domingo, 27 de septiembre de 2015

FRAGUAS E O CARBALLO DE SANTA EUFEMIA


Ana Mosquera



Carballo de Fraguas cunha rama caida en 2004




O topónimo Fraguas, ten relación coas forxas. A aldea debeu orixinarse nun lugar onde se forxaban os metais. Non é de estrañar xa que perto están as minas do Facho. Estas minas durante o século pasado serviron para extraer wolfran durante  os anos da Segunda Guerra Mundial,  que se vendia aos alemáns para a industria do armamento.  




Cartel no monte de O Facho


Non é descartable que con anterioridade ao wolfran se extraesen outros minerais ou metais. De feito, a finais dos anos oitenta do século pasado Explosivos Riotinto buscou ouro nestas minas. Non tivo éxito co ouro, e ademais as obras de prospección cambiaron o curso dalgún acuífero. Ouro aparte, hai varias fontes de auga ferruxinosa nas proximidades, o que indica a presenza abundante deste metal, podendo explicar a existencia de fraguas ou forxas na zona.


Fonte de augas ferruxinosas perto de Quintela



Fraguas pertenceu a Ramiras,  como A Mourisca e Xacebáns. 

O Catastro de Ensenada, feito entre os anos 1750 e 1754, sitúa Fraguas en Ramirás. A pertenza a Ramirás supuña, como no caso de Xacebáns, unha boa comunicación co mosteiro e a existencia de importantes camiños




Mosteiro de Ramirás

O Lodairo, entre Fraguas e Leirado, debía ser un cruce importante de camiños,  pois nos anos da Guerra Civil era un punto de encontro para a recollida das requisas de alimentos que se enviaban aos soldados na fronte.




Cruceiro na Alén

De Fraguas chamáronme sempre a atención varias cousas, a primeira é a fermosa casa case en ruínas da familia Estrada, na Alén. Hai pouco souben que esta casa construíuse grazas a que unha rama da familia Estrada, a fins do XIX ou principios do XX, trasladouse a Guinea, onde fixo fortuna. Non é de descartar que este exemplo animase a importante saída de man de obra no concello de Quintela Leirado para Fernando Poo, unhas décadas despois.









Na parte alta do lugar de Fraguas está a capela de Santa Eufemia, ate hai poucas semanas lucía ao seu lado un carballo centenario. O carballo tivo que ser cortado,, xa que resultaba perigoso ao estar oco por dentro e con podredume.

A  primeira vez que pasei por diante dese Carballo, enseñoumo un veciño con fachenda. Era 2004 e a arbore xa estaba esgotada polo peso das ramas. Caera unha ponla e tomei a foto da cabeceira. Casualmente pasei por Fraguas poucos días despois da tala do carballo e aínda se sentía no lugar a súa perda como a perda dun veciño querido.

O Carballo estaba ao lado da capela de Santa Eufemia. 





Restos do carballo centenario
Santa Eufemia-Museo de Ourense
Procedente dun cruceiro de Mariñamansa




A historia de Santa Eufemia, resulta do máis interesante. Escollín para contar  aquí a lenda recollida polo bispo ourensán Juan Muñoz de la Cueva ( 1717- 1728), que afirma que é unha santa galega, diferente da Santa Eufemia de Calcedonia.


Segundo o bispo, a nosa Santa Eufemia tería nacido en Baiona, onde sufriu persecución a causa da sua fe cristián. 

Escapou de Baiona e agachouse nalgún lugar da serra do Xurés, onde fixo vida anacoreta, pero foi descuberta, capturada, martirizada e finalmente arroxada por un barranco  perto da cibda romana perdida de Obobriga, na serra do Xurés, entre os ríos Caldo e Limia. Isto tería ocorrido en tempos do emperador romano Adriano (Século II).



O seu corpo permaneceu máis de oitocentos anos no lugar onde foi despenada, ate que unha labrega atopou no lugar de Campelo, en Lobios, unha man da santa saíndo da terra cun anel. Á moza gostoulle o anel e colleuno para si. Ao retirar o anel e poñelo no seu dedo, a moza quedou  sen fala. Despois comezou a sentir unha voz que lle mandaba voltar o anel á santa. Ao colocar o anel novamente na man da santa, a moza recuperou a voz. Con motivo da milagre produciuse o primeiro traslado do corpo á  capela de Santa Mariña de Augas Santas. Despois sería levado á catedral de Ourense, xa que ese foi o camiño que tomaron os bois.







Na catedral de Ourense están os osos atribuidos á santa. Tamén atopamos numerosos santuarios na provincia adicados á santa galega: unha parroquia na capital da provincia, templos en Ambía, en Milmanda,  Lobeira, A Mezquita e este de Fraguas.

Santa Eufemia e os seus milagres as veces veñen ligados coa auga, coa fertilidade e coa agricultura. Temos varias fontes santas próximas aos seus santuarios.



























E, como non, a tradición popular galega introduciu á Santa  na agricultura, así o recolle Xaquín Lourenzo:


"San Isidro Labrador,
que anda arando no campo;
a santa Eufemia bendita
vaille de diante do gando."



domingo, 20 de septiembre de 2015

O gato de Penegache en Journal of Zoology e TVE?





Cruz de Penegache dominando unhas impresionantes vistas a toda a Terra de Celanova. Trátase dunha foto do arquivo familiar de José Luis Fuentes


Felipe Castro


        Na nosa primeira entrada falamos da posibilidade de que o nome dun lugar tan simbólico para nós como Penegache (ou Penagache, empregamos a versión arcaica do nome porque foi a que sempre escoitamos aos nosos maiores, o que non significa que non aceptemos a versión oficial do topónimo, de seguro máis adaptada ao galego moderno) tivese a súa orixe na existencia de linces nas nosas montañas, avalando tal idea con diversas referencias históricas a lobos cervaes de ilustrados como Carvalho da Costa ou Frei Martín Sarmiento.
        Esta semana o amigo Marcos Fuentes envianos esta entrada da páxina web de RTVE que resume un artigo publicado nunha prestixiosa publicación científica, Journal of Zoology, por unha equipa de investigadores das universidades Complutense, Carlos III e de Oviedo. Nel demóstrase a presencia do lince boreal no norte da península ibérica a través de análises de ADN practicados a restos de oito linces atopados en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
        Isto segue sen demostrar algo que plantexamos só como unha hipótese, e que é imposible de afirmar sen que se realicen sobre o terreo traballos como estes dos que falamos hoxe; non obstante, gostaríanos dar a benvida a investigacións deste tipo, que aclaran o noso pasado zoolóxico, ao tempo que animamos a investigadores e institucións galegas a que teñan en consideración esta posibilidade no momento de realizar futuras excavacións arqueolóxicas ou paleontolóxicas. Beizóns a estes investigadores, e aos que se animen nun futuro, polo seu tempo, coñecemento e esforzo.



miércoles, 2 de septiembre de 2015

ALONSO RÍOS FUXE POLO PENEGACHE






As terras de Penegache son terras de fronteira, camiños que cruzan os montes do Leboreiro e que foron territorio salvaxe de lobos, lugares onde se libraron batallas.

Nestas terras movíanse as faccións carlistas do presbítero D. Calixto e as de Salinas; agachadas en Castro Leboreiro, nos anos 1873 e 1874. O contrabando cos seus riscos foi un medio de vida, ás veces perigoso, que abarcou un amplo perírodo da nosa historia. Durante a guerra civil houbo homes que desertaron e viviron en Castro Leboreiro, grazas ás amizades forxadas no contrabando, e regresaban algunhas noites a ver as súas mulleres.
Hoxe imos contar unha historia pouco coñecida desta fronteira: a fuxida de Afranio de Amaral de noite a través da serra de Penegache.

Hai anos lin un libro autobiográfico de Antón AlonsoRíos, titulado O siñor Afranio, ou como me librei das gadoupas da morte.

O Siñor Afranio é un criado que leva nesa profesión exactamente desde o 26 de xullo de 1936. En 1939 fuxe desde Cartelle cara a Monte Redondo, para marchar a  Portugal. Antes pasa -segundo el mesmo relata- por Gomesende e Quintela de Leirado, “onde se lle fai noite pecha”.

Ponte dos carros

Sería lóxico que chegase a Quintela segundo a sua narración polo camiño medieval de Abellás para logo ter cruzado na ponte de Quintela. Por aqueles tempos aínda se conservaba a ponte antiga, da que non hai estudos, pero da que se pensa que podía estar sobre unha ponte romana (Quintela e os romanos serán tema para outro día). Tamén puido cruzar o Deva na Ponte dos Carros, entre Fondóns e Mociños. Parece que finalmente non chegou a Monte Redondo, e ainda que el parece non telo moi claro debeu cruzar a fronteira por un lugar do Concello de Quintela de Leirado. Hai un par de pasos neste concello que conducen ao camiño de Rodeiro.


camiño vello de Abellás



Literalmente Alonso Ríos sigue  así “…fun dar cun regato coa orela mecha de silveiras. Camiñei ao longo del, mais non atopaba a maneira de furar por entre as silvas e meterme a atravesalo (…). E xa posto a furar fose como fose, inda que esgazara a roupa e o pelexo, camiñei un pouco máis abaixo e alí por sorte atopei a orela sen silvas e uns poucos pasos naturais (…).


Calzada cara a fronteira

            Cando pisei terra vin que por un carreiriño que corría ao borde dunha ribada viñan seis homes, cada un cunha peza de tea ás costas.
            Baixaron da ribada, e o primeiro chegou cara a min e parouse. Os outros fixeron o mesmo, e quedaron os seis en fileira  e calados todos. Eu seguín camiñando.
            -Boas noites- díxenlles.
            Eles responderon o mesmo.
            Novo silencio. Entón dinlles a entender que por min non había caso, dicíndolles:
            -Que haxa sorte.
          -É o que nos cómpre a todos- respostaron.E botaron a camiñar, choutando de penedo en penedo como fixera eu, máis en dirección oposta. De certo eran contrabandistas. Comprendín que o meu camiño era o axeitado.


calzada cara os Mociños e as Chedas
            
            Aquela noite andei até ben tarde. Durmín unhas horas nunha chousa

           Finalmente Afranio chega á branda de Rodeiro (Fegresía de Castro Leboreiro) e segue cara á Peneda. Despois de pasar diversas visicitudes chega a Arcos de Valdevez, agache nunha cova e finalmente chega a costa e consegue finalmente embarcar cara Casa Branca e desde aló chegar a Bos Aires.

          Debeu existir unha certa convivencia e mesmo colaboración entre contrabandistas e escapados. A novela de Manuel Tiago (pseudónimo de Álvaro Cunhal), levada ao cine, relata a convivencia dun contrabandista e un fuxido portugués perseguido pola xustiza.  

            Pero ¿quen era Afranio de Amaral, en realidade? Afranio de Amaral era un naturalista brasileiro, pero o noso Afranio, o que fuxiu pola serra de Penegache, era Antón Alonso Ríos, deputado do partido galeguista durante a Segunda República e membro, xunto con Castelao, do Consello Galego no exilio.



Antón Alonso Ríos

Naceu en 1887 en Silleda. A pesar de ser mestre, emigrou a Bos Aires en 1908, onde  chegou a director da Sociedade Científica Arxentina. Preocupado pola ensinanza en Galicia,  Alonso Ríos  participou nunha das numerosas asociacións galegas de Bos Aires que tiñan como fins a modernización da súa terra “hijos de Silleda”, promovendo a construción de escolas.



Escola El Povenir de Tomiño
En 1931 Alonso Ríos trasladouse a Tomiño como director da escola “El Porvenir”.  Desde o comezo da guerra, fíxose pasar por pobre de pedir. Estivo en varias casas de criado, e finalmente fuxiu pola serra de Penegache, vindo desde Cartelle e pasou noite nunha chousa. Aquí temos unha. Esta está entre as Lamas da Basteira e a Torriña. As pedras sostéñense equilibradas. Non ten ningún tipo de argamasa.  No fondo parécese ás mámoas que construían os nosos antepasados no mesmo monte. Nunca saberemos se a chousa de Alonso Ríos aínda está en pé nestas montañas.


           

Chousa perto de As Chedas