jueves, 19 de noviembre de 2015

ARA ROMANA PROCEDENTE DE XACEBÁNS-QUINTELA DE LEIRADO



Fotografía de José Luis Fuentes, na que despois de traballar cos filtros adecuados, case podemos ler a inscripción desta fermosa peza que foi doada ao museo arqueoloxico de Ourense por Antonio Seoane.

miércoles, 11 de noviembre de 2015

A PEDRA DE ANTONIO VIAXA AO MUSEO ARQUEOLÓXICO





Felipe Castro

A ara romana rescatada por Antonio Seoane nun palleiro de Xacebáns xa está no Museo Arqueolóxico, logo dun traslado algo complexo que, grazas a unha serie de veciños e institucións que nos prestaron a súa axuda, saíu moi ben.


Ara en Fondóns antes do traslado


Gustaríanos desde aquí dar as grazas a Elixio e ao Benigno, polo xeito coa que en todo momento a trataron; a Alberto e Virita do Val, por hospedala (que palabra máis romana!) na súa casa; así como ao Concello de Quintela de Leirado e á Mancomunidade da Terra de Celanova, que en todo momento amosaron a súa vontade de colaboración e foron os que finalmente a trasladaron ata Ourense. Por suposto, reiteramos todo o que xa dixemos no seu momento de Antonio e facémolo extensible a todos seus fillos, que sempre apoiaron a decisión do seu pai de doar a pedra.


Ara vista desde outra perspectiva que permite percibir a inscrición


O outro día Antonio contábanos que anda algo preocupado, xa que lle gustaría chegar a ver a ara exposta, ir visitala a Ourense, e, lendo as novas dos últimos meses que non rematan de dar unha data para o traslado definitivo do Museo a súa sede, pensa que igual non lle dá tempo. Os irlandeses teñen un dito tan fermoso como cheo de verdade, "When God made time, he made plenty of it", é dicir, cando Deus fixo o tempo, fixo suficiente. Estamos seguros de que o Deus romano ao que está dedicada a ara, a nosa deusa nai do Deva, e ata tódolos santos católicos que nos unen á vella Irlanda, han tecer todo o tempo que sexa preciso.

lunes, 9 de noviembre de 2015

Historia de dúas familias extraordinarias (2). Da zanfona á cirurxía das cataratas.


Ana Mosquera


Os Santalices




Din que todos os Santalices son orixinarios de Vilanova dos Infantes, non obstante Faustino Santalices Pérez,  (16/11/1877-6/12/1960), pai, o músico que inspirou a Milladoiro, naceu na Granxa, en Bande.


Esta familia, os Santalices de Bande, deixáronnos importantes descubrimentos en mundos tan diferentes como a música, a medicina oftalmolóxica e a cirurxía do ollo. Neste último campo, Faustino Santalices Muñiz (1923-2010), o  fillo, destacou cos seus inventos.

Faustino Santalices pai, á gaita, o fillo co tambor.



Na casa das rodas, museo do afiador, de Florencio de Arboiro na que falamos noutra entrada, descubrimos un material de afiador moi especial: o material quirúrxico do médico-afiador Faustino Santalices. 


Non puiden resistirme a mencionar a estes veciños da raia. 


Santalices pai recuperou a zanfona para a música popular galega, instrumento que estaba case extinguido e só era utilizado nos cantares de cego.





Faustino Santalices pai, coa zanfona.


Ademais de ser un gran músico, estudou dereito e mantivo amizade co poeta Ramón Cabanillas. O grupo musical Milladoiro recuperou unha peza de Santalices, o “Alalá das Mariñas”, unha das pezas máis coñecidas de Milladoiro que enlazamos a continuación:








En 1947 Faustino Santalices pai trasládase a Madrid como Secretario do Instituto Oftálmico Nacional. Alí coloca no soto do edificio, na rúa General Goded, nº 17, o seu taller de construción de gaitas e instrumentos.




Fotografia estraida de O NACEIRO

Nos anos da autarquía resultaba complexo enviar ao estranxeiro o material quirúrxico para o seu afiado. 

Faustino Santalices, fillo  no seu taller de afiado de material quirurxico.

Isto e  a morte do Sr. Coronado, a única persoa capacitada para realizar o afiado do material oftalmolóxico, fai que as monxas do Instituto Oftalmolóxico Nacional lle pidan a Santalices pai que intente o afiado do material quirúrxico. Elas coñecían o taller do soto e  tiñan visto a súa facilidade co afiado. Santalices pai non será capaz de afiar este delicado material. Pero si o seu fillo, o médico afiador Faustino Santalices. Este oftalmólogo ciruxán, procedente de Bande, fixo a súa tese de doutoramento sobre o afiado de instrumental médico. E, cousas que pasan, rexeitáronlla dúas veces por entender que non tiña relación coa medicina, senón coa enxeñería.



Ventosa para extraer cataratas diseñada por Faustino fillo.
Supuxo unha gran innovación na operación desta doenza.

Co tempo, o médico afiador Faustino Santalices pasou a ser o afiador do material quirúrxico das máis prestixiosas clínicas oftalmolóxicas do Estado, como Barraquer, pero nunca perdeu o gusto pola música tradicional galega que o seu pai lle transmitiu.





Faustino Santalices Muñiz deiuxounos o 9 de maio de 2010. Antes de morrer gravou este programa na TVG adicado ao seu pai.







Queremos manifestar o noso agradecemento á casa das Rodas e a Florencio de Arboiro, a quen xa lle adicamos outra entrada.