cando non había nin pista”, da que din que aínda queda algunha parede. A terra chama!

Cruce de Pistas. Cara Penegache ou cara As Chedas

Hoxe hai unha casa común para os vellos no que algún tempo foi escola. É o sino.
Pero, na parte máis alta do lugar atopamos esta casa en ruínas que me parece unha fantasía de conto.





Un barco no pé do Penegache.


Esta casa en ruínas paréceme unha fantasía de conto.

Despois de darlle mil voltas non conseguín sacar ningún significado do debuxo. Un amigo, Xulio Medela, que é máis poeta do que pensa, deume unha curiosa idea. Un "exvoto". O propietario debuxaríao como promesa por sobrevivir a un naufraxio. Un naufraxio no pé do Penegache! Puro realismo máxico. Non puiden resistirme a compartir esta idea, que até podería ser verídica.






Orgullo da terra! Bisneto do canteiro que esculpiu a cruz de Penegache


Ricardo. Detrás, un dos cruceiros


Unha casa "boa":


Fermosa casa en a punto de caer da que foi unha importante familia, como se pode ver pola construcion.


O topónimo

Xacebáns ten un nome que causa moitas discusións aos filólogos, o que nos leva a pensar nalgún poboamento, quizais anterior aos romanos. Non hai moito, atopouse unha ara romana, que non puido ser trasladada de moi lonxe até Xacebáns.
Os nomes antigos varían lixeiramente. No tombo de Celanova no documento 239, datado entre os anos 1044-1047, usan o termo Vizebanes, mentres que  no Tombo de  Ramirás, en varios documentos do Século XIII usan Iacebanes.


domingo, 28 de mayo de 2017

MISTERIOS POLICIAIS NO PLANALTO ARRAIANO. X. BENITO REZA PREMIO LOSADA DIEGUEZ 2018


Ana Mosquera


Planalto na raia
























Xosé Benito Reza, natural de Celanova, e un dos mellores coñecedores do Penegache, acaba de publicar a súa primeira novela Terradentro.
O título é unha declaración de intencións  que  agradecemos. Nunha Galicia na que volcaron a demografía cara o mar, é hora de mirar a ese interior.




Trátase dunha novela de xénero policial. O protagonista das pescudas é un avogado da vila, Xosé Rial, un pouco raposote, que se chama así mesmo retranqueiramente avogado das silveiras, e se mofa dos veciños ricos que pagan letrados de postín na capital da provincia.

A novela consta de tres partes nas que se resolven tres misterios e unha especie de epilogo. Non imos facer spoiler, pero si imos dicir onde se desenvolven os misterios:
O primeiro misterio transcorre nunha casa de indiano, “O asasinato do vello Esteban”. Introdúcenos nas personaxes principais, o avogado Rial, o capitán Flores, e o ambiente vilego de posguerra.


Galeria da Praza Maior de Celanova

O segundo, “A casa  grande de Ademourán”,  transcorre nunha casa grande que el sitúa en Remuiños, Cimadevila, nun lugar próximo ás mámoas. Neste relato, o xénero policial  convive coa realidade do campo, coas crenzas panteístas e cos misterios das mámoas. O “Ciprianillo”, libro de bruxería, debeu estar de moda na primeira metade dos século XX na comarca, entre os  buscadores de tesouros.
Aínda que a Casa Grande de Ademourán está situada en realidade noutro lugar, si que existe un lugar que se chama Redemuiños onde os cazadores de tesouros fixeron desastres, até mediados do século pasado, e onde temos constancia oral de conxuros no alto de Santa Cruz para escorrentar o trono. Quen sabe se o pai do autor avogado de profesión non levou algún segredo con el a tumba.


Penegache a Cruz e o poste xeodesico, a relixión e a ciencia.

Luís Axeitos, na casa dos Poetas en Celanova, dicía con acerto que Benito Reza galeguizou o xénero policial, levándoo de forma espontánea ao planalto. O misterio ocorre na alta chaira da raia e finaliza nas mámoas, o autor despístanos cos topónimos, e lévanos de paseo por toda esa máxica meseta que nos une con Portugal.

O terceiro relato, “O can do Alcalde”, ten, como non, unha dobre lectura no seu título.
Arredor do acontecido coa cadeliña do alcalde, o autor introdúcenos na outra vida vilega. A de aqueles que viven de portas adentro. Coma se dunha homenaxe a Taberna do Galo se tratase. E aproveitando este enigma o autor realiza un retrato das máis variopintas personaxes.
Fálanos  da Xuntanza das Mocidades Galeguistas en Celanova.  Até alí viñeran a falar Castelao e Otero Pedrayo. Do semanario Adiante, creado polas mocidades galeguistas entre as que se atopaba o procurador Celso (Emilio Ferreiro) , personaxe do libro.
Desfilan tamén,un médico republicano «o (Meixengo?) , contrabandistas, monárquicos, mendigos, toliños, taberneiras…


Pintada "Adiante Semanario", realizada
antes da guerra polas Mocidades Galeguistas
entre outros Celso Emilio
que ainda se respeta.
Grafiti moderno na vila en lembranza do vello
"Adiante Semanario"

O libro remata cunha especie de epílogo titulado Terradentro. Trátase dunha biografía do protagonista e da terra, unha promesa, promesa que facemos moitas veces todos os que estamos exiliados na cidade do sol de poñente:
“A pouco detívenme para botar unha última ollada ao val, ao meu mundo,do que a penas quedaba nada, do que contan que nos próximos dez anos vai perder a cuarta parte da poboación, e dexerguei unhas letras que fixera a miña nena cunhas pedriñas de seixo, unha palabra que non era unha despedida, senón un desafío: «VOLVEREMOS» (…) E seguimos cara a cidade do sol de poñente, cara os portos grises onde o tempo será forxado de novo”.


Volveremos!!!


jueves, 4 de mayo de 2017

O VERÁN QUE APRENDEMOS INGLÉS NA ALDEA


Ana Mosquera






Aos que están lonxe.
A Xosé Manuel de Fraguas que amaba o  Penegache.


A miña primeira amiga de infancia chamábase Celsita. Os seus pais marcharan ao Canadá e vivía no fondo do lugar. O meu pai estaba en Venezuela.  Celsita é un ano e medio escaso máis vella ca min. Ten tres irmáns pequenos, Manola, criouse en Fondóns coma nós. Tera en Quintela, Xulio en Canadá.


Arriba dentro da discoteca Nova 76 de Celanova. Abaixo Caixa de Rexistro na actualidade.

Despois eles agrupáronse en Toronto. Eu marchei a Caracas. Volvemos todos a Vigo, pasamos veráns xuntos en Fondóns na puberdade. Eles marcharon a Toronto de novo. A miña prima veu de Caracas. A miña prima volveu marchar.
Aquel verán de 1988, Celsa, Tera, Manola e Xulio, viñeron a pasar todo o verán. A miña prima levaba anos instalada en Vigo. Celso, Rosa, Joselito… sempre nós.
Polas tardes, a unha poza acondicionada como piscina, chagaban outros amigos. Xosé Manuel de Fraguas tiña paixón polo Penegache. Nós aínda éramos moi novos para entender a montaña, pero parte do meu entusiasmo polo planalto transmitiumo Xosé Manuel naquelas tardes.


Na piscina falábase indistintamente galego, castelán e inglés, aínda que tamén había quen falaba en alemán e francés. Ao principio do verán só os de Canadá e un retornado de Atlanta se manexaban en Inglés. Eu pronto comecei a usar o meu pésimo inglés de colexio de monxas con Celsa, como lingua secreta diante dos mozos que nos gustaban, algo que uns anos antes xa facía con Espe, outra amiga criada en Canadá que finalmente tamén marchou a Toronto cos seus pais



Celsa en 1988

Cando me din conta podía comprender as disputas entre os catro irmáns e incluso traducilas. Nunca se me ocorreu que a inmersión no inglés podía vir a Fondóns. Cando conto isto sempre percibo alguén que ri, incrédulo. Pero nas aldeas de Galicia sempre se falaron varias linguas estranxeiras.
Todos os veráns de aldea tiñan unha última festa de despedida. En Leirado  era a da nosa parroquia. O día 8 de setembro.
Fomos conscientes de que se acababa aquel verán, de que nos faciamos maiores, e de que se acababa aquel mundo que tanto queriamos. Para min foi o último verán na aldea.


Foto do veran de 1988 que mandou Celsa desde Canadá e que deu orixe
 a esta entrada

Na véspera da festa fixemos unha queimada, que é como se chamaban antes os botellóns.  Unha pequena pota de queimada e varios caldeiros da tenda con botellas de xenebra e Kas de limón ou coca cola.

Un estudante de medicina deliberaba a berros sobre a eficiencia das vitaminas do grupo B en caso de coma etílico. Eu bebía e charlaba feliz en compañía do meu amor de xuventude. Ese foi tamén o derradeiro coqueteo xuvenil que tivemos.

Presa de San  Miguel-Río Deva.


Celsa marchou uns días despois. Choramos xuntas cun relato de Castelao no que dous mariñeiros, un que fala inglés e outro que fala francés, nun porto lonxano do norte e despois de emborracharse, saen cantando “lanchiña que vas en vela…”, mentres pola faciana do taberneiro cae unha bágoa ao tempo que canta polo baixo: “lanchiña que vas en vela…”. Aquilo era un resumo da nosa vida. Celsa levouse “Cousas”.
Máis ou menos todos foron índose, uns máis perto, outros máis lonxe.
Nunca máis nos volvemos xuntar fisicamente.
Xose Luis Rivera traballou en Vigo nunha cafetería, até que se foi para unha granxa. Hai máis de vinte e cinco anos que non o vexo.

Fondóns

Xosé Manuel de Fraguas non soportou que aquel mundo que tanto quería se esborrallase. O seu corpo deixounos en novembro.

O Facebook e a internet permítennos volver a reunir aos superviventes daquel grupo. Aquel modo de vida xa non existe. A piscina de Joselito tampouco, pero hai unhas piscinas mellores. E podemos aprender de José Manuel de Fraguas a descifrar os misterios da montaña, visitar a vila de Celanova ou Milmanda… Desde este blog faremos todo o posíbel para darvos razóns para volver a estas terras.



Xosé Manuel